• En materia ferroviaria, os populares solicitan partidas orzamentarias suficientes para avanzar nas obras da Variante de Ourense, para a modernización da liña de tren A Coruña-Ferrol e para a Saída Sur de Vigo
• Piden medidas para paliar o impacto da subida do IPC nas peaxes da AP-9 e a AP-53 e esixen que as Contas públicas de 2023 inclúan a reconstrución da A-6, pois se trata dunha “necesidade urxente”
• Critican que o baixo presuposto para as estradas provoca a paralización de autovías como a da Mariña, a de Lugo-Ourense, a de Vigo-Porriño ou a da A-54, cuxo remate estase a “eternizar”
16, outubro, 2022. O PPdeG xa está traballando nas preparación das emendas que os deputados nacionais da formación presentarán no Congreso para reclamar máis investimento dos Presupostos Xerais do Estado destinado ás infraestruturas prioritarias para Galicia e corrixir así o trato discriminatorio de Pedro Sánchez á nosa Comunidade.
A Comisión de
Infraestruturas dos populares galegos reuniuse nunha xuntanza presidida por
Ethel Vázquez e polo coordinador desta área, Antonio Ameijide, na que
analizaron os “pírricos” investimentos das Contas públicas presentadas polo
Goberno central, uns orzamentos “que se manteñen no bloqueo e que convidan ao
pesimismo”. Así o manifestou Celso Delgado, portavoz adxunto de Infraestruturas
do PP na Cámara Baixa e responsable de velar por que a tramitación das emendas
galegas chegue a bo porto en coordinación co resto de deputados da Comunidade.
Tamén estivo presente a senadora Pilar Rojo.
No que respecta ás infraestruturas ferroviarias, os populares cuestionaron que os Presupostos de 2023 contabilicen uns incrementos “que en realidade non son tal”. De feito, sobre a alta velocidade, sinalaron que non se consignan partidas orzamentarias suficientes para avanzar nas obras pendentes na liña Ourense-Zamora —remate do túnel do Padornelo e a Variante de Ourense—, nin para a Variante de Cerdedo, que “significa a paralización completa desta actuación pese os anuncios feitos polo Goberno central e polo alcalde de Vigo”. “Lamentamos que a galega Isabel Pardo de Vera reciba medallas en Vigo, pero non traballe por Galicia”, engadiron sobre a secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Así mesmo, afearon o “ínfimo” orzamento para as liñas do Corredor Atlántico (rede TEN-T) como a de Monforte-Ourense, a de Monforte-Ponferrada, a de Vigo-Guillarei-Ourense, ou a do Eixo Atlántico A Coruña- Vigo; facendo fincapé na Saída Sur de Vigo, para a que “non hai rastro de inversión en proxecto de trazado”, ou no acceso ao Porto de Langosteira. Igualmente, precisaron que fóra da rede do Corredor Atlántico tamén se atopan investimentos “claramente insuficientes” para a liña Lugo-Monforte e para a de A Coruña-Ferrol.
BONIFICACIÓN DAS PEAXES E DESPREZO Á A-6
Os populares tamén amosaron a súa preocupación pola ausencia de medidas
recollida nos Orzamentos Xerais do Estado destinadas a paliar o impacto da
subida do IPC nas peaxes da AP-9 e a AP-53. “Este é un asunto no que tamén estamos
obrigados a dar a batalla”, aseguraron tras lembrar que a Xunta si conxelou as
peaxes autonómicas en 2023 “para axudar ás familias a superar esta crisis que
atravesamos e que tememos que vai empeorar”.
Igualmente, expresaron o seu malestar coa falta dunha partida específica para a reconstrución da A-6. “Poucas necesidades máis urxentes e prioritarias teñen agora as infraestruturas estatais que a reparación dun dos dous principais accesos a Galicia desde a Meseta”, subliñaron.
AUTOVÍAS PARALIZADAS
En canto ao investimento en estradas, criticaron que a Comunidade pase dos 180 millóns de euros de 2022 a 181 millóns en 2023, só un 0,39% máis, o que provoca que todas as actuacións sexan de lenta execución, estean orzamentadas pero non se impulsen ou “directamente desaparezan”.
Entre as que levan en marcha moitos anos e, na maioría dos casos, xa deberían estar rematadas atópanse os tramos Arzúa-Melide e Melide-Palas da A-54, cuxa finalización “estase a eternizar”; o treito Vilaboa-A Ermida da A-57 ou a Variante do Barco. Ademais, como advertiron, os Presupostos tamén inclúen partidas cunha “perspectiva de execución que non é real”, como sucede coa ampliación de Alfonso Molina ou a reforma do nó de Bombeiros en Pontevedra.
Os populares tamén puxeron o foco sobre actuacións e eixos que quedan “incompletos e inconexos” como na A-74 (Autovía da Mariña), na A-76 (Autovía Ponferrada-Ourense), na A-56 (Lugo-Ourense), na A-57, ou na A-59 (Autovía Vilaboa-Vigo).
Ademais, pediron coherencia para as actuacións nas áreas metropolitanas do Eixo Atlántico, pois en Vigo non hai perspectiva para a Autovía Vigo-Porriño e “nada se sabe” da Avenida de Madrid, da integración urbana da AP-9 ou do enlace de Buenos Aires; na Coruña non hai previsión para a ampliación da Pasaxe nin para a cuarta rolda, parece que se renunciou ao Vial 18 e o enlace de Meicende está desaparecido; mentres, en Santiago, o Orbital —en execución— queda incompleto ao non haber fondos para o Orbitaliño (conexión coa N-550).
Logo de apuntar que, a excepción de Lugo, tampouco hai partidas específicas destinadas ás obras das estacións intermodais; os populares tamén expuxeron que, en canto a infraestruturas hidráulicas, desaparece o saneamento da Illa de Arousa —que se prevía nos Orzamentos de 2022— e tampouco aparece consignación para o proxecto máis importante que debe acometer a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en Ourense como é a finalización do saneamento do río Barbaña e a mellora da EDAR de San Cibrao das Viñas.