martes, 27 de septiembre de 2022

Rueda avanza que a Xunta investirá o maior presuposto da historia nun proxecto de país que xere oportunidades e certezas ao conxunto da cidadanía galega

 

Hoxe no Parlamento de Galicia o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Goberno galego investirá o maior presuposto da historia nun proxecto de país que xere oportunidades e certezas ao conxunto da cidadanía galega.  

Nunha comparecencia adiantou as liñas mestras dos Orzamentos Xerais para o 2023, e anunciou, entre outras medidas, que o Executivo autonómico vai aplicar con efectos inmediatos unha deflactación do IRPF nos seus primeiros tramos, ata os 35.000 euros, con efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro.

Durante a súa intervención, Rueda salientou que o teito de gasto para o vindeiro ano, que ascenderá a 12.600 millóns, cun incremento do 8,2% con respecto ao do 2022, permitirá combater “o inverno do descontento” tal e como cualificou o secretario xeral da ONU, António Guterres a situación dos vindeiros meses por mor da crise global. Indicou que é máis necesario ca nunca saber cara a onde dirixir o futuro da cidadanía galega e asegurou que, con esa finalidade, “Galicia conta co Goberno con máis experiencia de toda España”. Rueda salientou que os presupostos non son un conxunto de partidas que deberán executar once consellerías, senón “o material co que podemos construír un proxecto de país”.

Para desenvolver esas liñas mestras das contas autonómicas, o presidente da Xunta destacou as áreas nas que máis van medrar as partidas orzamentarias: economía e industria, promoción do emprego e política social. Estas, asegurou, son ás áreas “que fan progresar a Galicia e que permiten protexer as persoas, ás galegas e galegos”.

Política fiscal

Rueda recordou que os galegos aforraron desde o ano 2009 máis de 1.200 millóns de euros en impostos, con rebaixas nos anos 2014, 2016 e 2022 que permitiron que a tarifa autonómica de Galicia se sitúe por debaixo da estatal en todos os tramos ata os 35.000 euros, de tal maneira que cada cidadán aforrará unha media de 450 euros na súa próxima declaración da renda. A estas vantaxes sumáronse as bonificacións do imposto de transmisións patrimoniais, a eliminación do imposto de sucesións ou o programa pioneiro Impostos cero no rural. Nesa mesma liña sitúase a redución dun 25% do imposto do patrimonio que se suma ao outro 25% que xa se aplicaba en Galicia.

Así, Galicia consolidase entre as comunidades que menos presión exerce sobre o patrimonio persoal, e manterase nesa mesma senda con dúas rebaixas máis comprometidas no IRPF: por unha banda, as familias con dous fillos menores de 25 anos equipararanse ás numerosas e, por outra, o primeiro tramo do IRPF baixará do 9,4% ao 9%.

Pero os avances fiscais de Galicia non se quedarán nestas medidas. De feito, ante a evolución da situación económica, a Xunta vén de tomar a decisión de aplicar, con efectos de 1 de xaneiro, unha deflactación do IRPF nos seus primeiros tramos, ata os 35.000 euros, o que implica elevar os limiares entre tramos para acompasarse ao incremento do custe da vida. Esta nova medida fiscal permitirá que na vindeira declaración da renda, aos galegos aforren máis de 46 millóns de euros. Deste xeito, cada cidadán aforrará 450 euros na próxima declaración. “Os galegos pagaremos os impostos necesarios para garantir uns servizos públicos de primeiro nivel. Todo o demais quedará á disposición das familias”, indicou o presidente da Xunta.

Rede de protección social  

O titular do Executivo autonómico valorou que, grazas en gran medida a esta moderación fiscal aplicada desde hai 13 anos, Galicia ten hoxe unha rede de protección social “máis robusta ca nunca”. En todo caso, advertiu que unha das maiores hipotecas que pesan sobre o futuro de Galicia, ao igual que na maioría de sociedades desenvolvidas, é a situación demográfica.

Para axudar a reverter esta situación apuntou os apoios para as familias que viven aquí, pero tamén para os galegas e galegos que están fóra. Precisamente, de cara a este colectivo anunciou que Galicia vai triplicar os fondos destinados especificamente a impulsar o retorno, que pasarán de 5 a 13 millóns de euros.

Nesta liña de ofrecerlle as galegas e galegos, que vivan onde vivan, teñan as súas necesidades cubertas “desde o berce ata o bastón”, Rueda salientou como a Xunta reforzou a atención á infancia coa exoneración do pago das escolas infantís e apoio en todas as etapas educativas. Nesta liña, anunciou que esta mesma semana a Xunta vai lanzar un bono de axudas para a compra de material escolar que achegará 75 euros a 90.000 familias e cuxo orzamento vaise duplicar no vindeiro ano para poder incrementar as contías e chegar alomenos a 140.000 fogares.

Ademais, resaltou a aposta da Xunta pola FP —ao incrementar un 52% as prazas na última década— e defendeu para aqueles que decidan acceder á Universidade que conten cunhas instalacións de primeiro nivel. Por iso, adiantou que o Orzamento para o 2023 incorporará un Plan de Investimentos no sistema universitario galego con 10 millóns de euros para novas infraestruturas de docencia e investigación.

O presidente tamén explicou que para a xente moza vai destinada a concesión a partir de 2023 dun aval do 20% por parte da Xunta para a compra de vivenda para menores de 35 anos. Isto supón ata 35.000 euros por cada mozo, que permitirá mobilizar 25 millóns de euros na adquisición de vivendas que permitan que a mocidade galega se emancipe. Ademais, engadiu que se vai incrementar nun 142% —“moi por riba do dobre”— o orzamento destinado a axudas ao alugueiro, que chega así a un total de 27 millóns de euros.

Rueda tamén anunciou dentro destas liñas de apoiar os galegos, e tamén a súa vida saudable, un investimento de 18 millóns de euros en 2023 en impulsar a construción de novas infraestruturas en instalacións deportivas.

O presidente da Xunta resaltou, por outra banda, o reforzo feito polo Goberno galego dos servizos nas contornas rurais ou a atención aos maiores. Asegurou que Galicia quere seguir sendo líder en envellecemento de proximidade e, por iso, investirá 50 millóns de euros adicionais nos Orzamentos 2023 para que os maiores “vivan onde vivan, poidan facelo de acordo as súas preferencias e necesidades”.

A nova medida recolle un investimento de 21,5 millóns para crear, ampliar ou mellorar os centros de servizos sociais nos concellos galegos e un novo incremento nos fondos para o Servizo de Axuda no Fogar, a posta en marcha do primeiro centro de coidados intermedios e unha nova estratexia de teleasistencia que elevará nun 50% o número de persoas maiores que contan con apoios tecnolóxicos nos seus fogares.


As contas para o vindeiro ano tamén prevén seguir fortalecendo a sanidade. Alfonso Rueda recordou que nos últimos 13 anos, o Goberno galego elevou en 840 millóns o investimento nos servizos sanitarios, de tal maneira que Galicia inviste na actualidade 1.700 euros na atención de cada cidadán, “unha cifra que nos sitúa por riba da media española”, recordou o presidente. Coa intención de seguir superando ese nivel de esixencia, os Orzamentos do ano que vén contemplan un incremento de 215 millóns de gasto público en materia sanitaria, destinados a mellorar a eficacia e axilidade da atención primaria e da hospitalaria. As prioridades irán dirixidas en tres direccións: empregar as técnicas e tecnoloxías máis avanzadas para o diagnóstico e tratamento de cada doenza; seguir reducindo as listas de agarda e lanzar solucións novidosas para mellorar a atención aos pacientes crónicos.

O presidente especificou tamén que, en paralelo, avanzarase na renovación de hospitais e centros de saúde con 91 millóns de euros máis que en 2022 que contemplan os orzamentos de 2023.

E para paliar o problema de déficit de sanitarios nalgunhas especialidades, Rueda anunciou que a Xunta vai destinar 65 millóns de euros a formar a médicos e enfermeiros. “Dentro destes fondos, incrementaremos arredor do 10% o destinado á formación de profesionais de medicina familiar co obxectivo de seguir reforzando a atención primaria”, subliñou.

Estratexia de enerxía

A urxencia enerxética que se vive na actualidade levou ao Goberno galego a incluír nos Orzamentos para o 2023 o maior investimento público da historia de Galicia en materia enerxética, con tres medidas de impacto: duplicar os fondos destinados ao aforro e á eficiencia enerxética, que pasarán de 40 a 80 millóns; duplicar tamén os fondos asignados ao pago das facturas eléctricas dos consumidores máis vulnerables e incrementar nun 50% a achega autonómica para que máis de 66.000 fogares que o necesitan poidan afrontar a subida do recibo enerxético. “Ningunha familia galega quedará sen luz por non ter como pagala”, apuntou Alfonso Rueda.

As medidas recollen tamén un escudo protector para máis de 25.000 profesionais autónomos coa finalidade de que poidan facer fronte a incrementos das súas facturas que chegan a poñer en risco a viabilidade dos seus negocios.

Vertebración territorial

No avance das liñas mestras dos Orzamentos Xerais para o 2023 na Cámara galega, Alfonso Rueda indicou que a Xunta avoga por unha Galicia na que as oportunidades da xente non dependan do lugar onde se nace ou onde se escolle vivir, e que con esa premisa se reforzaron os servizos públicos e as oportunidades laborais para a veciñanza das contornas rurais.

Avanzando nesa liña, as contas autonómicas para o vindeiro ano recollen unha serie de medidas para facilitar a mobilidade e reforzar as infraestruturas tecnolóxicas que serven como columna vertebral de Galicia. Rueda anunciou, nese senso, a conxelación das peaxes das autoestradas autonómicas, que tendo en conta a evolución do IPC, deberían subir un 10%. Rueda puntualizou que tanto a autoestrada que vai de Vigo a Baiona como a que circula da Coruña a Carballo non van experimentar incremento algún nas súas peaxes o vindeiro ano. Ademais, o presidente da Xunta anunciou que nos vindeiros días remitirá unha carta ao presidente do Goberno instándolle a que conxele tamén as peaxes que dependen da Administración central: a AP-9 e a AP-53. “A Xunta vai demostrar que conxelar as tarifas é perfectamente posible cando existe vontade de facelo”, sinalou.

As contas autonómicas recollerán tamén medidas para avanzar na estruturación da terra coa finalidade de que Galicia reduza cada vez máis a fenda entre as zonas urbanas e as rurais. Ademais de avanzar na nova Lei de recuperación da terra agraria e na concentración parcelaria, o Goberno galego lanzará o vindeiro ano un ambicioso plan para consolidar o aproveitamento sustentable, eficiente e rendible do agro, cun investimento que supera os 33 millóns de euros e tamén apoiará aos gandeiros cun incremento de 1,3 M€ no orzamento para medidas de control da poboación de lobos.

Preténdese, por unha banda, incrementar aínda máis o atractivo do rural para vivir e traballar nel, cunha estrutura territorial que estimule a prosperidade. E por outra, mellorar a blindaxe perante os incendios forestais. “Porque unha terra viva e activa é unha terra protexida”, indicou Alfonso Rueda, quen anunciou que a Xunta vai incrementar de 9 a 12 meses ao ano o contrato de máis de 600 efectivos en defensa contra os lumes. Ademais, resaltou que vanse destinar máis de 18 millóns de euros á recuperación integral do territorio que ardeu este verán e outros 10 para paliar outro dos grandes problemas vividos este verán -a seca- con medidas para incrementar as reservas de auga no rural e reducir as fugas das redes a menos do 20%.

Demandas ao Goberno central

Por último, o presidente autonómico avogou pola “cooperación leal” entre Administracións para traballar sempre a prol dos cidadáns. Por iso, Rueda aproveitou a súa comparecencia no Parlamento para demandar ao Goberno central que tome medidas “urxentes” en tres áreas: a sustentabilidade da sanidade pública, a xestión do financiamento europeo e o futuro da pesca de fondo.

En materia sanitaria, Rueda volveu a exixir ao Executivo central que tome medidas para paliar o déficit de profesionais, especialmente no ámbito de Atención Primaria. Ademais, denunciou a “pasividade” do Goberno de Pedro Sánchez na xestión e distribución entre as comunidades dos fondos europeos, que son, asegurou, “a maior oportunidade que tivo España en moitos anos para modernizar o tecido produtivo”.

En canto o veto da UE a pesca de fondo -que afecta de forma directa a 200 barcos galegos e a outro millar de xeito indirecto- a Xunta insta ao Goberno central a recorrer esta medida ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Rueda anunciou que o Executivo autonómico vai remitir ao Executivo unha batería de argumentos técnicos, tanto medioambientais como socioeconómicos que avalan a posición da Xunta que non é outra, sinalou, que apostar por unha pesca de fondo respectuosa e sustentable.