O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, visitou hoxe o comezo da construción do edificio do futuro Centro de Protonterapia de Galicia -que estará situado nas inmediacións do CHUS en Santiago de Compostela.
Destacou que Galicia é a primeira Comunidade en iniciar deste Centro, situándoa á vangarda no tratamento contra o cancro.
E que “será a primeira en ofrecer servizo aos pacientes da comunidade e doutras autonomías como Asturias e Castela e León”.
A previsión, tal e como explicou o presidente, “é que a mediados de 2026 xa se estea tratando a pacientes”. As obras estruturais -ás que se destinan 19,8 millóns de euros- vanse estender durante 15 meses e logo farían falta varios meses para levar a cabo a instalación e reaxuste dos equipos de protonterapia (ciclotróns). Neste senso, insistiu na importancia tanto da “rápida evolución das obras, sempre en beneficio das familias e dos doentes que reciban o tratamento, coma “dos aparellos de última tecnoloxía.
Galicia vai recibir un dos dez equipos financiados pola Fundación Amancio Ortega ao Sistema Nacional de Saúde co obxectivo de promover a creación de centros específicos para este tratamento de última xeración en toda España. Durante a súa intervención, Rueda salientou que a protonterapia é unha radioloxía “máis precisa, segura e eficaz” que a convencional, o que permite tratar tumores de difícil acceso, “acurtar os tempos de tratamento e reducir os efectos secundarios”.
Trátase dunha terapia -indicada especialmente para determinados tipos de tumores pediátricos- que reduce de xeito significativo os tratamentos innecesarios en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos que a radioterapia convencional é menos efectiva e a cirurxía no é unha opción.