Logo de salientar que a nova estratexia mantén os grandes retos da anterior e centrarase na busca de solucións científico-tecnolóxicas para a sostibilidade, na dixitalización e nas persoas para orientar os esforzos en I+D+i na alimentación, saúde ou no envellecemento, Feijóo detallou algunhas desas novidades.
Entre elas destacou o establecemento de misións para apoiar entre 4 e 6 grandes proxectos transformadores, o reforzo da atención ás pemes para impulsar a innovación, o desenvolvemento da Marca Galicia en I+D+i e o fomento da incorporación da muller á innovación.
Nesa liña, referiuse ao obxectivo de triplicar no 2027 a porcentaxe de empresas innovadoras, tanto en produto como en proceso. “Queremos mellorar o posicionamento de Galicia no ámbito da I+D+i a nivel estatal e internacional”, abundou.
Máis polo miúdo e a curto prazo, o presidente da Xunta adiantou que a nova RIS3 prevé un investimento público privado de 1.600 M€ entre 2022 e 2024 para levar a cabo os 5 programas nos que se divide esa fase: Completa e transfire, Integra, Persoas e talento, Innova e emprende e Posiciona.
Xa para concluír, Feijóo lembrou algúns dos avances acadados grazas á anterior RIS3 2014-2020, como o incremento nun 34% do investimento en I+D na comunidade, ou a concesión de 6.700 axudas que mobilizaron 1.900 M€ en investimentos público-privados.