sábado, 7 de mayo de 2022

Éxito da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón


Co gañador 
Asisto onte na Estación Marítima de Vigo ao acto entrega de premios da  15 Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón.

Tanel  August  Lind, de Estonia, recibiu o 1º Premio da 15ª dotado con 10.000 euros en metálico. O 1º Accésit Autoridade Portuaria de Vigo viaxou ata Polonia, de onde procede a súa autora: a deseñadora Maria  Nolepa. Ao artista gráfico Jesús Barbeito (España) correspondeulle o 2º Accésit; e a Mención Especial correspondeu ao profesional italiano  Tommaso  Gianno. Cada un destes premios ten unha asignación económica de 2.000 euros, polo que a adega ha repartiu en total 16.000 €.

O fallo do xurado deuse a coñecer na cerimonia presidida por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia en funcións. Máis de 500 personalidades do mundo cultural, social, político, empresarial e académico asistiron.

Unha gran maioría dos 48 finalistas participaron na velada. Proceden de 20 países: Alemaña, Austria, Bulgaria, Eslovaquia, Estados Unidos, Estonia, España, Finlandia, Francia, Italia, Irán, Israel, Casaquistán, México, Polonia, Portugal, República Dominicana, Romanía, Rusia e Serbia.

O Presidente do Grupo Vitivinícola Terras  Gauda, José Mª Fonseca  Moretón, agradeceu  a todos os deseñadores o seu talento e creatividade para demostrar que a capacidade expresiva e o poder de comunicación dun cartel son indiscutibles na sociedade actual; un dos obxectivos da Bienal, a de maior envergadura convocada por unha entidade privada a nivel mundial. "Defendemos que a arte, e concretamente o  cartelismo, únenos. Conéctanos e comunica. A un galego cun xaponés, a un italiano cun libanés. A un mexicano cun  neozelandés. A arte non ten fronteiras e o  cartelismo está máis vixente que nunca", finalizou a súa intervención. 15 anos de Bienal: máis de 20.000 carteis de 100 países

Máis de 20.000 carteis de 100 países de todo o mundo participaron nestas 15 primeiras edicións: consagrados deseñadores gráficos e ilustradores, mozos creadores, estudos de deseño, así como estudantes e profesores de universidades dos cinco continentes, confirmando a pluralidade e diversidade tanto xeográfica como do perfil dos concursantes.

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe o labor da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda-Concurso Francisco Mantecón para situar Galicia á vangarda das artes internacionais e impulsar a imaxe de Galicia no exterior.

Durante a entrega de premios, Feijóo destacou a traxectoria deste certame, que permite que artistas de todo o mundo dean a coñecer os seus traballos, durante os máis de 30 días que estas obras se exhiben na Estación Marítima de Vigo. Ademais de promocionar un dos produtos marca de identidade de Galicia como é o viño e contribuír a consolidar a comunidade como un destino do etnoturismo.

“Arte, cultura do viño e creatividade maridan á perfección”, dixo, incidindo en que o sector vitivinícola, ademais de ser clave para a economía da nosa terra, forma parte da nosa cultura, cunha historia e unhas técnicas que pasan de xeración en xeración, acrecentando o valor dos viños.

Feijóo aproveitou a súa intervención para facer fincapé no éxito de convocatoria que nestes quince anos leva acadado este certame de cartelismo, como proba o feito de que nesta edición se superasen as 1.200 obras presentadas, de artistas procedentes de 64 países.

O presidente da Xunta en funcións concluíu felicitando aos premiados e tamén ao Grupo Terras Gauda pola súa aposta pola investigación e a innovación, que fan posible que a Comunidade conte cuns viños excelentes que levan a marca Galicia por todo o mundo.

Parabéns a Tierras Gauda polo rotundo éxito da Bienal