lunes, 22 de noviembre de 2021

Feijóo celebra que Galicia estea a piques de cumprir un fito histórico coa chegada do AVE a Ourense o vindeiro 21 de decembro

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe que Galicia estea a piques de cumprir un fito histórico coa chegada do AVE a Ourense o vindeiro 21 de decembro. “Temos algunhas etapas do camiño aínda pendentes, pero estamos a punto de culminar unha meta histórica: a chegada do AVE a Ourense, a porta de entrada da alta velocidade a Galicia”, dixo, reiterando a necesidade de que o mapa da alta velocidade se vaia completando, chegando ao resto das cidades galegas co fin de cumprir o calendario de tempos comprometidos.

Tras o percorrido de probas do novo tramo de alta velocidade ferroviaria Pedralba de la Pradería-Ourense, Feijóo constatou que todo está apunto para que, de xeito inminente, se poida poñer en servizo o último tramo das obras da liña entre Galicia e Madrid, recordando que o AVE é para a Comunidade obxectivo prioritario desde hai varias décadas.

O titular da Xunta subliñou que o fin agora é conseguir que todos os galegos teñan acceso a esta conexión de alta velocidade coa capital de España. E, nesta liña, salientou que en canto se dispoña da información precisa sobre os horarios con que van a operar os servizos de Renfe, a Administración autonómica traballará para acadar a máxima coordinación posible coas frecuencias dos autobuses.

Con este mesmo obxectivo, Feijóo lembrou que o Goberno galego está a achegar as estacións de autobuses das principais cidades ás estacións ferroviarias, contribuíndo a facilitar un intercambio co tren áxil, fácil e seguro.

“A estación de Ourense, primeira intermodal en servizo na nosa Comunidade é un exemplo do traballo feito. Tamén en Santiago cumprimos os compromisos para desenvolver un gran centro de transporte público; nos próximos meses finalizaremos os traballos nas novas estacións intermodais de Vigo e Pontevedra; e esperamos poder pechar pronto os acordos para dotar de equipamentos similares as cidades da Coruña e de Lugo, así como poder avanzar nun proxecto que mellore as infraestruturas do transporte en Ferrol”, precisou.

Do mesmo xeito, referiuse ao traballo que debe realizar o Goberno de España na parte que lle corresponde, ás estacións de tren. Neste sentido, agarda que en próximas datas se comece a ver o inicio da transformación das terminais ferroviarias para adecualas tamén á chegada do AVE.

Coa posta en servizo antes de que finalice o ano, Feijóo confirmou que a viaxe entre Ourense e Madrid verase reducida en máis dunha hora, alcanzando a meta de conectar ambas cidades en dúas horas e 15 minutos. Unha redución da que se beneficiarán as cidades de Santiago, Vigo, A Coruña e Pontevedra, cuxo tempo de conexión con Madrid tamén se acortará de forma significativa; “se ben terán que esperar aínda para ver chegar os trens AVE as súas estacións e para alcanzar os tempos de viaxe comprometidos”, matizou, recordando que debido ás peculiaridades da rede interior da Comunidade, para pasar de Ourense ao resto das cidades, os trens deben ser de rodadura desprazable.


Sobre este punto, Feijóo aproveitou o acto para reiterar a necesidade de que Galicia poida dispoñer dos trens AVRIL antes do verán, ante a celebración do Ano Santo que se estenderá tamén ao 2022.

Nun contexto global que aposta pola mobilidade máis sostible e pola súa descarbonización, e nun escenario no que se avanza en novas vías de fiscalidade para o transporte por estrada, Feijóo salientou que Galicia e Castela e León precisan contar con infraestruturas e con servizos de transporte ferroviario necesarios para salvar a súa posición xeográfica e periférica. Ao respecto, referiuse á necesidade de levar a cabo o Corredor Atlántico, así como a saída Sur de Vigo para completar o AVE do Atlántico; “e tampouco podemos renunciar ao futuro ferroviario que conecte Vigo con Ourense de forma directa e aos compromisos co AVE entre Lugo e Ourense”, recalcou.