sábado, 20 de abril de 2024

A Xunta sitúa como obxectivo central e prioritario da lexislatura poñer á disposición dos cidadáns de 8.000 novas vivendas de promoción pública para duplicar o parque actua

Onte a nova conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, participou hoxe na clausura do V Congreso Inmobiliario de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Inmobiliarias.

Martínez Allegue destacou que o fin prioritario do Goberno galego é traballar para facilitarlles aos cidadáns o acceso a unha vivenda de calidade, polo que tamén remarcou o obxectivo de impulsar o desenvolvemento de solo residencial para 20.000 inmobles protexidos. 

Apuntou que a Xunta seguirá avanzando para que os galegos poidan acceder a un fogar cun amplo abano de medidas en diferentes ámbitos.

Neste sentido, salientou que o Executivo autonómico está concedendo axudas ao alugueiro e avais para aadquisición de vivendas.

Engadiu que se procura mobilizar inmobles baleiros con garantías para os propietarios a través dun triplo seguro de impago, asistencia xurídica e danos na vivenda.

Tamén fixo fincapé na importancia de dinamizar o mercado da vivenda desde unha perspectiva accesible e cun marco xurídico claro e estable. 

A este respecto, indicou que antes de implantar medidas como a declaración de zonas tensionadas convén saber que, por exemplo, en Berlín este tipo de iniciativas reduciron a oferta de pisos en alugueiro, supuxeron o encarecemento da renda media e o fomento dunha sorte de mercado negro.

Apelou ao traballo conxunto dos actores privados e as administracións públicas para acadar un marco común eficaz e positivo para os cidadáns, blindando a vivenda como un dos piares básicos do estado de benestar.