O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou no Pleno de Investidura a “fortaleza” que lle da ao candidato Alfondo Rueda “a viabilidade dunhas propostas realistas, enmarcadas na tarefa de facer unha Galicia mellor para vivir, e contribuír con elo a facer de España un país mellor e de Europa unha unión máis perfecta”. “Os que te coñecemos desde hai moitos anos sabemos que reúnes os coñecementos, a experiencia, a vontade e o talante precisos para darlle continuidade ao proxecto inacabable de facer de Galicia un país mellor”, apuntou.
Pedro Puy concretou que “a mellor parte do discurso do candidato foi a súa reivindicación de todo o logrado polos galegos e galegas nesta frutífera etapa autonómica, porque imbrica a tarefa que virá coa labor xa feita”. “A inmensa maioría dos galegos comparte as ideas fondamente democráticas e dialogantes, reformistas, autonomistas, galeguistas e europeístas formuladas desde hai máis de 40 anos” polos galegos que se reunían arredor da mesa camilla de Ramón Piñeiro.
“O candidato á investidura fixo un balance do moito logrado ata o de agora, porque é copartícipe desde o relevante posto da Vicepresidencia primeira do Goberno galego do feito nestes últimos 13 anos”, sinalou o portavoz popular. Neste sentido, apuntou que “compartimos a diagnose feita polo candidato e aplaudimos que propugne darlle un novo pulo as actuacións programáticas apoiadas nas eleccións autonómicas, e as medidas previstas no Plan de Reactivación aprobado neste Parlamento e no Plan Estratéxico de Galicia 2020-2030, que pronto entrará nesta Cámara e que evidenciará, unha vez máis, quen ten visión estratéxica do país e quen non”.
Ademais, subliñou que o candidato “deixou claras as prioridades do seu goberno: proseguir coa recuperación da economía e do emprego, e adoptar medidas que, á vez que impulsan o crecemento, contribúen a corrixir os problemas que as familias enfrontan, con políticas fiscais e sociais dirixidas a mellorar o seu benestar”.
O portavoz popular asegurou que “a estabilidade institucional que gozamos e a confianza dos nosos conciudadáns nela é unha das mellores herdanzas que recibe o candidato” e anotou que “hai unha substitución na Presidencia da Xunta dentro da normalidade democrática e dándolle continuidade ao claro mandato que recibimos da cidadanía galega aínda non cruzado o ecuador da lexislatura”.
Respecto das intervencións dos grupos da oposición, Puy lamentou que “non sorprende que tentasen presentar os seus programas aproveitando unha investidura allea, porque saben que ningún deses programas tería o respaldo do Parlamento, mesmo no caso de que a aritmética parlamentaria dese para formar un goberno de coalición que reproducise, a escala autonómica, o espectáculo que está a dar a actual coalición que goberna España”.
“Ademais desa curiosa e chamativa competición para ver quen encabezaría esa hipotética e inexistente alternativa, as oposicións tamén demostraron a súa febleza enumerando propostas claramente irrealizables”, dixo. En concreto, referiuse á proposta de subirlle os impostos ás empresas eléctricas, crear unha compañía eléctrica pública ou unha tarifa eléctrica galega, “que serían ruinosas para as nosas economías empresariais e familiares, case tanto como para a facenda autonómica implantar un cupo foral”. Así mesmo, cuestionou que se anuncie un plan de choque de 700 millóns de euros ou se pida que se dediquen máis de 250 millóns de euros a subvencionar o transporte “sen indicar que partidas de gasto dos vixentes orzamentos pensan recortar nesas cantidades”.
Pedro Puy manifestou que “unha cousa é poñer en cuestión o programa do candidato e outra moi distinta poñer en dúbida a lexitimidade dun candidato que vai ser elixido con toda a lexitimidade que lle dan a Constitución, o Estatuto e a votación que se realizará neste Parlamento galego”. “Subverter a lexitimidade que nos outorga o sistema de representación por unha suposta falta de convalidación directa do corpo electoral e ou non entender o noso sistema democrático ou, o que sería peor, socavalo intencionadamente diante da opinión pública”, concretou.
O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, comunicará a elección ao rei Felipe VI e ao presidente do Goberno de España de cara á publicación do Real Decreto de nomeamento do presidente da Xunta de Galicia. O igual que en anteriores ocasións, esta comunicación efectuarase por vía telemática con sinatura electrónica.
A toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta de Galicia celebrarase o vindeiro sábado, 14 de maio, ás 12,00 h. na sede do Parlamento de Galicia.