jueves, 31 de agosto de 2023

A Xunta destinará ata o ano 2027 un investimento de 20 M€ para impulsar a estrada intelixente na rede viaria autonómica.



O Consello da Xunta celebrado hoxe aprobou a Estratexia de dixitalización e innovación en materia de estradas de Galicia, elaborada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas e en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Consta na referencia do Conxello que “esta folla de ruta recolle as actuacións necesarias para organizar de xeito eficiente a xestión da rede de estradas autonómicas, e prevé un orzamento de 20 M€, que contará co cofinanciamento do programa de Galicia Feder 2021-2027.

A Estratexia de dixitalización e innovación en materia de estradas de Galicia fixa cinco retos concretos.

O primeiro é conseguir máis rapidez e eficacia na xestión, tanto para promover a optimización e innovación das infraestruturas e do transporte por estrada como para tramitar as autorizacións precisas para actuar no dominio público viario. Suporá un grande impulso técnico para aproveitar ao máximo as potencialidades das vías e unha maior axilidade no outorgamento de permisos ao cidadán.

O segundo reto que se fixa é facilitar o despregamento do vehículo autónomo; o terceiro, a aplicación de tecnoloxías Big Data e a intelixencia artificial para unha maior eficacia e eficiencia no mantemento e conservación das estradas; o cuarto reto é a xestión avanzada da seguridade viaria para a protección dos usuarios: prevención de accidentes empregando técnicas de intelixencia artificial para previr os sinistros con animais; e o quinto reto, a formación especializada.

Liñas de acción

Este programa consta de distintas liñas de acción sobre as que está previsto desenvolver a Estratexia de dixitalización e innovación en materia de estradas.

En primeiro lugar, poténciase a administración dixital, a través da tramitación electrónica, do arquivo dixital documental ou da dixitalización de expedientes. Trátase de acadar a tramitación electrónica, do principio ao fin, de todos os expedientes da Axencia Galega de Infraestruturas, coa máxima transparencia para a cidadanía. Realizarase sobre unha base cartográfica dixital en que se determinarán as actividades e construcións que é posible desenvolver en cada punto, co cal se gañará seguridade xurídica, axilidade na tramitación e, en definitiva, se contribuirá a fomentar a actividade económica.

En segundo lugar, o documento inclúe a dixitalización da estrada e o seu contorno, coa habilitación sinalada de cartografía dixital, vectorización dos elementos da estrada ou a actualización do Catálogo visual de estradas, liñas de actuacións en que xa se está a traballar. Conseguirase así dispoñer do “xemelgo dixital da estrada”, unha réplica en dúas ou tres dimensións de toda a rede viaria, que poida ser empregado como base para a xestión das estradas, a elaboración de estudos ou a visualización de datos. Incluíranse nese “xemelgo” elementos como a sinalización, as barreiras ou as estruturas como obras de paso, muros ou noiros.

Outra liña de acción é a estandarización, coa dotación dun banco de prezos para a construción, conservación e explotación de estradas, prego de prescricións técnicas e actualización das instrucións de redacción dos proxectos. A Estratexia tamén recolle os sistemas intelixentes de transporte, con medidas como a instalación de estacións de capacidade automáticas e con transmisión de datos en tempo real, sistemas de cálculo automatizado de vehículos ou integración de sistemas coa Dirección Xeral de Tráfico. Trátase de obter un mellor coñecemento en tempo real do estado das estradas, así como do seu nivel de demanda, información que se comunicará co vehículo autónomo para facilitar o seu despregamento en Galicia.

Coa información que se obterá, dixitalizarase e analizarase, para implementar sistemas de intelixencia artificial cos que se poderá facer unha conservación preditiva das estradas, anticipándose aos problemas antes de que sucedan, o que evitará accidentes en materia de seguridade viaria. Un exemplo desta liña de actuación son as probas piloto con drons e intelixencia artificial que a Xunta está a realizar para ver se é posible, con esta ferramenta, detectar con máis precisión danos nos pavimentos das estradas autonómicas.

Este sistema detecta deterioracións nos firmes a través das imaxes tomadas desde un dron, que son automaticamente procesadas e analizadas co uso da intelixencia artificial e permiten a xeración inmediata de informes do estado de conservación da vía. No marco deste procedemento, buscarase identificar solucións innovadoras e que aproveiten os datos, a tecnoloxía e a intelixencia artificial para resolver problemas como o dos atropelos de animais, que son cada vez máis frecuentes nas estradas galegas.

A formación é outro eixe da Estratexia e posibilita que tanto o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas como de todo o sector teña un manexo eficiente de todas as novas ferramentas de transformación dixital da estrada.”