lunes, 25 de julio de 2022

Feliz Día de Santiago. Feliz Día de Galicia.

Celebramos hoxe 25 de Xullo, nun especial Ano Santo Xacobeo o gran día de Galicia.

 Manifesto do Partido Popular de Galicia co gallo do Día de Galicia

 

“Se no abrente deste día puidésemos voar sobre da nosa terra e percorrela en todas direccións, asistiríamos á marabilla dunha mañá única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, ata as rías de Pontevedra, oureladas de piñeirais; dende as serras nutricias do Miño ou a gorxa montañosa do Sil, ata a ponte de Ourense, onde se peitean as augas de entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Coruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, ata o curuto do monte de Santa Tegra que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de gloria. O día de festa comeza en Santiago. Comeza a Festa Grande de Galicia.

 

Con estas palabras referiuse Castelao á celebración do Día de Galicia nun dos seus famosos discursos, Alba de Gloria, un percorrido maxistral por toda a nosa xeografía que honra a xeografía física e humana, que é un canto á cultura e lingua dun pobo antigo que mira ao futuro con afouteza e valentía.

 

As xentes do Partido Popular de Galicia quixemos expresalo dende un dos berces do galeguismo integrador, con raíces profundas na nosa terra. Mondoñedo é unha capitalidade cultural, unha das cruces que señorea o escudo dende tempos do antigo reino e que hoxe pode presumir dunha actividade social e cultural que se proxecta ao mundo enteiro.

 

Así o queremos deixar patente desde o PPdeG. Somos un partido centrado, ordenado, reformista e galeguista, que tivo e ten a responsabilidade de gobernar a construción da Galicia moderna que hoxe coñecemos, coa vocación de seguir situando a nosa terra cada vez con máis peso, importancia e presencia no mapa de España, Europa e o mundo.

 

Álvaro Cunqueiro é tamén un dos autores máis exportables da literatura galega, un mindoniense comprometido e sen complexos, dos que máis gusta cando é traducido a outras linguas. Moitas das súas mensaxes –impregnadas dun fondo galeguismo– teñen vocación de universalidade. El, coma nós, nunca someteu o seu ideario galeguista ás ideoloxías moitas veces contraditorias e sempre conflitivas da esquerda nin ás case sempre supremacistas dos distintos nacionalismos. A pesar dos tempos duros que lle tocou vivir, D. Álvaro foi sempre coherente cun pensamento de centro dereita, entre outras cousas porque coñecía Galicia moi ben. Por iso, na súa obra vemos a Galicia auténtica, sosegada, saboreada, integradora e traballadora.


Don Álvaro, que foi escritor, xornalista, dinamizador cultural e un intelectual de primeira orde, imaxinou tamén outras Galicias posibles. Cunqueiro deixounos a gran lección de que se queremos, podemos. Tamén a lección da humildade, pois a súa obra transcendeu á súa inmensa personalidade.

 

Así queremos que sexa tamén a obra das mulleres e homes do PPdeG que poñemos o ben común e a vocación de servizo público por diante de protagonismos, egolatrías ou liortas internas propias.

 

Así o demostramos recentemente culminando un importante e impecable proceso de reestruturación áxil e ordenado que deixou asombrado a moitos.

 

Estas e outras moitas son as mensaxes coas que queremos marcar o Día de Galicia, neste emblemático lugar de referencias cunqueirianas, pero tamén do Mariscal Pardo de Cela, Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga ou Andrea López Chao, fundadora de Hijas de Galicia de La Habana, o primeiro hospital xinecolóxico de América Latina e que naceu coa vocación de dotar de dereitos ás nosas mulleres na Galicia ideal da diáspora.

 

Reafirmámonos polo tanto no galeguismo integrador, entendido desde a familia común dun partido nacional con vocación de Goberno en España que ao mesmo é o que máis se parece a Galicia –o que podemos observar hoxe como unha marabilla única coa que Cunqueiro e outros moitos soñaron–, queremos contribuír hoxe a facer realidade desexándolle á nosa terra, no vindeiro, días de prosperidade e ventura.

 

O noso obxectivo é só un: Galicia.

 

Feliz Día de Santiago.

Feliz Día de Galicia.”