Na nota de prensa consta que:
“A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel
Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co delegado
territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da Área Sanitaria de
Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, presidiron a sinatura do
documento por parte da dirección da obra da Xunta e da empresa adxudicataria, a
UTE formada por Copasa e o Grupo Puentes.
A sinatura deste documento dá comezo a execución
efectiva do contrato e permite avanzar na preparación dos traballos para
iniciar este mesmo mes a construción dun novo edificio de hospitalización e
para reformar o actual Hospital Materno Infantil, ao tempo que se melloran os
accesos.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade indicou
que o prazo das obras é de 40 meses, prazo que se tentará acurtar durante a
execución dos traballos. Con todo, apuntou, o obxectivo da Xunta é ir acadando
fitos: un primeiro, que a finais de 2023 poida estar rematado o novo edificio,
para proceder ao traslado do Materno Infantil e poder iniciar a reforma
integral do edificio actual.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade indicou que
a ampliación do CHUO, coincidirá en paralelo con outras dúas reformas: a obra
da UCI, cun investimento de 9 millóns; e o novo servizo de medicina nuclear, no
que se avanzou a pasada semana no marco do Consello da Xunta. Este servizo
conta cunha previsión de 5,5 millóns para as obras e o equipamento de alta
tecnoloxía que consistirá en dúas novas gammacámaras e un equipo PET-TC de nova
dotación.
Durante o acto tamén fixo alusión ao remate do Plan
funcional para construír un edificio administrativo e un novo edificio
ambulatorio, cos conseguintes axustes para proceder á licitación do seu
proxecto arquitectónico. Con todo, García Comesaña incidiu no feito de que a
renovación do CHUO vai máis alá da infraestrutura, afectando tamén á renovación
do equipamento.
Nesta liña, destacou a adquisición dunha nova
resonancia magnética no 2020 e a posta en marcha do novo laboratorio, cun
sistema de automatización intelixente. Tamén a incorporación, no 2021, de cinco
equipos radiocirúrxicos por valor duns 600.000 euros. Este hospital conta con
un dos sete novos equipos DaVinci de cirurxía robótica que se incorporaron á
sanidade pública galega e que fixeron posible realizar coa máxima precisión
intervencións de uroloxía, cirurxía xeral e dixestiva ou xinecoloxía.
O investimento de máis de 90 millóns de euros dos
Orzamentos da Xunta para 2022 en tecnoloxía sanitaria posibilitará, entre
outras cousas, renovar dous aceleradores lineais do servizo de radioterapia e
catro equipos TAC; renovar o equipo de anxiografía vascular e engadirlle un
novo equipo de anxiografía neurorradiolóxica; así como incorporar oito novos
ecógrafos para o servizo de radiodiagnóstico e un para o servizo de urxencias.
As obras de ampliación do CHOU
Segundo detallou Ethel Vázquez, as obras de ampliación
do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense consistirán na construción
dun novo edificio de hospitalización e na reforma do actual Hospital Materno
Infantil, ao tempo que se melloran os accesos.
En total, vaise actuar sobre 33.000 m², dos cales máis
de 19.000 serán de reforma e preto de 14.000 m² de nova construción,
incrementando a superficie construída do hospital nun 11% ata superar os
136.000 m².
O novo edificio de hospitalización terá 12 plantas e
disporase entre o oeste do antigo edificio Materno Infantil e o Hospital
Cristal.
No Hospital Materno Infantil levarase a cabo unha
reforma integral, para a súa posta en valor e mellora da funcionalidade,
conservándose só a súa estrutura.
Unha vez realizadas estas actuacións permitirán poñer
á disposición dos veciños de Ourense unha área pediátrica con 38 camas; área de
neonatoloxía, con UCI pediátrica; e zona de urxencias pediátricas e de
urxencias obstétricas, entre outras. Ademais, tamén se dotará o complexo de
área de radioloxía, de diálise, hospitalización obstétrica, con 56 camas, e hospitalización
convencional, con 280 camas.
A estas actuacións súmanse as de mellora da seguridade
e da accesibilidade que está a realizar a Xunta nas contornas dos centros
hospitalarios, como as que se van realizar no Complexo Hospitalario de Ourense
e noutros hospitais públicos da provincia, cun investimento de 455.000 €. Neste
momento o departamento de Infraestruturas está a coordinar as obras coas
xerencias para minimizar as interferencias coa actividade sanitaria, para poder
comezar os traballos canto antes, xa nesta primavera.”