sábado, 7 de mayo de 2022

O PPdeG salienta que o Dereito da Unión Europea ampara ao Goberno galego na súa oposición á modificación do regulamento de costas


Onte o 
Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que clarifique o seu criterio á hora de autorizar os cambios de uso das construcións tradicionais do litoral. A portavoz de Medio Ambiente, Marisol Díaz, cualificou de “incomprensible” a diferenza de criterio existente entre os ministerios de Transportes e de Transición Ecolóxica e subliñou que o propio Dereito da Unión Europea ampara o posicionamento do Goberno galego ao sinalar que o réxime de autorización estatal é contrario á directiva de servizos por discriminatorio, inxustificado, desproporcionado, escuro, equívoco e subxectivo”. 

 

Marisol Díaz criticou que o Goberno central “trata de impedir calquera cambio de uso nos elementos e construcións en servidume de protección do dominio público marítimo terrestre a través da modificación do regulamento de costas prevista, en contra das propostas que se lle teñen trasladado desde a Xunta”. “Desde o Goberno galego procúrase algo tan razoable e de sentido comúncomo que se permitan os usos hoteleiros, hostaleiros, recreativos, de equipamentos, de carácter público ou privado, naquelas construcións tradicionais xa existentes con anterioridade á Lei de costas”, indicou.

 

A portavoz popular lamentou que “nos atopamos con diferentes criterios entre os ministerios do Goberno de Pedro Sánchez”, xa que, por unha banda, o Ministerio de Transportes facilita a transformación de faros que xa perderon a súa funcionalidade para dotalos dunha nova utilidade, mentres que o Ministerio para a Transición Ecolóxica “vai pola súa liña de intransixencia e oponse firmemente a calquera posibilidade de implantar eses usos nas construcións tradicionais da franxa costeira xa existentes”. 

 

DIFERENZA INCOMPRENSIBLE

 

Deste xeito, cualificou de “incomprensible” a diferenciación que contén a normativa estatal e que permite usos hostaleiros en infraestruturas localizadas en espazos portuarios, sen que esa posibilidade excepcional se faga extensible a outro tipo de edificacións existentes na costa”. 

 

Esta crítica ao Goberno central está amparada polo Dereito da Unión Europea, a través de sendas sentencias do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea. En concreto, conclúen que o réxime de autorización estatal sería contrario á directiva de servizos por discriminatorio, inxustificado, desproporcionado, escuro, equívoco e subxectivo. 

 

Marisol Díaz lembrou que “os problemas derivados do impedimento de usos en edificacións tradicionais non é consecuencia da Lei 2/2013 de protección e uso sostible do litoral, senón da nova redacción que o Ministerio de Transición Ecolóxica da ao Regulamento Xeral de Costas”. “Unha nova redacción que supón o veto ao cambio de usos das construcións que se atopan na zona de servidume de protección, isto é, unha franxa de cen metros de ancho no rural desde a liña de praia e de 20 metros en solo urbano”, engadiu