Informa hoxe o MITECO que a reserva hídrica española está ao 36,9 por cento da súa capacidade total.
Os encoros almacenan actualmente 20.702 hectómetros cúbicos (hm³) de auga, diminuíndo na última semana en 589 hectómetros cúbicos (o 1 por cento da capacidade total actual dos encoros).
O ámbito da conca Miño-Sil está ao 49,3% e o de Galicia Costa ao 58,8%
Hoxe o Miño ao seu paso por Ourense |
Desde a Oficina Técnica da Seca insístese na importancia de que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos da auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.
A Xunta reitera tamén o chamamento á poboación e ás empresas para a redución do consumo ao máximo posible, para complementar as medidas adoptadas polos concellos en canto aos usos municipais.
A situación actual require da suma de esforzos por parte dos cidadáns, de empresas e das administracións, con medidas como a restrición de regas, evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o enchido das piscinas ou a reutilización da auga sempre que sexa posible.
En definitiva estamos ante un escenario de seca meteorolóxica prolongada que só poderemos paliar coa colaboración conxunta das administracións, dos regadores, das empresas hidroeléctricas e cidadáns para que fagan un uso racional e responsable da auga, un recurso limitado, necesario e dependente das condicións climáticas.