sábado, 25 de febrero de 2023

Rueda: “Temos os mellores candidatos e polo tanto están obrigados a ofrecer os mellores gobernos”


Asisto hoxe ao acto de presentación dos 313 candidatos do PPdeG ás eleccións no que O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, reivindicou á súa formación como “o partido que máis se parece a Galicia” a través dos seus 313 candidatos e candidatas ás eleccións municipais, aos que presentou hoxe nun multitudinario en Santiago de Compostela.

Acompañado polo presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, e ante unha audiencia de máis de 4.000 persoas Rueda salientou que os candidatos populares son “libres para mirar aos ollos da xente” en contraposición a “outros que van ocultar as súas siglas e esconder os pactos que farán se non gañan en votos”.

Neste sentido remarcou que “os candidatos do PPdeG son candidatos libres, sen hipotecas e só dedicados a traballar polos seus veciños” e engadiu: “Pedirémoslle aos galegos a súa confianza mirándolles aos ollos, dicíndolles que imos traballar e que non temos máis que ofrecer que ilusión, compromiso e traballo”.

 

O líder dos populares galegos remarcou a necesidade de conseguir “maiorías absolutas para evitar gobernos de perdedores” porque “xa se sabe o que son os bipartitos, o que son os incumprimentos cando un ten outras prioridades que non son as dos seus veciños, o que son as divisións, as contradicións e as imposicións ideolóxicas”.

 

“As municipais hai que tomalas moi en serio porque somos un partido con responsabilidade. Son a oportunidade para seguir progresando onde xa se goberna e de mellorar nos concellos que necesitan un cambio”, engadiu.

 

Alfonso Rueda sinalou neste sentido que dentro de tres meses só hai dúas opcións: “Gobernos que sigan decepcionando á xente ou gobernos con responsabilidade e estabilidade que fan as cousas ben”. Engadindo ao respecto: “Menos manuais de resistencia e máis coller o manual de como facer ben as cousas e como saber gobernar”.

 

Agradecendo aos 313 candidatos a súa “valentía”, o líder dos populares galegos pediulle aos seus ilusión, sentidiño, obxectividade, respecto e non caer nos sectarismos. “Temos os mellores candidatos e polo tanto están obrigados a ofrecer os mellores gobernos”, concluíu.

 

UN GOBERNO DE ESPAÑA QUE “FAI OPOSICIÓN A GALICIA”

 

O presidente do PPdeG definiu as próximas eleccións municipais como “a antesala do cambio” e afirmou que “non hai dereito a que o Goberno de España, para facer oposición a Feijóo, estea facendo oposición a Galicia”.

 

Acto seguido fixo referencia ao feito de que Pedro Sánchez “acuse a Galicia de declarar a independencia por querer xestionar o seu litoral cando consinte cousas moito máis graves aos verdadeiros independentistas”. Reprochoulle tamén que os fondos europeos continúen “embalsados” cando son necesarios para crear postos de traballo en Galicia.

 

“Seguimos cos trens máis vellos, máis caros e máis lentos mentres no Ministerio cesan a xente que moito prometeu e pouco fixo. Seguimos sen saber cando van chegar os trens Avril que nos prometeron hai moito tempo, nin cando van transferir as autopistas, nin cando van a reconstruír un dos principais accesos á nosa Comunidade”, exemplificou Rueda.

 

Neste contexto, o líder dos populares galegos reivindicou a importancia dos seus candidatos “fronte a un PSOE que lle perdeu o respecto a Galicia e un BNG que se pon moi bravo aquí pero moi manso cando chega a Madrid e di a todo que si”.

 

“A todos eses do PSOE e do BNG que negarán a noite electoral a súa vinculación a Pedro Sánchez e aos seus socios, que se vaian preparando para a vitoria do PPdeG nas eleccións municipais e para que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente de España”.

 

INTERVENCIÓNS DURANTE A XORNADA

 


Xunto ao presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, estiveron tamén presentes no acto o vicesecretario de Organización, Miguel Tellado, e o portavoz de campaña, Borja Sémper. Así como a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, os catro presidentes provinciais, o portavoz parlamentario Pedro Puy e outros cargos do PPdeG.

 

En representación dos 313 candidatos tomaron a palabra o candidato á alcaldía de Santiago, Borja Verea, e a candidata á alcaldía de Cambados. Tamén un dos candidatos máis veteranos, o alcalde de Xunqueira de Ambía desde hai 44 anos, José Luis Gavilanes; e a candidata máis nova, Nicole Grueira, aspirante á alcaldía de Pol, a primeira da historia do PPdeG nada no século XXI.