A comparecencia do presidente da Xunta subsumiu a comparecencia do conselleiro de Medio Rural e as preguntas ao presidente da Xunta previstas na orde do día por versar sobre contidos análogos.
Este é o texto da súa intervención:
“Señorías;
Comparezo nesta Cámara porque coincido en que a situación que está a vivir o conxunto de España e, por tanto, Galicia é moi preocupante. En consecuencia, e como representante ordinario do Estado na Comunidade Autónoma, estou de acordo con vostedes en que este é un momento histórico e, en consecuencia, neste momento se require que cada un traslade as súas reflexións.
Que vivimos unha situación crítica é unha evidencia.
Calquera pode comprobar tamén que se está a rexistrar un empeoramento intenso nos últimos días.
E a grande incerteza que existe a moitos niveis fai probable que aínda se siga agravando máis nos próximos días.
Cando a maioría das familias observan angustiadas o futuro; cando sectores esenciais da nosa economía sofren tantas dificultades e inquedanzas... a obriga de calquera Administración, de calquera Goberno, de calquera grupo político é reaccionar e facelo coa maior dilixencia posible.
Señorías, estou hoxe aquí porque creo que, diante dunha situación de crise como a que vivimos, un gobernante responsable debe ofrecer explicacións, garantir as medidas que dependan dun e esixir con firmeza as que corresponden ao resto das administracións públicas.
En calquera momento, pero neste máis ainda, os cidadáns precisan de gobernos proactivos que non se escondan cando máis deben dar a cara, que non se inhiban cando máis se necesitan.
O noso primeiro deber cos cidadáns é tentar responder ás súas preguntas cun diagnóstico o máis certo e completo posible. E tamén respectuoso co sufrimento das familias e do conxunto dos traballadores, que están nunha situación especialmente delicada, na maioría dos sectores de Galicia.
Señorías, as queixas de tantos traballadores nestes días son comprensibles e merecen respecto e, na miña opinión, solidariedade. É compatible condenar as actuacións reprobables dunha minoría, con entender a todos aqueles que imploran lexitimamente medidas para algo tan elemental como poder traballar sen perder diñeiro.
Sinalar como inimigos -e ás veces incluso como delincuentes- a cidadáns que están preocupados e desesperados pola situación é unha grande equivocación e creo que debe ser rectificada de forma inmediata.
Porque son milleiros os gandeiros que están tirando o leite e preguntándose se terán que sacrificar cabezas de gando en días vindeiros ante a carencia de pensos.
Porque son milleiros os mariñeiros que teñen os seus barcos amarrados porque non poden repercutir o prezo do gasóleo no peixe ou non teñen quen llo recolla.
Son milleiros os transportistas que garantiron o subministro dos bens básicos durante o estado de alarma, en pleno confinamento, e hoxe non poden saír a repartir porque non lles dan as contas.
Son milleiros os integrantes da industria conscientes de que o seu traballo pende dun fío, porque moitos dos que estaban ao seu carón xa o perderon.
Son milleiros os traballadores da construción que están a cancelar obras que tiñan contratadas porque a alteración dos prezos fai inviable os contratos que tiñan asinados.
Son milleiros no sector do turismo e no comercio, os que se preguntan se volveremos atrás -agora que se comezaba a iniciar un tímido repunte despois da pandemia.
Señorías, son millóns os que teñen serias dificultades para encher o depósito dos seus vehículos.
Son millóns os que temen a chegada da factura da luz e da calefacción.
E todos eses milleiros, e todos eses millóns, non son afiliados con carné dun partido ou doutro. Son persoas que queren vivir, que queren traballar e que queren solucións aos seus problemas.
Como lles poden pedir a todos eles comprensión os mesmos que non atenden as súas queixas?
Como lles poden dicir que as secuelas en España son moito menores os mesmos que privan a esta Nación de medidas que si implementan, desde fai días ou semanas, outros países da UE?
Eu quero manifestarlle á xente que o está a pasar mal o meu respecto. Todo o meu respecto. E iso empeza -como dicía- por transmitirlle á nosa xente a verdade do que ocorre e, exactamente coa mesma transparencia, tamén as incógnitas que o Goberno galego como tal ten.
Sabemos que a guerra en Ucraína, que aproveito para volver a condenar -sen medias tintas, deixará secuelas importantes en toda Europa e, por tanto, tamén en Galicia. Pero non sabemos aínda por canto tempo, nin con canta intensidade.
Sabemos que a atención aos refuxiados procedentes do conflito implicará a Galicia, e esa é a nosa vontade, pero descoñecemos o volume e a axuda coa que imos contar para esta situación extraordinaria.
Sabemos que as novidades en materia de política exterior que coñecemos polos medios a semana pasada entrañan enormes riscos para o subministro enerxético en España, pero ignoramos a magnitude porque carecemos de calquera información ao respecto.
Sabemos que a situación política no noso país engade máis inestabilidade e desconfianza, ante a gran división no seo do Goberno central e cos partidos que o apoian, pero non sabemos que consecuencias terá esta división.
E o que si sabemos, e sabémolo sen ningún xénero de dúbida, é que moitos dos problemas que temos xa existían con anterioridade á invasión ilexítima desatada por Putin sobre unha nación soberana.
Isto, por moito que se pretenda agochar, é innegable. Eu mesmo lle advertín dalgúns deles ao presidente do Goberno nunha carta remitida o 10 de novembro do pasado ano. Pero é que, ademais, calquera persoa pode comprobar nas súas facturas domésticas a evolución do custo da vida en xeral e dos prezos da enerxía en particular.
Insistir en que o diagnóstico do que nos pasa se retrotraia a un ano atrás como mínimo non é ningún capricho persoal, senón unha necesidade colectiva. Como diría Ortega, “toda realidade ignorada prepara a súa vinganza”, e tentar afrontar calquera dificultade partindo da súa negación é o primeiro paso para non sermos capaces de solucionala.
E exactamente iso, ocultar o diagnóstico dunha crise é algo que xa vivimos en España nun pasado non moi afastado -gobernaba o Partido Socialista Obreiro Español- e que nos foi moi mal. Sería moi recomendable non caer dúas veces na mesma pedra en tan curto espazo de tempo.
Aceptemos por tanto que -por máis que a guerra agrave a situación, por descontado- a economía en España estaba a recuperarse sobre grandes debilidades que, por certo, presidentes de todas as cores lle advertimos ao Goberno central. Algúns deses lastres eran sobrevidos e inevitables, sobre todo os derivados da pandemia. Pero outros, señorías, podíanse ter evitado porque responden a decisións propias do Goberno de España que deberiamos ter modificado.
En efecto, España leva anos sendo vítima dun proceso de encarecemento progresivo da enerxía. Os prezos da electricidade multiplicáronse por 5 desde 2018 -de 57,27 mw aos prezos actuais no entorno dos 300 mw-, e ata por 10 en determinadas horas do día. Loxicamente, isto está a ter efectos demoledores para as familias, para o sector primario, para a industria -especialmente a electrointensiva- e para todo o mundo.
Desde hai demasiados anos tamén, o noso país está vivindo unha ruptura enerxética desordenada e inxusta, que moitos pedimos non acometer de forma tan abrupta. En Galicia coñecemos mellor que ninguén os efectos que isto ten sobre a industria e agora, ademais, a nosa vulnerabilidade quedou ao descuberto porque somos totalmente dependentes dunha única enerxía de respaldo, que é o gas.
A inflación tampouco comezou a semana pasada ou o mes pasado. A peche do ano 2021, xa era dun 6,5%, a maior nos últimos 30 anos, cunha tendencia á alza que levaba consolidándose desde o pasado mes de febreiro -que xa pechou no 7,6%-.
Tamén desde hai meses, algún dos nosos sectores produtivos comezou a notar con maior intensidade os efectos da crise de subministros, ameazando a reactivación da economía. Sen ir máis lonxe, Stellantis e a súa rede de auxiliares estivo dúas semanas parada, posto que á crise de semicondutores sumáronse outros compoñentes.
Igualmente, Galicia defendeu desde hai meses que se reconsideraran as subas de impostos decididas a nivel nacional, e se optara por rebaixar a presión fiscal, como fixemos desde a Xunta. Lamentablemente non se aceptou esta proposta e a última rebaixa fiscal consolidada na lei de presupostos deste ano foi votada en contra por toda a oposición.
E tamén advertimos de forma constante do risco de incrementar a débeda sen control. As consecuencias de ignoralo tamén as veremos agora, coas previsibles políticas monetarias que deixarán de comprar débeda e incrementarán os tipos de interese, e farán que todas as administracións suframos para pagar as débedas doutras administracións que se endebedaron de forma incontrolada. Afortunadamente, Galicia en moita menor medida xa que é a segunda Comunidade da Nación con menos débeda por habitante.
Insisto. Da maioría disto levamos falado meses, semestres neste Parlamento. E llo advertimos ao Goberno central na carta que está a disposición, datada o 10 de novembro de 2021, onde lle trasladei ao presidente do Goberno todas estas inquedanzas descritas de forma concreta e coa maior das aportacións.
Por iso, creo que afirmar agora que é a Unión Europea a que vai tarde, cando hai meses que o Goberno central debía tomar medidas no ámbito nacional, é unha auténtica provocación aos cidadáns, que creo que non merecen.
Loxicamente, desde as últimas semanas -e especialmente nos últimos días- a situación agravouse.
Impacta a guerra, como non pode ser doutro xeito.
Impacta, falta saber con que consecuencias, o volantazo dado na política exterior de forma unilateral pola parte socialista do Executivo estatal. Todos os españois nos enteramos a través dunha nota do Goberno de Marrocos que decidimos en España en relación coa nosa postura histórica sobre o Sáhara e a nosa relación histórica e consensuada sobre Marrocos e Alxeria.
Pero tamén impacta na paciencia dos cidadáns a inacción do Goberno central.
Señorías, non se entende que, ante o que estamos a vivir, se nos diga que agardemos ao 29 de marzo.
Onte mesmo houbo unha reunión do Goberno central co transporte. Certamente, un récord histórico: reúnense tres ministros e confederacións de transportes que non estaban en folga; e finaliza a reunión con todas as confederacións de transportes en folga. É algo, francamente, para anotar no manual de negociación e de razonamento.
Houbo tamén unha reunión da vicepresidenta económica con todas as comunidades. Novidades. Ningunha. Que esteamos tranquilos -repito literalmente- pero nin un paso adiante respecto ao acordado na Conferencia de Presidentes.
Que máis ten que pasar para que o Goberno reaccione?
Que máis se necesita para que o Goberno dea a cara?
Que máis se necesita para que o Goberno actúe e tome decisións?
En efecto, desconcerta e preocupa a parsimonia coa que desde o Goberno central se están a afrontar os problemas de España, e por tanto, tamén de Galicia. Cada día que pasa supón un día máis de perda de emprego, de empobrecemento colectivo, de destrución económica e de conflito social.
Tampouco se comprende o enfoque co que se está a abordar esta crise, como se a solución ao 100% dos problemas estivera só en mans da Unión Europea.
Señorías, moitos países da nosa contorna xa tomaron decisións, no marco das súas competencias.
Francia: descontos de 15 céntimos o litro de carburante, que se suma á conxelación das tarifas do gas.
Portugal: aprobado un sistema de reembolso de 10 céntimos por litro de combustible, que aumenta no caso dos autobuses e os taxis. Ademais, suspendido o Imposto ao carbono e reducido o Imposto sobre os Produtos Petrolíferos.
Italia: aprobado o pasado venres un decreto que reduce 25 céntimos por litro os impostos do gasóleo e a gasolina.
Bélxica: baixada do IVE do gas, da electricidade e do combustible, pero tamén tarifas sociais e cheques de 200 euros para consumidores con calefaccións de gasóleo.
Polonia: reducido o IVE dos combustibles dun 23% a un 8% e ampliadas estas baixadas a produtos de primeira necesidade, como alimentos, gas ou fertilizantes.
Se todo isto é posible para os nosos aliados europeos... por que para España non?.
Se todo isto é posible para outros países agora, sen agardar ao 29 de marzo, por que en España non?.
Calquera pode cometer equivocacións, pero o que non podo entender é que non se tomen decisións. Iso é un erro asegurado. Co 100% de probabilidade.
Lamentablemente, estase a reproducir por parte do Goberno central a mesma actitude que observamos durante a pandemia e que tantas veces denunciamos nesta Cámara. Na pandemia escudouse nas Comunidades e agora faino na Unión Europea. A emerxencia é diferente, pero a resposta nacional é a mesma: é dicir, ningunha.
Ocorre, sen embargo, que mentres as comunidades tiñamos competencias claras que nos permitían afrontar a crise do coronavirus e paliar en boa medida a inacción do Executivo estatal, neste momento, a marxe de manobra autonómica é realmente moi escasa.
Señorías, en todas as situacións difíciles que vive o noso país a actitude da Xunta de Galicia está marcada pola mesma pauta. O noso mandato e a nosa convicción obrígannos a colaborar co Goberno central. Debémonos aos mesmos cidadáns.
Pero colaborar non implica calar cando a situación é tan grave como esta, con sectores económicos que están a piques de colapsar debido a unha serie de circunstancias concatenadas nas que a invasión rusa de Ucraína é un elemento determinante pero, desde logo, non é o elemento mollar.
Igualmente, colaborar non implica asumir responsabilidades que non se corresponden co Goberno autonómico e farían mal os partidos da oposición deste Parlamento se aceptan que, desde aquí, suplamos o traballo que compete ao Executivo estatal, á conta de exercer en peores condicións as tarefas que si nos son propias.
Señorías, Galicia está a disposición do Goberno para axudar nun momento crítico como o que vivimos e de feito nós xa adoptamos medidas para aliviar cargas a moitas familias e sectores produtivos.
A semana pasada avanzamos o despregamento dun Plan de Choque autonómico, que se completará na reunión do Consello deste xoves. Porque nós entendemos que a nosa xente non pode esperar, e moito menos sen saber exactamente a que.
(1) Por iso, a semana pasada axilizamos o lanzamento do Bono Social Térmico, unha medida que chegará a 66.000 fogares, con axudas que van de desde 128 a 373 euros para pagar as facturas da calefacción, auga quente e cociña.
Saben que esta axuda decidimos complementala con outra de 100 euros a cada familia para contribuír a sufragar os recibos da luz.
(2) En segundo lugar, tamén a semana pasada decidimos inxectar liquidez ao sector gandeiro pola vía do financiamento de circulante e de anticipo de axudas, especialmente os 200 millóns de euros da PAC. Ademais, reclamamos que o Banco de España autorice ás entidades financeiras a concesión dunha moratoria dun ano no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos neste sector.
(3) Para o sector do mar artellamos unha subvención que sirva para compensar aos profesionais do pago de dous meses de taxas portuarias, susceptible de ampliarse en caso de persistir a situación de escalada de prezos e de bloqueo das lonxas.
(4) Aprobamos unha inxección extraordinaria para todo o transporte público de viaxeiros por estrada fronte á suba dos carburantes. E estamos traballando na fórmula que permita estender este compromiso, anuncio, ao sector do transporte sanitario urxente e non urxente, así como ao sector do transporte sociosanitario e, se é necesario, ao educativo.
Estas son as medidas xa adoptadas pero, por suposto, seguimos traballando. E, neste sentido, comunícolles novas liñas de actuación nesta semana:
(5) Para axudar as pequenas e medianas empresas, creamos unha nova liña de avais do IGAPE destinada a cubrir as necesidades de liquidez e realizar investimentos en elementos produtivos que axuden a facer fronte á actual situación.
(6) Activar un programa de préstamos directos para a industria manufactureira que está a sufrir un maior impacto. Ambas liñas suman 70M€ que suporán unha mobilización de 140M€ no tecido produtivo galego.
(7) Adicionalmente, para as empresas que están a atravesar dificultades e xa contan con préstamos directos da Xunta ou avais, habilitaranse mecanismos para flexibilizar os mesmos.
(8) No eido enerxético, activamos o Bono Enerxía PEME, dirixido a comercios, hostalería e pequenas e medianas empresas para equipamentos que reduzan o consumo enerxético, cunha axuda de ata 6.000€ e cunha intensidade por axuda do 80% do investimento.
Así, estaremos sumando máis de 65M€ que a Xunta de Galicia está destinando á industria e ás pemes para que reduzan o consumo e os custos enerxéticos dos seus procesos.
(9) Outro dos sectores máis afectados é o turístico pola incertidume da situación nacional e internacional, polo incremento dos prezos do transporte, e, polo tanto, vimos de activar o bono Turismo como efecto dinamizador do consumo interno. Como medida a medio prazo e para a consecución dun turismo máis eficiente e máis sustentable, reforzamos as axudas para a dixitalización e eficiencia enerxética no sector turístico con outros 7,8M€ máis.
(10) E para axudar ás familias a facer fronte á factura da luz, a Xunta reforza as medidas que xa tiña activas (máis de 23M€) solicitando ao Goberno fondos para duplicar o impulso ao autoconsumo eléctrico e ás renovables térmicas (calefacción e auga quente).
Señorías, non nos inhibimos. Levamos preocupados por este asunto desde fai semestres. Notificamos ao Goberno central, directamente ao presidente do Goberno, por escrito o pasado 10 de novembro de 2021. Intentamos convencer ao Goberno de España na Conferencia de Presidentes e arrincamos o compromiso de baixar os impostos que gravan ás enerxías e ao resto de sectores especialmente aludidos por esta crise.
Señorías, non nos inhibimos. Tomamos decisións no Consello da Xunta, anunciamos hoxe máis decisións e volveremos a seguir tomando decisións nos Consellos da Xunta.
Pensamos que as decisións que adoptamos, fóra incluso das nosas competencias, ou bordeando as nosas competencias é o coherente e é o que nos dá lexitimidade para seguir insistindo en que as medidas nacionais, que son imprescindibles, se adopten xa.
É o Goberno central o quen ten competencias para afrontar o conflito do transporte de mercadorías.
É do Goberno central de quen depende a política enerxética do noso país que está comprometendo o futuro da maioría.
É o Goberno central a única Administración con capacidade para baixar os impostos que gravan a electricidade e os carburantes.
E é o Goberno central quen decide a política exterior, e polo que se ve agora ademais sen consultar nin co Goberno e rachando 40 anos de consenso parlamentario.
Polo tanto, é o Goberno central quen debe poñer solucións a todo isto e quen ten que facelo canto antes.
As secuelas do que estamos a vivir lamentablemente non se poden solucionar de inmediato, dun día para outro, nin sequera no caso de que o conflito en Ucraína se detivera en días, ou na hipótese -pouco probable- de que a nova relación de España con Marrocos non tivera ningunha consecuencia no ámbito enerxético para España.
Por iso, creo que a nivel do conxunto de España, tamén debemos ser capaces de tomar medidas a curto, medio e longo prazo. Sen máis aprazamentos.
Os gobernos responsables non buscan culpables nin delegan tarefas propias nos demais.
Os gobernos responsables buscan solucións e asumen o traballo que lles corresponde.
Con ese convencemento, gustaríame aproveitar tamén esta comparecencia para trasladar as propostas que, desde Galicia, entendemos que son necesarias e urxentes a nivel nacional. Unha batería de medidas para as que lles pido o seu apoio.
Paso a concretarllas, en dous grandes bloques.
Por un lado, para dar resposta á crise económica e, en consecuencia, social.
Por outro sobre a resposta específica para os refuxiados que acolla España.
Tentarei ser conciso e concreto. Creo que é moi importante que sexamos executivos.
A nosa economía non pode agardar máis. Porque as empresas e os traballadores non o merecen. A nosa xente non o merece.
O Goberno Central ten que tomar exemplo e tomar decisións de maneira inmediata. Por iso, desde a Xunta, propoñémoslle un decálogo de medidas urxentes que se poden, que se deben, impulsar hoxe mesmo no Consello de Ministros.
Dez medidas excepcionais.
Dez medidas para mitigar a grave crise que estamos a sufrir.
Dez medidas inmediatas para deter o peche de empresas e as enormes perdas que ca causou esta situación.
Se avaliaramos as perdas producidas pola soberbia do Goberno central durante estes últimos días ou semanas, son maiores que a perda de recadación fiscal na que insiste o Goberno de España cun incremento masivo das bases imponibles e, en consecuencia, da recadación.
1. Plan de continxencia.
É urxente que o Goberno central aprobe un Plan de continxencia para garantir o subministro de produtos básicos á poboación.
Non é unha opción non facer nada, mentres hai alimentos que non saen dos produtores, nin chegan aos consumidores. Negar este problema tampouco debería ser alternativa. Afirmar que nas estradas hai normalidade e que a maioría dos transportistas están a traballar cando os lineais dos supermercados se están a resentir é un insulto á intelixencia dos galegos.
Débese afrontar a situación con todos os instrumentos ao alcance do Executivo estatal. As Forzas e Corpos de Seguridade, sen ningunha dúbida e, se isto non é suficiente para garantir corredores seguros, en alimentos perecedoiros que nos axude o Exército para garantir que o leite, o peixe e a carne sae dos seus lugares de orixe ata o lugar de destino.
Igualmente, e máis aló do paro do transporte destas semanas, propoñemos impulsar un Plan Nacional de produtos estratéxicos que, ademais de fixar reservas estratéxicas, priorice no curto prazo e, de xeito temporal, a produción no mercado interior para afrontar da maneira máis ordenada posible a carencia de materias primas e compoñentes.
Tamén é conveniente que o Goberno central solicite ante a Comisión Europea que se revisen as condicións de importación de produtos para poder cubrir con garantías o que ata agora s.e adquiría en Ucraína ou Rusia.
2. Máis diálogo.
O Goberno non pode vivir nunha torre de marfil mentres tantos sectores están nunha situación desesperada. Debe escoitar a todo o mundo e iso pasa por se sentar tamén coa plataforma convocante do paro no transporte, para intentar achegar posturas e chegar a unha solución.
3. Baixada de impostos
É imprescindible unha resposta nacional contra a Emerxencia enerxética, que debe incluír a revisión do enfoque e, sobre todo, do ritmo da transición enerxética. Non podemos seguir co ritmo de transición enerxética antes da crise, incluso antes de guerra e non mudalo. Iso é unha temeridade e una irresponsabilidade que estamos pagando. Debe apoiarse unha baixada de impostos da enerxía xa. É un compromiso adquirido na Conferencia de Presidentes da Palma polo propio presidente Sánchez, cando consensuamos unha declaración e ninguén entende que aínda non se dera nin un só paso neste sentido.
Detallo a nosa proposta exactamente. O Goberno central debe estender ata final de ano as seguintes medidas fiscais xa en vigor -e que vencen en xuño-.
A suspensión do imposto sobre xeración do 7%.
E a redución do imposto especial eléctrico do 5,11 % ao mínimo legal do 0,5 %.
Igualmente, en relación coa fiscalidade do gas e dos carburantes, propoñemos:
que se eleve á Unión Europea unha consulta para poder reducir de xeito análogo o IVE aos hidrocarburos, para situalo tamén neste exercicio no tipo reducido ou superreducido; ou ben establecer axudas por consumo.
que de forma inmediata se reduza o Imposto Especial aos Hidrocarburos aos tipos mínimos establecidos na Directiva Europea de Fiscalidade.
e que, complementariamente, se inste á Comisión Europea a que con carácter excepcional e transitorio acorde a suspensión temporal deses tipos mínimos, para así poder limitar de xeito significativo o impacto deste imposto no prezo final do gas e dos carburantes.
Que se estude a posibilidade de establecer un mecanismo para dar estabilidade no prezo eléctrico ás familias. É necesario reducir a afección da volatilidade dos prezos nos fogares.
4. Exencións á Seguridade Social
Señorías, o Goberno debe explorar todas as vías á súa disposición para alixeirar a carga que están a padecer ámbitos especialmente afectados polos prezos, entre elas, abordar a exención temporal das cotizacións á Seguridade Social nos casos máis extremos.
Loxicamente, debería ser capaz de que a normalidade se recupere para non chegar a este límite pero, no caso de seguir así, esta é unha medida de moito menos impacto para as arcas públicas que a de facer fronte á destrución de emprego, e por tanto, financiar as cotas de seguridade social e financiar os subsidios de desemprego.
5. Fondo Extraordinario para achegar liquidez
A crise derivada da pandemia deixou as reservas financeiras de moitas empresas moi minguadas ou esgotadas.
É urxente a posta en marcha dun Fondo Extraordinario para contrarrestar esta situación, así como a adopción de máis medidas como:
Solicitar unha moratoria dun ano nos préstamos ICO
Medidas de apoio para a ampliación dos ERTES.
Ou acelerar a tramitación da nova Lei Concursal, con figuras preconcursais que favorezan o refinanciamento das empresas en dificultade.
6. Flexibilización dos contratos públicos
Aprobada nesta Cámara e recorrida ante o Tribunal Constitucional. A eliminación de trabas e custos desproporcionados. Unha demanda esencial é a de adaptar o marco normativo ao contexto actual.
Intensificar a flexibilización dos contratos vixentes, no que ten ver coa revisión dos prezos e prazos.
Axilizar os procesos de contratación das administracións públicas.
7. Axilización da posta á disposición dos fondos europeos
Desde Galicia sempre amosamos o noso convencemento de que os Fondos Europeos son unha ferramenta fundamental para a recuperación. Non só para a transformación, a modernización e o impulso da competitividade da nosa economía, senón agora tamén para a viabilidade das empresas.
Neste contexto, é imperativo que o Goberno axilice na medida do posible os proxectos xa anunciados e que impulse definitivamente, como acaba de facer no caso da automoción, outros PERTE en sectores clave para Galicia, como o agroalimentario, o naval, a medicina personalizada ou a aeronáutica.
Tamén vemos primordial, como lle adiantamos na Conferencia da Palma, que se cree a nova figura do Proxecto tractor autonómico, como ferramenta para xestionar os fondos de forma pegada á realidade de cada territorio e cada sector, con verdadeiros efectos transformadores para as Comunidades Autónomas que o propoña.
8. Programas para cada sector afectado
Ademais das 7 medidas xenéricas para o conxunto da cidadanía, cada un dos sectores afectados necesitará apoio do Goberno central.
Para o noso agro, cunha redución de custos de produción drástica: con bonificacións para o gasóleo ou os fertilizantes, unha redución do IVE ao 4% para compras para os produtores ou a redución dos índices de rendemento neto aplicables no método de estimación obxectiva do IRPF.
No caso do mar, medidas análogas á rebaixa dos impostos aos combustibles e xerando axudas en base a un Marco temporal excepcional no ámbito europeo, alén de atinxir rebaixas noutros elementos dos custos operativos como as taxas portuarias nas dársenas de interese xeral do Estado.
9. Busca de novos mercados
Unha das principais dificultades que están a vivir algúns dos sectores afectados é a dependencia dos países en conflito para o abastecemento de materias primas.
Por iso, ademais de facilitar a procura de novos mercados en orixe débese traballar a medio prazo na identificación e no acceso a novos mercados potenciais que resulten adecuados para redirixir a exportación dos produtos que poidan verse afectados polas posibles restricións ao comercio debido ao conflito bélico.
Nisto tamén terá a man tendida da Xunta. Facilitaremos a interlocución cos sectores e poremos á disposición toda a nosa experiencia na internacionalización de determinados produtos importantes da nosa economía.
10. Transparencia nas negociacións europeas
Necesitamos saber que está a negociar o Goberno en Bruxelas.
Necesitamos saber cales son os Plans do Goberno e que está reivindicando concretamente nas institucións europeas.
Necesitamos saber que efectos vai ter o seu acordo con Marrocos. Cal é ese acordo? Cal é o seu contido? Necesitamos, por suposto, amplificar as nosas relacións diplomáticas con Alxeria, necesitamos seguir respectando ao noso veciño e aliado Marrocos, necesitamos unha resposta para o pobo sahariano e necesitamos sen ningunha dúbida que este Goberno non nos minta.
É urxente que o Goberno compareza e dea respostas. É sorprendente que o Goberno socialista pida a comparecencia do presidente da Xunta, aceptada, e o presidente o Goberno non queira comparecer no Congreso dos Deputados. Unha coherencia moi propia do actual socialismo.
Por outra banda, señorías, a consecuencia máis directa e humanamente máis dolorosa da invasión rusa de Ucraína é a enorme corrente de persoas que están a escapar da guerra cara á Unión Europea.
Acnur, a axencia das Nacións Unidas para os refuxiados, indica que máis de 3,3 millóns de mulleres e nenos ucraínos abandonaron xa a súa casa. E outros dous millóns de persoas abandonaron as súas casas nas zonas máis castigadas pola guerra para refuxiarse nas cidades occidentais de Ucraína. Polo tanto, se a guerra se desprazase cara ao oeste, o número de persoas que saen do país podería incrementarse exponencialmente.
Para poñer en perspectiva este drama humano, abonda dicir que é o movemento de refuxiados máis intenso e rápido en calquera lugar do mundo, desde o remate da Segunda Guerra Mundial.
O éxodo masivo dos ucraínos é un dolorosísimo recordatorio para todo o mundo:
A paz non pode darse por feita;
O respecto aos dereitos humanos non pode darse por feito;
A orde mundial que coñecemos desde hai décadas non pode nin debe darse por feita.
Galicia foi sempre unha comunidade solidaria e acolledora.
Xamais esquivamos a nosa responsabilidade para coas persoas que fuxían dunha crise humanitaria: tanto cando esta sucedía en Siria, como en Afganistán, como nas propias fronteiras da nosa nación.
Con Ucraína non será diferente. Galicia está e estará á altura das nosas responsabilidades. Galicia volve ser unha terra aberta para os que necesitan da nosa axuda.
A Delegación do Goberno trasladounos o pasado venres que tiña coñecemento oficial de que en Galicia viven xa 150 refuxiados ucraínos, pero que a cifra real sexa probablemente maior.
As entidades que están xestionando a primeira acollida destes refuxiados apuntan a que no noso territorio hai xa máis de 800 persoas recén chegadas de Ucraína.
Necesitamos coordinación, necesitamos organización, necesitamos que o Goberno central tome dunha vez as rendas desta situación. E que se aclaren varias preguntas:
Vai existir un Plan nacional de recepción e acollida de persoas desprazadas ou cada comunidade seguirá estando obrigada a facer o que considere oportuno?
Cando se nos van concretar os fondos extraordinarios que as comunidades autónomas, os concellos e as entidades sociais precisamos para exercer as nosas funcións na acollida? E que, por certo, foi pactado na Palma...e aínda non sabemos nada.
E sobre todo: como e cando van empezar a comunicarnos cantos refuxiados chegan cada día a Galicia? cantos viven xa aquí hoxe? como se chaman e que idades teñen? e onde están residindo? Necesitamos saber o que temos que facer para facelo.
A administración encargada da seguridade interior, das migracións e do control de fronteiras, que é o Goberno central, debe achegar respostas.
Porque sen ter datos concretos e fiables, non poderemos prestar en condicións óptimas a acollida que estas persoas necesitan.
Pedinllo ao Presidente do Goberno na Conferencia da Palma, pedímosllo ao delegado do Goberno e a única resposta foron as evasivas.
Espero sinceramente que non remate esta semana sen que contemos coas canles de información fluída e en tempo real que levamos reclamando desde o inicio desta crise.
Está habendo avances, como o Comité de emerxencia que convocou a Xunta a semana pasada, coa participación da Delegación do Goberno, da Fegamp e das entidades sociais que actúan no ámbito da protección internacional, do apoio á infancia e da colaboración ao desenvolvemento. Foi unha xuntanza frutífera que serviu para poñer en común retos pendentes.
A Xunta de Galicia está preparada para actuar no ámbito das nosas competencias, que son os servizos públicos: sanidade, educación, políticas sociais, políticas de emprego.
-No ámbito sanitario, as xerencias das sete áreas contan con indicacións claras para prestar atención inmediata a todos os refuxiados que o precisen. Ofrecemos ao Goberno, xa fai semanas, máis de 400 camas, das cales máis de 100 son pediátricas e unha parte delas oncolóxicas.
-No ámbito educativo, xa se emitiu unha instrución para posibilitar a escolarización inmediata dos ucraínos menores de idade, tanto en escolas infantís como en colexios e institutos.
-No ámbito social, comunicouse ao Goberno central unha relación de centros de acollida, que xa suman máis de 1400 prazas.
-No ámbito do traballo, as persoas refuxiadas xa contan con acceso ás oficinas de emprego, para poder inscribirse nelas e poder acceder a cursos e a ofertas das empresas.
Seguiremos habilitando novos recursos para adaptarnos ás próximas fases da acollida.
Porque ademais de recibilos, darlles un teito e atención urxente é necesario avanzar na integración dos refuxiados, para intentar que se sintan como un galego máis.
Por iso imos poñer, de forma inmediata, un paquete de medidas á súa disposición:
Atención psicolóxica aos ucraínos que estean afectados por estrés postraumático, con especial atención aos menores de idade.
Programas de orientación e adaptación curricular que axuden aos alumnos a integrarse canto antes na educación galega.
Un plan de formación prelaboral, que teña como prioridade a aprendizaxe do castelán ou do galego para poder acceder a un emprego o antes posible.
En paralelo, vimos de remitirlle á Delegación do Goberno un listado das decisións mínimas que entendemos que debe tomar o Executivo central no ámbito das súas competencias:
(1) Máis concreción sobre as medidas de protección específica para os menores non acompañados, especialmente a cobertura xurídica das acollidas temporais.
(2) Permitir que as persoas acollidas ao réxime de protección temporal poidan acceder con axilidade ao Ingreso Mínimo Vital para teren os medios económicos para unha subsistencia digna mentres non poidan traballar. Tanto se o Goberno cumpre con este punto como se non, a Xunta xa ten habilitada a Risga para que poidan acceder a ela os refuxiados.
(3) Criterios claros para a homologación dos títulos de ensino medio e superior que poden ter as mulleres ucraínas que chegan á nosa terra. Sería inxusto que non puidesen continuar a súa carreira profesional ou os seus estudos porque o Goberno non establece as equivalencias da súa formación anterior.
(4) E apoio aos concellos galegos no labor de inventario do material recollido e almacenado nas diferentes instalacións.
E primeiro de todo isto, como condición necesaria para ofrecer a mellor acollida, a información puntual sobre o número e circunstancias dos refuxiados que chegan, como lles dicía antes.
Cada día enterámonos pola prensa da chegada de novas persoas refuxiadas. Ante a falta de claridade das canles oficiais, chegan por vías irregulares e a través da boa vontade dos cidadáns.
Sempre dixemos que a resposta a unha situación coma esta non pode basearse exclusivamente nas boas intencións da xente.
Pero á xente que quere axudar non se lle pode dicir “non axudes”, senón que lles hai que explicar cal é a mellor forma e a máis eficaz para axudar.
Para facilitarlles o traballo, xunto coa lista de tarefas que lles acabo de enumerar, vimos de enviar á Delegación do Goberno unha proposta de documento con preguntas e respostas frecuentes sobre a acollida de refuxiados, para distribuír a toda a cidadanía galega.
Claridade, transparencia, financiamento, información, coordinación. Son os piares que entendemos que debe seguir a acollida de persoas refuxiadas.
Debemos dar certezas ás persoas que viron como a súa vida se derrubaba pola guerra. A man da Xunta está tendida. Os servizos públicos autonómicos competencia constitucional e estatutaria da Comunidade Autónoma están preparados.
Señorías, creo que as necesidades e as posibles solucións que veño de relatar demostran que a tarefa que temos é inxente, urxente e require de todos.
É inxente porque a situación que vivimos inflúe en numerosas frontes e obriga a unha reorientación de decisións que criamos consolidadas.
É urxente porque as medidas non poden agardar a fin de mes e porque moitos milleiros de galegos e de españois non van chegar a fin de mes.
É úrxente e require de todos porque cada un, no ámbito das súas responsabilidades, cada administración ten que dar a cara e dar as respostas que a cada un lle compete.
Señorías, esta comparecencia responde en efecto a unha necesidade. Dada a evolución dos acontecementos nos últimos días, vendo que o Goberno central non achega máis información nin máis novidades polo momento, crin que o meu deber era non agardar por el. E compartir con este Parlamento o que nós, desde a Xunta, xa fixemos, e o que sabemos, aínda que esa información recibida sexa moi incompleta o que probablemente teñamos que seguir facendo.
Non lles oculto que me preocupa a ausencia das políticas de Estado que considero imprescindibles para este momento. As políticas de Estado non son o mesmo que as políticas de Goberno, algo que no noso país se confunde con demasiada frecuencia.
Pois ben, tristemente en España non hai política de Estado neste momento. Hai políticas de Goberno. En plural. Nin sequera se pode falar en cuestións esenciais de política de goberno en singular.
Por que cal é a política do Goberno? E que acaso o Goberno pensa o mesmo sobre os temas fundamentais de España? Non. E que acaso non teñen diferencias evidentes? Si. E que acaso cando o presidente fala non é automaticamente emendado por una vicepresidenta? Tamén. E que acaso os presidentes autonómicos de todas as cores políticas, non están de acordo, sobre a falta de decisións do Goberno, as divisións e as contradicións do Goberno central? Si.
Vímolo con especial profusión nestes días, ao respecto das novidades coñecidas polos medios en materia de política exterior. Dicir nun parlamento democrático que nos enteramos polos medios de comunicación, a través do Goberno de Marrocos do posicionamento de España en relación co Sáhara é algo que nunca ocorreu no noso país, xamais.
Un asunto ao que tamén quixera referirme para finalizar, dadas as súas consecuencias.
En primeiro lugar, para insistir -espero que co seu apoio- en que a política exterior é unha política de Estado. Non lle pertence ao Presidente Sánchez, non lle pertence ao Goberno actual e desde logo non lle pertence ao Partido Socialista actual que rompeu os acordos do partido socialista anterior.
En segundo lugar, para sumarnos desde Galicia á solicitude de explicacións detalladas, concretas e transparentes sobre esa decisión. En que consiste esa decisión? Que é o que se pactou? Cal é o contido e alcance da mesma? Como afecta a Ceuta e Melilla esta decisión? Como afecta ao pobo sahariano? Como afecta, en definitiva, ao Magreb? Como afecta ao sur da UE? Como afecta a España e a norte de África?
E, en terceiro lugar, para pedir que se confirme con toda claridade e contundencia que o Goberno central ten perfectamente medida a reacción alxeriana e que existen certezas respecto do subministro de gas a España no curto prazo.
Quero crer que é así.
Quero crer que a preocupación que se está a trasladar é infundada.
Pero loxicamente, ademais de querer crelo, necesitamos que nolo confirmen.
Señorías, despexar as dúbidas xeradas a nivel internacional, defender a nosa postura en Europa, decidir a política exterior, débese facer co maior consenso.
Reformular as políticas para que a economía e, consecuentemente o benestar dos cidadáns, se manteña, tamén.
Organizar a atención aos refuxiados igualmente.
Trátase de sumar e acordar para ser máis fortes ante as dificultades.
Desde logo nós estamos a buscar ese traballo conxunto cos sectores afectados. Con todos. Sen excepcións e sen escusas. É o noso deber escoitar as posicións de todos para tentar convertelas, na medida do posible e sempre que sexa posible en medidas concretas.
Igualmente, tamén nos gustaría o acordo co Goberno central. Estamos tentando facelo con propostas, con medidas que poñemos a súa disposición polo ben de todos.
De momento, a resposta que atopamos é decepcionante. Nesta actualidade dominada pola desconfianza e as incertezas, España está en mans de dous gobernos e orfa de políticas de Estado. Creo que é o peor xeito de afrontar os retos que temos por diante.
Quero garantirlle aos galegos que iso non ocorrerá en Galicia.
Con total independencia das decisións persoais que todo o mundo sabe que debo adoptar, a nosa terra preservará a súa estabilidade.
Porque coñezo a este Goberno.
Porque coñezo ao partido que o sustenta.
Porque coñezo a maioría parlamentaria desta Cámara e por iso sei que para todos Galicia está por riba de todo.
Moitas grazas a todos pola súa atención. “