jueves, 27 de enero de 2022

EPA IV Trimestre : Galicia finalizou 2021 con 1.091.300 persoas ocupadas e unha taxa de paro do 11,00%

 

Difunde hoxe o INE a Enquisa de Poboación activa (EPA) correspondente ao IV Trimestre de 2021. Estos son os principais datos procesados polo Instituto Galego de Estatistica (IGE)

Poboación activa

 

No cuarto trimestre de 2021 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.340.800 persoas, das cales 1.226.400 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 52,4 %. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas diminúe en 12.800 persoas e a taxa de actividade decrece 0,5 puntos respecto ao terceiro trimestre de 2021.

 

Con respecto ao mesmo trimestre de 2020, o número de persoas activas aumenta en 2.900 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,1 puntos. Por sexo, a taxa de actividade masculina diminúe 0,9 puntos, situándose no 57 %. A taxa de actividade feminina diminúe 0,2 puntos porcentuais e sitúase no 48,2 %.

 

Poboación ocupada

 

A ocupación diminúe en 21.200 persoas no cuarto trimestre de 2021 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.091.300 persoas ocupadas. A taxa de ocupación baixa 0,9 puntos neste trimestre, ata o 46,6 %. Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 10.400 persoas, o que supón un incremento do 1 % en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre diminuíu tanto a ocupación masculina como a feminina: o número de ocupados varóns decreceu en 12.200 persoas respecto ao terceiro trimestre do ano 2021 e a ocupación das mulleres rexistrou un descenso de 9.000 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha baixada da taxa de ocupación masculina de 1,1 puntos e de 0,7 puntos no caso da feminina. Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2020, o número de homes ocupados aumenta en 3.500 persoas (un 0,6 %), mentres que o de mulleres ocupadas aumenta nun 1,4 %.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta na industria e na construción, pero diminúe nos sectores primario e de servizos. Na industria a ocupación increméntase en 1.600 persoas no cuarto trimestre do ano respecto ao anterior; na construción, o incremento cífrase en 500 persoas. O sector primario rexistra unha diminución de 5.000 traballadores e traballadoras e no sector servizos, a baixada cífrase en 18.200 persoas. Con respecto ao mesmo trimestre de 2020, a ocupación diminúe no sector primario, na construción e na industria (-6,8 % no primeiro caso, -5,4 % no segundo e -0,5 % no terceiro), e aumenta no sector servizos (un 2,6 %).

Poboación asalariada

En Galicia había 884.300 persoas asalariadas no cuarto trimestre de 2021, 669.100 con contrato indefinido e os 215.200 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 1.500 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 0,2 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe, pola contra, en 19.700 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 8,4 % con respecto ao terceiro trimestre de 2021). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 1,3 %, e as persoas con contrato temporal aumentaron un 1,8 %. A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 24,3 %.

Poboación parada

No cuarto trimestre de 2021 en Galicia había 135.100 persoas en paro, 8.400 máis que no trimestre anterior. A taxa de paro aumenta 0,8 puntos e sitúase no 11 %. Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2020, o número de parados e paradas diminúe en 7.500 persoas (un 5,3 %) e a taxa de paro diminúe 0,7 puntos en termos interanuais.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 63.100 persoas (1.700 máis que hai tres meses) e o de mulleres é de 72.000 persoas (6.700 mulleres máis en paro). A taxa de paro masculina aumenta 0,4 puntos porcentuais e a feminina 1,1 puntos, situándose a primeira no 9,9 % e a segunda no 12,2 %. No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino baixa en 2.300 persoas (un 3,5 % menos) e o volume de paradas diminúe en 5.300 persoas (un 6,9 % menos que hai un ano).

Fogares

No cuarto trimestre de 2021, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 4.800 unidades e sitúase en 50.900 fogares. Respecto ao cuarto trimestre de 2020, esta tipoloxía de fogares redúcese un 0,2 %. Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 7.700 unidades. O número de fogares nesta situación é de 634.900. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 20.500 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 3,3 % en termos relativos.

Poboación xuvenil

Dos 320.600 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 113.300 (o 35,3 %) están ocupados/as, 34.100 (o 10,6 %) parados/as e os 173.200 (o 54 %) restantes son inactivos. A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 35,3 % no cuarto trimestre de 2021. Con respecto ao trimestre anterior diminúe 2,6 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2020 aumenta 2,8 puntos. A taxa de paro xuvenil sitúase no 23,1 % neste trimestre; aumenta 1,3 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co cuarto trimestre de 2020, redúcese 3,2 puntos.

Grandes concellos

Se comparamos os datos dos sete grandes concellos galegos (aqueles que superan os 50.000 habitantes), observamos que Santiago e Lugo son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (52,2 % e 52,7 % respectivamente) no cuarto trimestre de 2021. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (38,5 %). No referido ás taxas de paro, este trimestre Santiago de Compostela é o concello de entre os sete grandes con menor valor (3,8 %) e Ferrol o que presenta a taxa de paro máis elevada (22 %).