Hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación das obras da senda do Barbaña e da avenida das Caldas, que suporán un investimento autonómico de 5,4 M€ e permitirán conformar un itinerario sostible, accesible e seguro que conecte Ourense de norte a sur. A nota de prenso difundida dí:
“Explicou que este
mesmo luns se licitaron as obras de acondicionamento da avenida das
Caldas por importe de 1,4 M€, ás que as empresas poden presentar as
súas ofertas ata o 24 de abril; e que tamén hoxe se licitan os traballos da
senda entre Os Remedios e Expourense, ao longo do paseo do Barbaña, por case
3,8 M€. Neste caso o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas
remata o 25 de abril.
Ethel Vázquez avanzou
que a Xunta iniciará as primeiras obras a finais do verán, comezando pola senda
da avenida da Caldas, que estará xa a pleno desenvolvemento cando comecen os
traballos no paseo do Barbaña, no último trimestre do ano.
O obxectivo, dixo, é
poder ter rematados estes treitos de senda a finais de 2024, avanzando así na
conformación do itinerario que conectará os principais equipamentos da cidade,
de norte a sur, a través de 5,1 km de sendas cun investimento global da Xunta
de máis de 8 M€.
Detallou que o
Goberno galego está a impulsar esta senda metropolitana que irá desde a intermodal
ata Expourense, pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o paseo do Barbaña,
Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz.
Concretou que na
senda entre a intermodal e a Ponte Romana, a da avenida das Caldas, se
acometerá unha humanización integral para convertela en porta de entrada á
cidade, tendo en conta que a senda parte da estación intermodal. Así,
mellorarase a mobilidade peonil e ciclista nun treito que coincide, ademais,
coa Vía da Prata, polo que tamén se contribuirá á dinamización do Camiño.
Actuarase ao longo de
600 metros, entre a estación intermodal e a Ponte Romana, habilitando
beirarrúas máis anchas e carril bici, gañando espazo para as persoas e
reducindo a circulación do tráfico rodado a un carril, en sentido baixada, que
se dotará, pola marxe dereita, de aparcadoiro, paradas de autobús e zonas de
carga.
Tamén se ampliarán e
se renovarán as beirarrúas, procurando un ancho mínimo de 2 metros na marxe
dereita en sentido baixada e de entre 3 e 5 metros pola marxe esquerda, que é a
que coincide co Camiño de Santiago.
No caso do treito de senda entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña, serán 3,5 km de itinerario, dándolle continuidade onde se interrompe, entre a praza de abastos e A Molinera. Melloraranse os pavimentos para a circulación a pé e en bici e os cruces, dando preferencia a estes usuarios, e reforzando tamén a accesibilidade e as conexións coa contorna.
Executarase unha nova
estrutura metálica para o paso peonil independente, dando solución á beirarrúa
precintada na marxe dereita do estribo da Ponte Romana. Ademais, para acadar
unha mellor conexión entre a Ponte e a senda do Barbaña, habilitarase un paso
para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela.
Ao longo do
percorrido mellorarase o acceso ás Burgas, conectando de modo directo os paseos
do Barbaña e Barbañica e actuando no acceso á zona deste pavillón Paco Paz e a
Expourense.
Ethel Vázquez
enmarcou estas intervencións na aposta da Xunta pola mellora da seguridade nas
estradas e a dotación de sendas peonís para unha mobilidade segura, saudable e
sostible, un traballo que nos últimos anos permitiu a dotación de máis de 250
km de sendas cun investimento de máis de 50 M€.
Lembrou que en
Ourense esta primavera estarán rematados os preto de 6 km de itinerarios que se
están a executar en Valdorregueiro e en Montealegre e tamén na Rabaza, A Ponte
Sevilla e avenida de Ponferrada, cun investimento da Xunta de 3,4 M€.
Estas intervencións enmárcase nos
proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation,
co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.”