A Xunta licita por 157.000 euros a redacción do proxecto
construtivo desta actuación estratéxica para os concellos de Ourense e de San
Cibrao das Viñas, pero tamén con funcionalidade para toda a área.
Vázquez Mourelle detallou un prazo de 16 meses, que
inclúe o período de información pública, a redacción do proxecto construtivo e
os informes das distintas administracións, xa que serán preceptivos informes do
Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, de Adif ou da
Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Sinalou que as empresas interesadas na redacción do
proxecto poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 7 de outubro.
Subliñou que o trazado desta actuación, que contará co
investimento autonómico de 6 millóns de euros, xa estaba previsto no Plan
Sectorial da Rede Viaria de Ourense, aprobado polo Consello da Xunta no ano
2014.
Destacou que a actuación reducirá o tempo de viaxe, cun acurtamento
do percorrido desde Bemposta ata a N-525 e a A-52, ao pasar dos 7 minutos e 4,6
km actuais a pouco máis de 1 minuto e 1,7 km. Salientou
que a intervención tamén suporá un reforzo da seguridade viaria, ao sacar
tráfico do centro de Ourense, desconxestionando o tránsito doutras rúas como
Marcelo Macías ou a avenida de Zamora.
Características técnicas
Ethel Vázquez concretou que a intervención comeza en
Bemposta, cunha glorieta na confluencia das dúas estradas OU-105 e OU-510 e
finaliza con outra rotonda que dá acceso ao enlace Ourense sur da A-52, xa en
San Cibrao. Ambas as glorietas enlázanse mediante un trazado de 1,7 km,
configurando unha estrada dun carril por sentido.
Apuntou que a execución desta nova vía exixe a construción
dunha ponte sobre o río Barbaña, de 70 metros de lonxitude; un muro de
contención no camiño baixo a ponte; un paso baixo o ferrocarril e outro paso
para dar continuidade a camiños.
Trátase de dar continuidade á estrada autonómica OU-510,
no treito Rairo-Bemposta co obxectivo de pechar a circunvalación de Ourense
polo sur. A este respecto, a conselleira indicou que se prolongará
a estrada OU-510, que une a OU-536 no Ceboliño coa OU-105 en Bemposta, para
conectala coa N-525 e coa A-52, completando un viario de circunvalación
perimetral da cidade, que segundo dixo a conselleira, dará funcionalidade ao
conxunto da área de Ourense.
Fixo fincapé en que esta infraestrutura, presentada
coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, se sumará ao novo acceso ao
polígono de San Cibrao das Viñas desde a A-52, en servizo hai un ano cun
investimento da Xunta de 22 M€.