viernes, 22 de octubre de 2021

A Xunta adapta os horarios dos autobuses entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña para axustalos ás horas de paso actuais pola Gudiña dos trens que conectan con Madrid

 

Difunde hoxe a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade unha boa nova: a Xunta adapta a partir do vindeiro luns os horarios dos autobuses entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña para axustalos ás horas de paso actuais pola Gudiña dos trens que conectan con Madrid.

Na nota informativa día que: “a redución dos tempos de viaxe dos servizos ferroviarios entre Galicia e Madrid alterou as horas previstas de parada dos trens Alvia nas estacións galegas. Así, na Gudiña, esta variación afectou á coordinación cos servizos de autobús interurbano de titularidade da Xunta que unen a dita localidade co Barco de Valdeorras.

Para garantir que se manteñan enlaces con esperas reducidas, a Xunta atrasa o horario do servizo que permite coller o primeiro tren da mañá con destino a Madrid, que agora pasa máis tarde, creando ademais unha nova expedición para atender os usuarios que chegan no tren de regreso a media tarde.

Con estes axustes, os veciños da zona disporán dun autobús con saída do Barco de Valdeorras ás 6,50 horas adaptado ao tren que pasa pola Gudiña ás 8,24 horas. Pola tarde, coordinaranse os horarios co tren que chega á Gudiña arredor das 17,40 horas, saíndo o novo autobús ás 18 horas con destino ao Barco de Valdeorras.

A Consellería de Infraestrutura incorpora estas dúas posibilidades de enlace á oferta do Plan de Transporte Público de Galicia, atendendo a petición dos Concellos da comarca de Valdeorras.

A demanda actual existente no servizo que sae da Gudiña ás 19,00 horas cara a Viana do Bolo e O Barco de Valdeorras, empregado habitualmente por máis viaxeiros que os que procedían do tren, motiva o seu mantemento sen variacións a pesar do adianto da chegada do Alvia.

A Xunta insta a Renfe a facilitar tamén a intermodalidade entre os servizos de tren e o autobús tamén no rural, pois os esforzos no fomento da mobilidade sostible non deben centrarse unicamente nas cidades.

Así, coa previsión da entrada en servizo da liña de alta velocidade en decembro, a Xunta solicita ao operador ferroviario que informe debidamente dos horarios nas estacións galegas para proceder á coordinación cos servizos de autobús.”


Celebro esta nova que vai a contribuir a que moitos valdeorreses poidan acceder aos beneficios da alta velocidade, grazas a ter un mellor acceso á nova estación "Porta de Galicia" de A Gudiña.

Salientar ademais, que a Xunta traballa neste momento no acondicionamento da OU-533 entre A Gudiña e A Rúa que permitirá achegar á nova estación do AVE aos veciños de municipios como O Barco de Valdeorras, A Rúa, Petín, O Bolo ou Viana, contribuindo ao reequilibrio territorial e que suporá unha mellora das comunicacións por estrada destes concellos da zona oriental de Ourense con Madrid, a través da A-52, e tamén coa fronteira portuguesa.

Lembrar que para este acondicionamento da estrada OU-533 a Xunta solicitou ao Goberno de España fondos do Plan de recuperación, pero lamentablemente os criterios impostos polo Goberno de España para o reparto dos fondos Next Generation de Mobilidade impiden avanzar, con maior intensidade nesta actuació, ao primar os investimentos nos concellos de máis de 50.000 habitantes.