martes, 10 de enero de 2023

Reclamamos ao Mitma unha data certa de 2023 para os trens Avril S-106 de moi alta velocidade comecen a prestar servizos comerciais na LAV Madrid-Galicia

Hoxe os Deputados galegos do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, ao amparo do disposto no artigo 185 e ss. do Regulamento da Cámara, presentamos a seguinte pregunta ao Goberno, da que deseaamos obter resposta por escrito.

Di así:

"Onte 9 de xaneiro  nunha entrevista no programa “Conexión Galicia” da Televisión de Galicia, a Secretaria de Estado de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera Posada, cando foi preguntada pola data na que os trens Avril estarían en condicións de operar servizos comerciais na LAV a Galicia contestou: “a homologación é un proceso moi complexo”, afirmou que é unha "urxencia" para o Goberno e engadiu: "espero que este curso, oxalá máis cara ao verán ou a principios do outono, estean estes trens Avril. Non me atrevo dar unha data porque estamos a falar de homologación. O ideal é que se empezasen a fabricar antes, e non estariamos agora con este atraso tendo a infraestrutura e non dispoñendo dos trens"

O certo é que esta resposta inconcreta, da segunda responsable do Mitma, causou novamente desgusto e  preocupación nos usuarios do ferrocarril de Galicia, pois estes trens Avril S-106  de moi alta velocidade deberían estar xa prestando servizos na LAV a Galicia, resultando imprescindibles para incrementar o número das prazas ofertadas co consecuente abaratamento do prezo dos billetes.

E ademais os beneficios da alta velocidade a Galicia en tempos de viaxe só se cumpriron polo momento coa cidade de Ourense. O resto das capitais galegas: Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra e Lugo seguen esperando os tempos de viaxe comprometidos polo Mitma con Madrid, que só poderán alcanzarse con estes novos trens de ancho variable.

O Goberno que preside Pedro Sánchez veu fornecendo desde novembro de 2018 información escrita - ante as reiteradas preguntas dos deputados populares no Congreso e da Xunta de Galicia -  sobre as datas de entrega por Talgo a Renfe dos trens Avril.

Todas as datas que deron, con pleno coñecemento do día de inicio da fabricación dos trens, foron sistematicamente incumpridas: primeiro desde o Mitma dixeron xuño de 2020; despois, principios do ano 2021; máis adiante, a finais de 2021, coa escusa do estado de alarma.

O 26 de xaneiro de 2022 os deputados do PP preguntamos sobre a data de 2022 que tiña previsto Renfe para que os trens Avril circulasen pola liña de alta velocidade Madrid-Galicia. A resposta escrita do Goberno chegou o 2 de marzo de 2022 e dicía literalmente: “Infórmase que os trens xa están en probas e mesmo están dispoñibles para as probas de homologación en Francia en canto as autoridades francesas faciliten a posibilidade. Nas recentes comparecencias públicas da Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, por exemplo, na súa recente viaxe a Galicia, tanto a Ministra como o Presidente da Xunta deixaron claro que, se a empresa fabricante cumpre, os trens estarán en servizo no verán.”

Como se viu ese prazo do verán de 2022 ofrecido pola ministra Raquél Sánchez, foi novamente incumprido e desde o Mitma case un ano despois son incapaces de ofrecer unha data certa, o cal resulta moi grave. Os usuarios do ferrocarril, os operadores turísticos, a cidadanía en xeral merece un respecto que non está  a obter do executivo central. 

O que desde logo non é de recibo é que, ante a disputa entre estas empresas  ferroviarias, unha fabricante Talgo e outra operadora, Renfe, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) póñase de perfil coma se nada tivese que ver co problema.

Renfe Operadora é unha entidade pública empresarial baixo a dependencia da Administración Xeral do Estado e, por tanto, o executivo de Pedro Sánchez é o principal responsable ante os cidadáns do incumprimento dos reiterados prazos de entrega dos trens Avril por parte de Talgo. 

¿ Despois de tantos incumprimentos de prazos, que data certa do ano 2023 compromete o Mitma para que os trens Avril S-106 de moi alta velocidade comecen a prestar servizos comerciais na LAV Madrid-Galicia?