jueves, 20 de octubre de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mobilizará o vindeiro ano 68,85 millóns de euros na provincia de Ourense

Coñecemos hoxe que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mobilizará o vindeiro ano 68,85 millóns de euros na provincia de Ourense, o que supón un investimento per cápita de 225,58 euros, segundo recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2023 remitido ao Parlamento galego.

As actuacións en materia de infraestruturas viarias reciben a partida orzamentaria máis elevada, cun investimento de máis de 41,3 millóns de euros.

 

Estas cifras confirman o obxectivo da Xunta de seguir impulsando a mellora das comunicacións viarias nesta provincia, a través de actuacións como a das estradas autonómicas OU-533 entre Valdeorras e A Gudiña, ou a OU-540 no acceso á Baixa Limia. As partidas de investimento recollidas nos Orzamentos de 2023 para avanzar nestas dúas actuacións acadan os 2,5 millóns de euros, con compromisos plurianuais para os vindeiros exercicios por importe de 16,5 M€.

 

A Xunta seguirá avanzando para materializar a circunvalación Leste de Ourense, entre a estrada OU-105 en Bemposta e a vía nacional N-525, cuxo proxecto se está a redactar para pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52. A partida recollida nos Orzamentos de 2023 ascende a 250.000 euros, o que permitirá avanzar na tramitación das obras, cunha previsión plurianual de investimento acada os 6,5 millóns de euros.

 

As contas do vindeiro ano, con 2 M€, tamén permitirán iniciar no ano 2023 as obras do novo eixe de mobilidade sostible que conectará a cidade de norte-sur a través da avenida das Caldas e do paseo do río Barbaña, o que suporán un investimento global estimado de 6 M€.

 

Dese xeito, as contas da Xunta para 2023 prevén seguir traballando no fomento da mobilidade sostible e segura a través da execución de sendas en distintas estradas autonómicas da provincia. Ademais, recóllese un orzamento de 370.000 euros para a execución dunha pasarela peonil na OU-150, no núcleo de Cudeiro, no concello de Ourense, así como 270.000 euros para habilitar unha senda entre Barxés e Mugueimes no marco dun convenio co Concello de Muiños.

 

Nos Orzamentos de 2023 da Consellería destaca, tamén, unha partida específica de 500.000 euros para a creación dunha área de estacionamento seguro para camións no polígono de San Cibrao das Viñas.

 

As contas do vindeiro ano seguen a senda de crecemento nas partidas destinadas á conservación ordinaria e á vialidade invernal, así como para a conservación extraordinaria e o acondicionamento da rede de estradas autonómicas da provincia de Ourense.

 

Así, no marco do Plan de reforzos de firme e a conservación extraordinaria prevese unha partida 2,56 M€ que, entre outras, posibilitará a mellora da travesía da OU-603, no concello da Rúa.

 

Tamén se recollen partidas para a mellora da seguridade viaria e a eliminación de treitos de concentración de accidentes, que permitirán impulsar, por exemplo, intervencións como a 2ª fase de mellora da OU-154 en Piñor, para a que se recolle un investimento de 0,2 millóns de euros.

 

As contas manteñen as partidas necesarias para continuar con intervencións en materia de posta en valor e mellora da iluminación de pontes, cunha partida de 210.000 prevista para a ponte Esperela, no concello de Leiro.

 

Os Orzamentos do vindeiro ano tamén recollen partidas específicas para os sistemas de xestión de obras de paso, e de muros e noiros nas estradas da provincia. A partida específica na inspección e no mantemento preventivo dos elementos estruturais das estradas supera os 600.000 euros. Ademais destinaranse arredor de 650.000 € á dixitalización das estradas autonómicas na provincia e ao plan de acción contra o ruído.

 

Infraestruturas sanitarias

O vindeiro ano, o departamento de Infraestruturas da Xunta tamén executará actuacións no ámbito das infraestruturas sanitarias na provincia de Ourense, cuxos investimentos figuran nos Orzamentos da Consellería de Sanidade.

 

Continuarase desenvolvendo o Plan director do Hospital de Ourense, avanzando nas obras de ampliación do complexo hospitalario, para cuxos traballos nas contas da Xunta de 2023 hai consignados 7 M€. Tamén se prevé un investimento en 2023 de 3,37 M€ no Centro Integral de Saúde da cidade e recóllese un investimento de 1,2 M€ para o novo centro de saúde da Rúa e partidas para avanzar nos de Boborás e Muíños.

 

Mobilidade

No que se refire ao eido do transporte, a Dirección Xeral de Mobilidade investirá o próximo ano 19,23 millóns de euros na provincia, dos que 16,19 millóns se destinarán ao mantemento dos servizos do Plan de Transporte Público de Galicia nesta provincia.

 

Tamén se prevé unha partida territorializada de 720.00 euros para a implantación da Área de Transporte de Galicia, que permitirá estender as vantaxes do transporte metropolitano ao conxunto da comunidade.


Ademais, as contas de 2023 reservan 500.000 euros para financiar a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos poden viaxar gratis por toda Galicia en calquera das máis de 3.500 liñas de autobús renovadas pola Xunta.

 

Tamén se impulsará a dixitalización do transporte público, cunha partida de 2,4 M€ prevista no conxunto da Comunidade, que redundará na mellora dos servizos prestados aos cidadáns da provincia, como a mellora dos sistemas de información aos usuarios do paso dos autobuses en tempo real.

 

Continuarase, ademais, coa mellora e conservación de paradas e estacións de autobuses da provincia e as infraestruturas de transporte no rural, con partidas que permitirán seguir renovando e mellorando as paradas e dotalas de marquesiñas, ademais de favorecer a súa accesibilidade e conectividade.

 

Recóllese unha partida específica de 180.000 € para nodos de comunicación intermodal que posibilitará a execución dunha parada de autobús intermodal na estación ferroviaria do Carballiño.

 

Actuacións hidráulicas


En relación ás actuacións hidráulicas, Augas de Galicia destinará un orzamento de preto de 6 M€ para apoiar aos concellos na mellora dos sistemas de saneamento e de abastecemento, especialmente a aqueles máis pequenos e rurais, con menos capacidade de investimento, co obxectivo de que poidan afrontar con maiores garantías os desafíos derivados do cambio climático.

 

Deste xeito, en 2023 inclúese unha partida específica de 410.000 euros para a mellora da rede de saneamento e abastecemento de Navallo, no concello de Riós; un investimento de 360.000 euros para materializar a colaboración cos Concellos de Leiro e de Boborás para a renovación da tubaxe desde Pazos de Arenteiro á estación de tratamento de auga potable; 260.000 euros para a mellora do abastecemento, saneamento e recollida de augas pluviais no núcleo da Derrasa, no municipio de Pereiro de Aguiar; ou o abastecemento ao núcleo de San Cristovo, no Concello de Paderne de Allariz