O portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, lembrou as palabras do director xeral de Estradas do Goberno central nas que cualificaba este incidente na A-6 de “colapso sen precedentes na rede viaria española”. “A principal entrada a Galicia pola Meseta, cunha circulación media de 10.000 vehículos diarios continúa pechada, e o desvío provisional que implica a circulación pola N-6 supón un incremento do tempo da viaxe e un aumento de custes para os transportistas”, apuntou.
Balseiro lembrou que o viaduto permanecía pechado desde hai máis de un ano e estaban acometéndose nel obras de urxencia, ao detectarse danos estruturais na infraestrutura. “Unhas actuacións de emerxencia ás que se destinaron 26 millóns de euros de fondos públicos, un investimento moi importante que, visto o resultado, non entendemos a que se dedicou”, dixo.
COLABORACIÓN
DA XUNTA
“A día de hoxe, son todo especulacións sobre o que aconteceu, porque desde o Ministerio de Transportes non se deu ningunha explicación sobre as causas que provocaron o sinistro, nin tampouco se deu información sobre como se vai acometer a resolución do problema e, moito menos, os prazos que se barallan para que a autovía poida volver a estar operativa neste punto”, lamentou.
José Manuel Balseiro asegurou que “nin a Xunta nin o PPdeG buscamos facer deste gravísimo accidente unha causa de confrontación política”, e mostra disto é que a Consellería de Infraestruturas xa remitiu ao Ministerio de Transportes unha proposta con tres alternativas para poder axilizar o tráfico na zona mentres non se atopa unha solución definitiva.