sábado, 18 de junio de 2022

A Xunta licita o proxecto do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia co obxectivo de que sexa unha realidade en San Cibrao das Viñas a mediados de 2025

Onte coñecemos a magnífica nova de que A Xunta licitou o proxecto do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia co obxectivo de que sexa unha realidade a mediados de 2025, logo dun investimento de 4,2 millóns de euros.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presentaron hoxe este proxecto en San Cibrao das Viñas, onde se emprazará o equipamento.

O novo centro será froito da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, impulsora deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras de edificación.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa a licitación da redacción do proxecto e dirección das obras deste equipamento, un contrato que suporá un investimento da Xunta de  preto de 220.000 € e ao que as empresas poderán presentar ofertas ata o 14 de xullo.

Esta intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE.

Ethel Vázquez avanzou que a Xunta prevé adxudicar en outono este contrato para a redacción do proxecto construtivo, que estará rematado na próxima primavera para iniciar a continuación a contratación e inicio das obras.

O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia construirase na parcela 3E da Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, que conta con algo máis de 3.000 m².

O edificio, con máis de 2.000 m² de superficie construída, albergará os espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de alugamento para empresas privadas.

Os traballos completaranse cunha área para o estacionamento, prevendo habilitar arredor de 40 prazas de aparcadoiro.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, salientou que este centro terá como metas contribuír ao fortalecemento da ciberseguridade na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; así como o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade.

Corgos sinalou que o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia traballará en colaboración coas Deputacións provinciais,  coas entidades locais, a través da Fegamp,  coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector. A vocación deste centro, dixo, será o de estar a disposición de toda a sociedade.

Explicou que o centro se converterá nun punto de encontro entre a innovación en ciberseguridade e as necesidades e retos da sociedade e incidiu en que coa posta en marcha deste edificio, a Comunidade dá un paso importante no camiño dunha Galicia intelixente que aposta polo crecemento da economía galega baseado nas tecnoloxías, cara a unha Galicia mellor.

Lembrou que a consellería está a traballar xa no deseño da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade, de cara a adaptación ao novo Esquema Nacional de Seguridade. De feito, reforzar a ciberseguridade das infraestruturas e servizos da administración electrónica é unha liña de actuación incluída no Plan estratéxico de Galicia 2022-2030, recentemente aprobado.

Aposta por Ourense

Por outra parte, Ethel Vázquez recordou a aposta da Xunta por Ourense, co investimento de 22 M€ na conexión do polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52 para dotar de maior competitividade as empresas ao reducir un 60% o tempo de percorrido e mellorar a conectividade con Celanova e Bande.

Apuntou que se está a redactar o proxecto construtivo da Rolda Leste de Ourense, entre Bemposta e a N-525, que pechará a circunvalación polo sur conectando coa A-52; unha infraestrutura estratéxica para os concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas, e con funcionalidade en toda a área, que suporá un investimento da Xunta de 6 M€.

Tamén remarcou a aposta por unha mobilidade máis sostible e saudable, coa execución de sendas peonís por importe de máis de 7 M€. Detallou ademais o itinerario que conectará a cidade de norte a sur a través da avenida das Caldas e O Barbaña, con 4,5 M€ de orzamento.

Ademais recordou que o Goberno galego preparou a cidade de Ourense para a chegada á da alta velocidade, coa posta en marcha da estación de autobuses intermodal.

Sinalou que o Executivo autonómico tamén está a reforzar a sanidade pública na provincia coa execución das obras de ampliación do Complexo Hospitalario, cun investimento de máis de 52 M€.