O xoves desta semana o presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego terá en marcha este verán as obras para a construción ou a rehabilitación de preto de 400 novas vivendas de promoción pública (VPP), concretamente 395, nas que prevé investir máis de 45 millóns de euros.
Deste xeito, Rueda puxo en valor que todas estas
vivendas estarán en execución dentro dos prazos “comprometidos” para os
primeiros meses desta nova Lexislatura e co obxectivo, segundo remarcou, “de
rematala cun parque público en Galicia de 8.000 vivendas”, sumando as
promovidas directamente pola Xunta e as que se fagan a través de cooperativas
coa colaboracion público-privada.
Precisou que estas vivendas se localizarán nos
concellos de Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol, Ourense, Mondoñedo e
Viveiro, en liña co compromiso do Goberno galego de prestar unha atención
especial ás necesidades residenciais das grandes cidades, tendo en conta que
son estes municipios os que concentran entre o 75 e o 80 % dos inscritos no Rexistro
de demandantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
Ademais, salientou o “dato importante” de que as taxas
urbanísticas que vai abonar a Xunta aos concellos onde se van localizar estas
400 VPP suporán ao redor de 2,7 millóns de euros, “o que traducido a número de
vivienda permitiría a construción de 20 vivendas máis”.
Licenzas e outros trámites municipais
Neste sentido,
a Xunta reitera unha vez máis a
importancia de que as administracións locais colaboren neste tipo de
actuacións, axilizando o máximo posible a resolución daqueles trámites ou
permisos que dependen dos seus departamentos urbanísticos e que resultan
imprescindibles para que o IGVS poida iniciar e executar os seus proxectos
construtivos para o impulso da vivenda pública.