viernes, 21 de enero de 2022

Feijóo, pediu hoxe ao Goberno central un compromiso firme para que os trens Avril cheguen a Galicia no verán e a priorización das obras das autovías na Comunidade

 

Hoxe tivo lugar unha reunión en Santiago entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, acompañados de menbros do seus equipos.

Na nota difuindidad pola Xunta consta que “Feijóo pediu ao Goberno central un compromiso firme para que os trens Avril cheguen a Galicia no verán e a priorización das obras das autovías na Comunidade; unhas obras que, segundo recordou, van a un “ritmo inasumible”, con atrasos nalgún caso de fai 20 anos”.

Tamén “incidiu na necesidade de que o tren de Alta Velocidade se estenda ao resto das cidades galegas, “xa que estamos a falar dun activo extraordinario para Galicia e para o noroeste de España, tanto no eido da industria como no relacionado co sector turístico”, precisou.

Nesta mesma liña, resaltou a importancia de cumprir os tempos de conectividade pactados: Santiago-Madrid en 2 horas e 50 minutos; Pontevedra-Madrid en 3 horas e 10 minutos; Vigo-Madrid en 3 horas e 20 minutos; e Coruña-Madrid en 3 horas e 15 minutos. “E acordamos tamén abordar nas vindeiras semanas cun grupo técnico como levar o ancho internacional ata Santiago, co fin de facilitar a conectividade e a competitividade”, engadiu.

En relación ás intermodais, o presidente autonómico cualificou de “boa noticia” o anuncio da licitación neste semestre de 2022 da estación de Ourense, converténdose na primeira gran estación de alta velocidade de Galicia. “E, deste xeito, quedarían pendentes as intermodais da Coruña e de Lugo”, recordou, facendo fincapé en que, pola súa banda, a Xunta xa ten consignado unha partida nos orzamentos para levar a cabo as obras das estacións de autobuses.

O responsable autonómico referiuse tamén ao risco de configurar unha rede ferroviaria galega de dúas velocidades na que Lugo e Ferrol queden descolgadas. Así, no caso de Lugo, ademais da planificación de modernización da liña, reiterou que sen variantes de trazado non se poderá aspirar a unha conexión con Madrid competitiva; e, en relación con Ferrol, demandou unha planificación e que se leve a cabo o baipás de Betanzos. Ademais resaltou o necesario compromiso coas conexións de Vigo con Ourense e Porto, coa Variante exterior en Ourense -da que falta máis da metade por licitar-, así como coas obras pendentes da remodelación do antigo túnel do Padornelo.

No que se refire ao ferrocarril de mercadoría, o titular da Xunta valorou a creación por parte do Ministerio de Transportes dun comisionado no que participen as comunidades e se prioricen as cuestións de rede básica do Corredor Atlántico. E, especificamente, valorou a confirmación da licitación, o vindeiro mes, da conexión ferroviaria a Punta Langosteira; e solicitou que se dea prioridade á saída sur de Vigo e á conexión con Porto.

Ademais de demandar novamente a transferencia da AP-9, o presidente galego aproveitou o encontro para solicitar que se apliquen na autoestrada Santiago-Lalín (AP-53) as mesmas bonificacións que se están a implementar noutras autoestradas.


Feijóo e a ministra Raquel Sánchez abordaron tamén os necesarios avances nas autovías que o Goberno central está a construír na Comunidade. Ao respecto, instou ao Executivo a desbloquear as obras da autovía Lugo-Ourense, planificada hai 18 anos e con só o 9% do trazado executado; así como a fixar unha data de finalización da autovía Lugo-Santiago, toda vez que o tramo Melide-Palas de Rei estará rematado no 2023 e queda aínda pendente o treito Arzúa-Melide.

“Sobre a autovía Ourense-Ponferrada expuxen a necesidade de priorizar as variantes do Barco de Valdeorras e de Monforte, ademais do tramo Villamartín-Requejo-O Barco”, dixo, valorando tamén o obxectivo do Ministerio de Fomento de licitar neste 2022 o subtramo Foz-Burela da autovía da Mariña.

Por último, e como alternativa á A-55, o titular da Xunta trasladou a proposta do Executivo galego de converter en autoestrada de peaxe en sombra o treito da AP-9 entre Vigo e O Porriño.

Finalmente e ante a posibilidade de que o Goberno central implante un sistema de pago en todas as autovías de España, Feijóo insistiu en que a opción do custo por quilometraxe sería discriminatoria para os territorios máis periféricos, “estamos a falar dun modelo que quebrantaría a competitividade da economía”, abundou.”