miércoles, 10 de noviembre de 2021

A Xunta salienta que Galicia asumirá por lei e cunha estratexia propia os obxectivos da COP26 para conseguir ser rexión referente en neutralidade climática


Galicia comprometeuse o pasado día 7 no marco da
COP26 que se celebra en Glasgow a traballar para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) co obxectivo de contribuír a manter o aumento da temperatura media global por baixo dos 2˚C ao final deste século, pero co obxectivo de que no supere os 1,5ºC na medida do posible.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou en representación da Xunta o Memorando de Entendemento Under2 2021, unha declaración de intencións en virtude da cal todos os países e, especialmente, as rexións asinantes asumen o reto de implementar, de forma coordinada, as medidas e actuacións necesarias para limitar o quecemento global.


“Galicia entra no liderado do clima a nivel internacional, un compromiso non eximido de retos, pero sobre todos con grandes oportunidades”, salientou a conselleira.


Entre os temas de interese para a cooperación e coordinación que reflicte o Memorando, nos que seguirá avanzando a Comunidade, están a promoción e integración de fontes renovables; a redución das emisión do sector industrial, ao tempo que se apoia o crecemento e a creación de emprego; a mobilidade sostible; a tecnoloxía para a redución de residuos; a investigación; ou a divulgación pública sobre o cambio climático.



A Coalición Under2 reúne na actualidade a 260 gobernos que representan a 1,75 billóns de persoas e o 50% da economía mundial, cifras que a converten no grupo máis grande de estados e rexións comprometidos de forma para loitar contra o cambio climático. Cómpre lembrar que, ademais de Galicia, Andalucía, País Vasco, Cataluña, Navarra e Madrid son tamén signatarias.


Tamén a conselleira salientou que Galicia asumirá por lei e cunha estratexia propia os obxectivos e metas establecidos na 26ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático en Glasgow —COP26—, para converterse en rexión referente en neutralidade climática.


Esta nova norma estará baseada na Estratexia galega de cambio climático e enerxía, coa que acelerar o camiño co que preservar os recursos naturais e a recuperación e fortalecemento da economía.


“Galicia fai os deberes”


A conselleira destacou esta semana que Galicia leva anos de acción activa, “facendo os deberes”, o que lle permitiu reducir as emisións GEI nun 23,8% na Comunidade, mentres que no conxunto do Estado subiron un 8%.


Así, o traballo realizado e os compromisos asumidos permiten afirmar que Galicia entra con paso firme no liderado do clima a nivel internacional, tal e como quedou patente o pasado fin de semana en Glasgow.


Indicou que Galicia tamén vai por diante grazas á xestión axeitada dos residuos, un dos piares fundamentais na loita contra o cambio climático; ao que engadiu que o horizonte máis inmediato estará marcado pola Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, que conta cun investimento de 60 millóns de euros para construír- entre outras actuacións- as tres novas plantas de biorresiduos e a construción ou adaptación de 13 plantas de transferencia.


Por último, sinalou que estas actuacións serán unha realidade grazas aos 200 millóns de euros de orzamento que xestionará a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e Sogama, para que Galicia siga loitando contra o cambio climático e camiñe con paso decidido cara a economía circular.