Designadas as xestoras que dirixirán as xuntas locais do PPde Ourense, Xinzo de Limia, San Xoán de Río e Pobra de Trives ata a celebración dos seus respectivos congresos locais

 

Onte o comité executivo do Partido Popular de Ourense, reunido por primeira vez logo do congreso provincial de setembro, procedeu no mosteiro de San Pedro de Rocas á designación das xestoras que dirixirán as xuntas locais de Ourense, Xinzo de Limia, San Xoán de Río e Pobra de Trives, ata a celebración dos seus respectivos congresos locais.

O presidente provincial, Manuel Baltar, enmarcou o nomeamento das xestoras no “regulamentario proceso de convocatoria dos congresos locais”, tras a celebración do conclave provincial en setembro e do galego en xullo. “Comeza así unha nova etapa no partido de Ourense -afirmou- que demostrará unha vez máis unha das súas fortalezas: a implantación no territorio”.

Nesta liña, o presidente popular recoñeceu que a elección do mosteiro de San Pedro de Rocas para a primeira convocatoria do comité executivo non era casual, “pois así referendamos un dos compromisos adquiridos hai xa tempo, como é a celebración das reunións dos órganos de dirección en diferentes puntos da provincia, cumprindo ademais cunha particular tradición xa que tamén aquí reuniuse por primeira vez a dirección provincial despois do congreso de 2016”. Un escenario “senlleiro da provincia”, subliñou Baltar, “que cobra máis protagonismo trala recente concesión do Premio da Cultura Galega 2021 ao mosteiro máis antigo de Galicia e ao monumento máis visitado da Ribeira Sacra”.

A dirección provincial acordou nomear a Flora Moure, actual portavoz no concello da capital, como presidenta da xestora do PP de Ourense cidade, na que tamén estarán Celso Delgado, Miguel Ángel Viso, Marisol Díaz, Noelia Pérez, Marta Rodríguez-Vispo, Eugenia Díaz, Belén Iglesias, Francisco Javier Rodríguez, Jorge Pumar, Aurelio Gómez, María Antonia Rilo, Ana Fernández Morenza, Mario Guede, Jesús Cudeiro, Sonia Ogando e Fabio Tabarés.

A dirección provisional do PP en Xinzo de Limia estará encabezada por Carlos Gómez Salgado, parlamentario autonómico, ao que acompañarán Antonio Fernández Veiga, Dolores Calvo, Ángeles Novoa e Silvia Blanco.

No caso de Pobra de Trives será Roberto González Castro, actual portavoz municipal, o que presida a xestora local acompañado por Luis Araújo Rodríguez, Carlos Castro e Simón Rodríguez. O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, dirixirá pola súa banda a xestora desta agrupación, xunto con Gerardo Rodríguez, José Luis Fernández e Samuel Pérez.


Con la tecnología de Blogger.