sábado, 23 de julio de 2022

Rueda anuncia axudas directas para os damnificados polo episodio excepcional de incendios forestais rexistrados en Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou o pasado xoves que o Goberno galego habilitará axudas para os damnificados polo episodio excepcional de incendios forestais rexistrado estes días na nosa comunidade. “Aprobamos o decreto que permite iniciar todo o proceso administrativo para convocar axudas directas aos afectados polos lumes”, explicou Rueda, quen asegurou que o obxectivo da Xunta é que a maioría das convocatorias de axudas sexan aprobadas no Consello da vindeira semana.
 

Rueda explicou que a Axencia Galega de Emerxencias avaliou a situación das zonas onde houbo incendios nos últimos días e decretou que trátase de “zonas afectadas por lumes de natureza catastrófica”. A partir dese informe, a Xunta pon en marcha os mecanimos administrativos necesarios para lanzar o antes posible estas liñas de axudas.

O titular da Xunta, que agradeceu a resposta destes días tanto dos servizos de extinción como da poboación afectada polos lumes, recordou que “o prioritario é o control dos incendios” e tras solventar esta situación “toca axudar as persoas máis afectadas”, especialmente aos que perderon ou viron danadas as súas casas.

Ademáis, o presidente do Goberno galego tendeu a man a colaborar co resto de administracións. “Poñemos a valoración feita pola Xunta e toda a tramitación que estamos facendo á disposición doutras administracións coma o Goberno central, entidades locais ou as deputacións para que poidan decidir consignar tamén as súas propias axudas”, sinalou.

Danos


As axudas contemplan os danos persoais sufridos, no seu caso, así como os causados en vivendas e enxoval domésticos e tamén en instalacións complementarias, dentro das que se inclúen pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, de telecomunicacións etc. Así mesmo, tamén se entenderá como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio no que estea a vivenda.

En concreto, en caso de vivenda habitual, concederase o 100% do custo da reposición ou reparación, tanto do edificio principal como das instalacións complementarias, cun máximo de 122.400 euros. Se era unha vivenda non permanente nin habitual, concederase cun máximo -neste caso- de 61.200 euros.

Mentres, para cubrir os danos sufridos polo enxoval doméstico de primeira necesidade, nas primeiras vivendas financiaranse o 100% dos gastos: se están ruinosas, cun máximo de 15.000 euros; se non o están, cun máximo de 7.000 euros. Pola súa banda, nas vivendas que non sexan permanentes nin habituais cubrirase o 50% dos estragos no enxoval: se están ruinosas, cun máximo de 5000 euros; se non o están, cun máximo de 3.000 euros. 

Cómpre apuntar que para este tipo de axudas, no caso de se determinar a ruína da vivenda, os beneficiarios non terán que presentar outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da titularidade ou usufruto do inmoble, sen prexuízo dos controis que se establezan para verificar esta cuestión.

No que atinxe aos establecementos comerciais e doutro tipo, tamén se incluirán os danos ocasionados nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías depositadas nelas, así como os vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades. Quedarán excluídas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.


Tamén se dará cobertura aos titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, polos danos e perdas derivados directamente dos incendios, así como os donos de maquinaria afectada. Outros beneficiarios poderán ser as entidades locais, para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal por esta causa e tamén as asociacións, clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro polos danos nas súas instalacións. No caso dos entes locais, estas axudas terán, en todo caso, carácter complementario ás que sexan aprobadas por outras administracións.

Ademais, no decreto aprobado hoxe polo Consello tamén se establece que o Goberno galego propiciará a subscrición co resto das administracións públicas e con outras entidades dos convenios de colaboración que esixa a aplicación deste decreto, con vistas ao cofinanciamento das actuacións.

Financiamento

Canto ao financiamento destas axudas por parte da Xunta, corresponderá aos orzamentos de cada unha das consellerías implicadas, tendo en conta que esta iniciativa implica varios departamentos da Xunta. Así, mediante este decreto facúltase por exemplo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, para que poida contribuír a sufragar os gastos que orixine o aloxamento provisional das persoas que, por causa dos lumes, tiveran que abandonar definitiva ou temporalmente as súas vivendas.

 Do mesmo xeito, facúltase á Consellería do Medio Rural para que poida realizar directamente actuacións de reparación, restauración ou mitigacións dos danos e efectos causados polos incendios en montes veciñais, montes de varas ou montes xestionados por agrupacións de xestión conxunta. Serán intervencións de mellora de pistas e outras infraestruturas forestais de transporte, captacións de auga e evacuación de augas de escorrenta.
 

Ademais de ambas consellerías, tamén serán competentes para a concesión das axudas previstas neste decreto a Consellería de Facenda e Administración Pública (para cubrir os danos persoais) e a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación para compensar os danos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís.

 

No tinxinte ás axudas ás entidades locais, tamén poderán actuar, a maiores, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte; a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.