EPA III Trimestre de 2021: Galicia ten 25.700 menos que no trimestre anterior e o número de parados diminue en 18.100, un 12,5 % respecto ao ano anterior

 


No terceiro trimestre de 2021 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.340.900 persoas, das cales 1.239.200 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 52,9 %. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 10.100 persoas, mentres que a taxa de actividade aumenta 0,4 puntos respecto ao segundo trimestre de 2021.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2020, o número de persoas activas aumenta en 11.800 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,4 puntos. Por sexo, a taxa de actividade masculina aumenta 1 punto, situándose no 57,9 %. A taxa de actividade feminina diminúe 0,1 puntos porcentuais e sitúase no 48,4 %.

Poboación ocupada 

A ocupación aumenta en 35.800 persoas no terceiro trimestre de 2021 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.112.500 persoas ocupadas. A taxa de ocupación aumenta 1,5 puntos neste trimestre, ata o 47,5 %. Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 29.900 persoas, o que supón un incremento do 2,8 % en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre aumentou tanto a ocupación masculina como a feminina: o número de ocupados varóns incrementouse en 22.000 persoas respecto ao segundo trimestre do ano 2021 e a ocupación das mulleres aumentou en 13.700 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha subida da taxa de ocupación masculina de 1,9 puntos e de 1,1 puntos no caso da feminina. Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2020, o número de homes ocupados aumenta en 10.200 persoas (un 1,8 %), mentres que o de mulleres ocupadas aumenta nun 3,9 %.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta en todos os sectores, agás na construción. Na industria a ocupación increméntase en 3.100 persoas no terceiro trimestre do ano respecto ao anterior; o sector primario rexistra un aumento de 4.700 traballadores e traballadoras e no sector servizos, o incremento cífrase en 35.200 persoas. Pola contra, na construción prodúcese unha caída na ocupación de 4.700 persoas. Con respecto ao mesmo trimestre de 2020, a ocupación diminúe na construción, na industria e no sector primario (-7,3 % no primeiro caso, -4,9 % no segundo e -0,4 % no terceiro), e aumenta no sector servizos (un 5,9 %).

Poboación asalariada 

En Galicia había 902.500 persoas asalariadas no terceiro trimestre de 2021, 667.600 con contrato indefinido e os 234.900 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 10.200 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido, o que supón un incremento de 1,6 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal tamén aumenta, neste caso en 25.300 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha subida do 12,1 % con respecto ao segundo trimestre de 2021). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 0,6 %, e as persoas con contrato temporal aumentaron un 8,4 %. A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 26 %.

Poboación parada 

No terceiro trimestre de 2021 en Galicia había 126.700 persoas en paro, 25.700 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminúe 2,2 puntos e sitúase no 10,2 %. Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2020, o número de parados e paradas diminúe en 18.100 persoas (un 12,5 %) e a taxa de paro diminúe 1,6 puntos en termos interanuais.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 61.400 persoas (10.300 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 65.300 persoas (15.300 mulleres menos en paro). A taxa de paro masculina diminúe en 1,8 puntos porcentuais e a feminina en 2,5 puntos, situándose a primeira no 9,5 % e a segunda no 11,1 %. No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino baixa en 7.600 persoas (un 11 % menos) e o volume de paradas diminúe en 10.600 persoas (un 14 % menos que hai un ano).

Fogares 

No terceiro trimestre de 2021, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 12.000 unidades e sitúase en 46.100 fogares. Respecto ao terceiro trimestre de 2020, esta tipoloxía de fogares redúcese un 13,3 %. Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 29.900 unidades. O número de fogares nesta situación é de 642.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 34.800 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 5,7 % en termos relativos.

Poboación xuvenil 

Dos 321.200 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 121.800 (o 37,9 %) están ocupados/as, 34.000 (o 10,6 %) parados/as e os 165.300 (o 51,5 %) restantes son inactivos. A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 37,9 % no terceiro trimestre de 2021. Con respecto ao trimestre anterior aumenta 6,2 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2020 aumenta 3,9 puntos. A taxa de paro xuvenil sitúase no 21,8 % neste trimestre; diminúe 5,3 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co terceiro trimestre de 2020, redúcese 6,4 puntos.

No terceiro trimestre de 2021, o 75,9 % dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao segundo trimestre de 2021, esta cifra aumenta un 22,8 %, mentres que a de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial aumenta en 3.200 persoas. Con respecto ao terceiro trimestre de 2020, aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 6.000 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 7.700 persoas).

Dos 111.200 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 35,3 % está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido aumenta un 18,1 % respecto ao trimestre anterior, pero diminúe un 6,7 % respecto ao mesmo trimestre de 2020. O número de mozos e mozas asalariadas con contrato temporal aumenta un 19,6 % respecto ao trimestre pasado, e un 23,9 % respecto ao terceiro trimestre de 2020. A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 64,7 %.

Grandes concellos 

Se comparamos os datos dos sete grandes concellos galegos (aqueles que superan os 50.000 habitantes), observamos que Santiago e Lugo son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (54,6 % e 53,2 % respectivamente) no terceiro trimestre de 2021. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (42,2 %). No referido ás taxas de paro, este trimestre Santiago de Compostela é o concello de entre os sete grandes con menor valor (5,3 %) e Pontevedra o que presenta a taxa de paro máis elevada (15,6 %).

Con la tecnología de Blogger.