viernes, 11 de noviembre de 2022

O fotógrafo Manuel Outumuro recibiu o Premio Ourensanía 2022

Asisto esta mañá ao acto no que o fotógrafo Manuel Outumuro recibiu  o Premio Ourensanía 2022 no transcurso do tradicional e solemne acto que se celebra no Teatro Principal da cidade coincidindo coa festividade de San Martiño, patrón de Ourense, e que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. 

"Manuel Outumuro nunca esqueceu as súas orixes, de aí a fondura deste recoñecemento"


Manuel Baltar recalcou no seu discurso os profundos vencellos de Outumuro coa súa terra: "O que nunca fixo -nin fará- ó longo de décadas de traballo ininterrompido foi esquecer as orixes. De aí o acerto, a emoción e a fondura deste recoñecemento. Non se trata, sabémolo ben, dun premio máis, entre os moitos e de grande prestixio que ten recibido e que seguirá acadando, como verdadeiro mestre que é. Este é un merecido agasallo a un neno dunha aldea ourensá; sufrido e soñador, sempre discreto, humilde e creativo".


O presidente da Deputación ponderou a influencia da Merca na traxectoria de Outumuro: "Alí foi onde naceu e onde viviu ata os dez anos. Na aldea ourensá foi onde se decatou, coma tantos outros nenos, da inmensa rachadura da emigración. Seus país estaban en Venezuela e Manuel tiña unha foto deles pendurada no cuarto; era o retrato da ausencia, o seu vínculo cos afectos... Nesa etapa é na que Outumuro comeza a desenvolver a imaxinación. Parte do marco rural como referencia e estimula a súa sensibilidade, elevando a dura realidade na que lle toca vivir, a categoría superior. Soñando e imaxinando constrúe as súas propias definicións, modela o seu talento dándolle forma ó barro, que é o corpo, e outórgalle alma á materia, xogando cos contrastes da luz".


Manuel Baltar sinalou que "quizais, quen mellor captou e definiu a personalidade de Manuel Outumuro foi a súa amiga, a xornalista ourensá Maribel Outeiriño. Por certo, a persoa do xurado que acertadamente o propuxo para a Ourensanía 2022, na reunión celebrada no mosteiro de Oseira. E di Maribel: 'Os que coñecemos e amamos a Manuel Outumuro sabemos que sempre pon intelixencia no seu labor, xunto con oficio, gusto e sentimento. É perfeccionista e cálido, ordenado e creativo, procurando que ningunha desas virtudes se impoña á contraria. Por iso goza, goza con todos e cada un dos disparos da súa cámara. Así ata ó resultado final... A través de polaroids, contactos e probas de luz, revélanos o esmero e a dedicación cos que prepara as súas fotos. Os expertos quizais noten as diferenzas entre  probas e resultados definitivos. Ós afeccionados marabíllanos o seu traballo e agradecemos que, entre os seus defectos, non figure a vaidade".


"O mes de Ourense, dos grandes de Ourense, da nosa cultura e das nosas artes, das nosas empresas"


"En novembro, no mes de Ourense", sinalou Manuel Baltar, referendou "os ecos neste Teatro da Ourensanía e da súa historia. Dos grandes de Ourense. Dos xa mencionados como gañadores desta distinción que hoxe entregamos a Manuel Outumuro. Dos grandes de Ourense, da nosa cultura e doas nosas artes. Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Celso Emilio Ferreiro, José  Ángel Valente, Filomena Dato, Pura e Dora Vázquez, Marcos Valcárcel.. Xaime Quessada, Alexandro, Prego, Buciños, Acisclo, Xosé Cid... o Ourense da empresa, Barreiros, Domínguez, Franqueira, Outeiriño... en definitiva o Ourense do éxito e do emprendemento. O Ourense Universal".


Profundou o presidente provincial no concepto de Ourensanía antes de referirse á figura de Ildefonso Graña: "Na xuntanza do xurado de Oseira, decidimos declarar este ano de 2022, saíndo ao rescate de determinadas figuras senlleiras da Ourensanía que xa non están con nós e que son merecentes de seren devoltos á actualidade por mor do legado social ou cultural que nos deixaron. o Premio Ourensanía de Honra de 2022 á Ildefonso Graña".


Outumuro: "Adico o Premio Ourensanía aos meus orixes, aos meus pais e aos meus avós, que me ensinaron o significado da palabra 'respecto"


No seu discurso de agradecemento, Manuel Outumuro comezou amosando a súa emoción e dando paso á proxección dunha serie de fotografías da súa autoría -"son un home máis de imaxe que de palabra"- para despois retrotaerse ás orixes: "As fotografías que acabamos de ver teñen glamur, pero eu veño de pisar esterco, merda de vaca. Todo o que vivín ata os dez anos na Merca condicionou a miña forma de mirar. Os meus pais foron ata os dez anos unha fotografía. Crecín con esa ausencia, símbolo da emigración. A cambio contei co amor dos meus avós".


"A miña infancia na Merca foi a época máis feliz da miña vida. Crecín facendo figuras no barro. Descubrín na fonte á que levaba ás vacas a beber reflexos de diamante. Foi unha infancia chea de emocións, que te fai crecer cos pes na terra. Estamos feitos de dous elementos: barro e luz. Os fotógrafos infundimos luz, pero a mellor calidade dun fotógrafo é que esa luz non tape a propia do fotografado. É unha cuestión de respeto".


Manuel Outumuro adicou o Premio Ourensanía "aos meus orixes, os meus pais e aos meus avós, que me ensinaron o significado da palabra 'respecto'. Aos meus profesores, que me ensinaron os segredos do barro. Aos meus amigos e ao meu compañeiro, que día a día axúdanme a entender os segredos da luz. E a miña amiga Maribel Outeiriño, indispensable na recuperación ao afecto a esta terra despois do baleiro da emigración. Grazas a todos".


O homenaxeado rematou a súa intervención dando paso a unha proxección de tres vídeos arredor de conceptos como a nostalxia, a ausencia, a emigración e o traballo diario. "Porque esto sigue, continuará", destacou para avanzar a exposición proxectada para o 2023 no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e na que as "miñas fotografías dialogarán con imaxes que falan do neno que sigue pisando terra e fascinado pola luz que a envolve".


Alfonso Rueda: "A Ourensanía é o xeito propio de sermos galegos, porque non implica illamento senón integración na realidade galega dun xeito peculiar"


O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, sinalou o Premio Ourensanía como unha mostra da Galicia orgullosa que combina o arraigo coa apertura ao mundo global: "A Ourensanía é o xeito propio de sermos galegos, porque non implica illamento senón integración na realidade galega dun xeito peculiar", recalcou despois de citar o "Manifesto da Ourensanía", de Luis González Tosar.

Na súa intervención no acto de entrega do galardón, Alfonso Rueda indicou que se a Ourensanía "é un xeito propio de ser galego", a galeguidade "é un xeito propio de ser español e europeo", e puxo como exemplo o percorrido vital de moitos ourensáns que emigraron ou fixeron carreira fóra da súa terra sen perder nunca "o orgullo" polas súas raíces: "O Xacobeo, por exemplo, traduce ese orgullo galego nunha efeméride compartida con peregrinos de todo o mundo".

Para Alfonso Rueda, Manuel Outumuro "é un expoñente dese equilibrio máxico que os galegos conseguimos entre o global e o local".


Presenza musical de Carlos Núñez, a Real Banda de Gaitas e a Coral de Ruada


O acto de entrega do Premio Ourensanía 2022 principiou cunha recepción oficial no Pazo Provincial, ao que seguiu o tradicional percorrido a pe do premiado e os presidentes provincial, autonómico e do Parlamento galego ata o Teatro Principal, acompañados pola Real Banda de Gaitas. O galardoado recibiu unha figura de bronce, obra do escultor Xosé Cid, e unha copia da acta do xurado. A gala incluíu a proxección de vídeos sobre a traxectoria persoal e profesional do premiado e de Ourense e os seus recursos e proxectos dinamizadores como o do Gran Hotel Balneario Auria.


No apartado musical, Carlos Núñez pezas baseadas nas cantigas de Alfonso X O Sabio xunto a temas coma "Alborada da Veiga" ou a "Muiñeira de Chantada" como proba, recalcou, da "modernidade na que sempre soubo situarse Galicia". Para rematar a gala, chegou a interpretación a cargo da Coral de Ruada de "Ourense ao lonxe" e "Ourense no solpor", himno oficial da provincia de Ourense.



Figura referencial na cultura contemporánea española


Manuel Outumuro Conde (A Merca, 1949) é un dos fotógrafos españois máis importantes das últimas catro décadas. Formado como deseñador gráfico na Escuela Massana, foi director de arte, deseñador gráfico ou ilustrador antes de comezar en 1990 a súa traxectoria como fotógrafo profesional. Debullar na biografía dun home autodefinido como "artesán que realiza fotografías por encargo" é observar a evolución da cultura visual española, especialmente a moda e o cine. Especializado nos retratos, polo obxectivo de Outumuro teñen pasando centos de emblemas da contemporaneidade -directores, actores, modelos, escritores, deportistas...- para traballos en xornais, revistas de moda, publicacións de referencia nacionais e internacionais.



Os numerosísimos libros e exposicións retrospectivas da súa obra -con algunha mostra tan emblemática coma 'Outumuro looks', que chegou a ser exposta en cidades como Moscova, ou 'Outumuro BCN retrats' - axudan a entender a pegada de Manuel Outumuro no deseño estético e o retrato da España contemporánea, a través dun estilo singular e natural, influído polos clásicos da fotografía e da pintura e no que a luz xoga un papel predominante.


http://www.outumuro.com/fashion/


Un frutífero camiño profesional no que, en paralelo, avanzou nos seus fondos vencellos coa súa terra. Ourensán afincando en Barcelona dende rapaz, fillo de emigrantes, pegado a súa familia e as súas raíces, Ourense está moi presente na vida dun home que ten no seu currículum premios nacionais e internacionais e proxectos que xustifican unha carreira, como documentar os traxes do Museo Balenciaga -un traballo recollido en 'Mirar y pensar Balenciaga'-, ademais de participar en exposicións colectivas por todo o mundo -dende a historia da moda feita en Galicia a homenaxear 'Last year at Marienbad' de Alain Resnais- ou ser o comisario de mostras como "Genio y figura, la influencia de la cultura española en la moda".