viernes, 24 de noviembre de 2023

Aprobada a nova Lei de igualdade efectiva de mulleres e homes, que sitúa a Galicia á vangarda na loita contra calquera discriminación contra a muller

 

O martes desta semana o Pleno do Parlamento de Galicia aprobou, coa abstención de BNG e PSdeG, a nova Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, “un texto lexislativo feito pola Galicia do presente para a Galicia do futuro”, manifestou a viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado

En concreto, esta nova norma sitúa á Galicia á vangarda na loita contra calquera discriminación contra a muller, blindando o compromiso co seu benestar integral e sendo un referente na loita polos dereitos da muller e no combate de novas fórmulas de discriminación a través dos novos paradigmas comunicativos e dos avances tecnolóxicos.

Paula Prado salientou que esta lei “xorde tras múltiples consultas e contactos cos seus futuros destinatarios e logo dunha análise rigorosa sobre a necesidade e oportunidade de introducir cambios lexislativos”. En concreto, o texto someteuse a consulta de 52 entidades representativas e contou co ditame do Consello Galego de Relacións Laborais e do Consello Económico e Social de Galicia, sendo tamén negociado na Comisión de Persoal e con audiencia da Valedora do Pobo. “O resultado destas achegas foi a incorporación de máis de 200 alegacións”, dixo.

Ademais, no trámite parlamentario incorporáronse ao texto definitivo 63 emendas dos grupos da oposición (27 do BNG e 36 do PSdeG), das que 52 foron do xeito directo (17 do BNG e 35 do PSdeG) e 11 froito de transacción (10 do BNG e 1 do PSdeG).

APOIO NO EIDO LABORAL

Prado dixo que esta lei “é pioneira porque incide en medidas concretas contra as discriminacións múltiples das mulleres con discapacidade, co obxectivo de construír unha Galicia máis inclusiva; promove a creación de espazos urbanos seguros, libres de violencia sexual e de acoso; e dedica un capítulo ás mulleres que traballan nos sectores rural e marítimo-pesqueiro”. Así, e referido a este último colectivo, o texto lexislativo fomenta o asociacionismo nestes colectivos e promove un Observatorio das mulleres rurais e do mar, que asesorará ao Goberno galego no seguimento da súa situación.

Outro dos ámbitos nos que incide esta lei é o apoio ás mulleres no eido laboral, regulando conceptos novidoso como a sustentabilidade social e empresarial ou o benestar laboral. “Búscase que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre os seus traballadores, mellorando a calidade de vida e as condicións laborais e integrando a perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais, o teletraballo, o dereito á desconexión e a flexibilización e racionalización de horarios”, apuntou.

Para rematar, Paula Prado referiuse ás emendas do Grupo Popular incorporadas ao texto lexislativo, que permitirán incorporar materias relativas á perspectiva de xénero nos plans de estudo das universidades públicas; introducir un servizo de asesoramento específico nesta materia nos centros de información á muller; racionalizar os horarios de traballo, con especial atención á situación particular das mulleres con fillos con discapacidade ou dependencia; e incorporar na composición do Observatorio da muller da pesca ás confrarías galegas e a outras organizacións representativas dos sectores máis feminizados do ámbito marítimo-pesqueiro.