Cabezas dixo que dá este paso arroupado por “veciños, simpatizantes, militantes, presidentes de distrito e despois de conversar en numerosas ocasións con Manuel Baltar, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo”. O presidente da agrupación local do PP de Ourense quere un partido “amplo, transversal, no que cabemos todos” e por iso avanzou que “traballarei e dialogarei” cada día con todas as persoas que “crean que son útiles para o partido e para Ourense. Necesito que dean este paso, porque os necesito a todos”.
O novo presidente da xunta local destacou na súa intervención o traballo que están a desenvolver os sete concelleiros do PP no Concello: “Non é sinxela a súa situación, cando non podes desenvolver as túas competencias ao 100%. Eles antepuxeron o interese da cidade. Demostraron, e demostran cada día, unha enorme xenerosidade política”. Nesta liña, Manuel Cabezas define ao PP de Ourense como un partido de goberno, de maiorías absolutas: “É un gran reto recuperar esta maioría, pero non é imposible. Co traballo de todos teceremos un proxecto de cidade coa mesma enerxía coa que arrincamos en 1995, e na que obtivemos uns resultados excepcionais. Construiremos de novo este escenario, recuperaremos esta ilusión”.
Cabezas repasou o balance da súa xestión realizada entre 1995 e 2007 polo seu equipo, cos principais fitos, e contrapuxo ese traballo fronte á actual situación da cidade: “Dóeme a situación actual de Ourense, esta deterioración. É un desafío, pero reverterémolo. Volveremos facer de Ourense un proxecto común para todos”.
“Aproveitarei esta dobre oportunidade por facer algo pola miña cidade, para mellorala”, remarcou o presidente da xunta local do PP, que destacou que “cambiaremos as cousas, recuperemos o tempo perdido. Non é sinxelo. Por iso pídovos o voso apoio. Devolvamos á política, pero sobre todo á cidade, a moderación, sensatez e xestión. Construamos un gran partido, co que desenvolvamos unha cidade para sentirse orgullosos. Sabémolo facer, fixémolo, e volverémolo a facer”.
Na clausura do congreso, o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, afirmou con contundencia: “Hoxe é unha data histórica. Comeza o camiño polo que o Partido Popular recuperará a maioría no Concello de Ourense, co mellor alcalde que nunca coñeceu esta cidade”. Tamén hoxe, engadiu, Manuel Cabezas estréase como presidente a nivel orgánico, “liderando na cidade un partido que é o partido de Ourense, o que mellor representa a todo o territorio ourensán e que sempre gaña as eleccións a nivel provincial”.
Manuel Baltar lembrou que, con tres maiorías absolutas consecutivas, o novo presidente da xunta local de Ourense “foi capaz de transformar a cidade con proxectos que tiveron moitísimo impacto e relevancia na historia da capital”, sinalando que agora “poñerá en marcha de novo un proxecto de todos, con este equipo ilusionante que o acompaña”.
En política sumar é multiplicar, dixo Baltar, “e se hai un experto en multiplicar é Manuel Cabezas, por iso moitos buscabamos que volvese e moitos fomos os que lle pedimos que volvese”.
Manuel Baltar cualificou ao presidente electo do Partido Popular na cidade como “a renovación, pero renovación coa experiencia acreditada da magnífica xestión que lle deu a Ourense”. Para o seu proxecto, Manuel Cabezas contará cun partido “cuxa forza reside no apoio masivo capaz de xerar gobernos rigorosos, suficientes, con maiorías absolutas, ambiciosos e sempre desde a moderación”. O obxectivo, afirmou, “é volver a esa etapa para darlle a Ourense a oportunidade de contar cun goberno serio e con retos a conseguir”.
Finalmente a secretaria xeral do PP de G, Paula Prado admitiu que non hai mellor persoa que Manuel Cabezas “para recuperar o orgullo de ser ourensán”, lembrando que doce anos de Alcaldía só poden significar unha cousa: “Ti es o primeiro que está orgulloso de esta cidade, e estou segura de que por ese mesmo motivo queres que recupere a luz, a ilusión e o sentidiño da cidade que merece ser”.
Sobre isto, explicou que este orgullo só o pode recuperar o PP dun xeito: “Gañando e facéndoo cunha ampla maioría”. Así mesmo, recordou que os congresos “non son o final de nada, senón o principio de todo”, polo que, desde mañá, “os ourensáns esperan encontrarse a un Partido Popular máis preparado, máis forte e máis capaz de ofrecerlles un gran goberno”.
Igualmente, quixo recoñecer o labor realizado polo Grupo Municipal do PP no Concello de Ourense, sete concelleiros e concelleiras “que puxeron os intereses da cidade por riba de calquera outro interese”. Ademais, salientou a valentía da portavoz municipal, Flora Moure, que deu un paso adiante aceptando presidir a xestora local.