sábado, 4 de marzo de 2023

Rueda avanza que a Xunta e Enagás acadan un acordo polo que a empresa se compromete a realizar investimentos en Galicia e a construción do hidroduto entre Guitiriz e Zamora

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro delegado de Enagás, Arturo Gonzalo, acordaron hoxe desenvolver un pacto enerxético que garanta que a empresa realizará diferentes investimentos na nosa comunidade para impulsar o transporte de hidróxeno e gases renovables. 

Entre elas, segundo explicou o titular do Goberno galego, está a construción do hidroduto entre Guitiriz e Zamora para garantir a conexión gasística entre Galicia e a meseta. “Este é un paso moi importante para o futuro industrial de Galicia”, resaltou o presidente galego, quen agradeceu a “firmeza do compromiso de Enagás”.

A través deste acordo, Enagás comprométese a acometer todas as actuacións necesarias para a construción desta infraestrutura. O obxectivo, segundo subliñou Rueda, é que o tramo galego forme parte da primeira fase da rede de hidrodutos que conectará a Península Ibérica co resto de Europa. A previsión de Enagás é que estea en funcionamento no 2030.


“Galicia está apostando moi forte polo desenvolvemento da enerxía do futuro e todo apunta a que esta vai ser o hidróxeno verde”, resaltou Rueda, quen destacou a importancia de traballar xa para “consolidarse” neste eido.


A comunidade galega ten un enorme potencial para o desenvolvemento de gases renovables pola súa posición xeoestratéxica, a gran dispoñibilidade de auga e por contar cun amplo ecosistema de innovación, investigación e empresas.


Nesta liña,  o presidente lembrou que a comunidade xa está a aproveitar estas oportunidades coa constitución da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde -que xa conta con 9 empresas tractoras e 8 asociacións que representan a máis de 700 compañías-, co impulso de plantas de biometano -como na que Enagás tamén participa e que se prevé construír en Castro de Rei- ou con dúas plantas de produción de hidróxeno verde que se están proxectando nas Pontes e Meirama.


Pero ademais, Galicia vai ser un territorio clave na subministración enerxética de gases renovables. O acordo alcanzado hoxe é unha mostra máis do traballo que está a realizar a Xunta a prol do desenvolvemento dunha Galicia verde, industrial e competitiva.