martes, 31 de agosto de 2021

Presentados os 16 novos vehículos máis modernos e accesibles e con menor pegada ambiental para o transporte público na comarca de Ourense

 


Onte a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou na presentación dos novos 16 autobuses que se empregarán no servizo de transporte público da Xunta na comarca de Ourense, a través da UTE Minho Bus-Gavilanes, e que estarán funcionando para o inicio do curso escolar.

Remarcou que estes vehículos, a maioría deles adquiridos a un distribuidor ourensán, UNVI, son máis modernos, eficientes e accesibles, ao dispor dunha rampla e plataforma para favorecer os desprazamentos das persoas con mobilidade reducida, ademais de suspensión pneumática para baixar o autobús ao nivel mínimo.

Subliñou que tamén son autobuses cunha menor pegada ambiental, con características e potencia que minimizan consumo e emisións.

Aposta polo transporte público

Fixo fincapé na aposta da Xunta polo transporte público, que se traduce na mellora de infraestruturas como a nova estación de autobuses da intermodal de Ourense, e dos servizos, coa implantación do Plan de Transporte Público de Galicia.

O Goberno galego puxo en marcha novas modalidades de transporte, como o autobús compartido, que aproveita as prazas baleiras do transporte escolar, e os servizos baixo demanda, que permitiron levar o autobús a onde antes non chegaba.

Ethel Vázquez remarcou que a Xunta renovou máis de 3.300 liñas de autobús que hoxe percorren 60 millóns de quilómetros ao ano, para o que é preciso un investimento autonómico anual de 80 millóns de euros.

Lembrou que no caso concreto de Ourense e a súa contorna, o Plan de Transporte Público de Galicia permitiu incrementar os servizos que se viñan prestando, tanto en días laborables como nas fins de semana.

Ademais, apuntou que agora existen mellores conexións co hospital, cos equipamentos sociais e culturais ou cos polígonos industriais.  Así, a Xunta reforzou a mediados de xuño o transporte público entre Ourense e o polígono de San Cibrao e o de Barreiros, con novas frecuencias e paradas.

Concretou que o contrato actual de Ourense e contorna conta con 75 rutas e 480 paradas para dar servizo a 20 concellos de Ourense e contorna. De xeito máis detallado, préstanse máis de 220 servizos de autobús entre semana, en días laborables, e máis de 70 nas fins de semana.

Destacou que o impulso da Xunta polo transporte público tamén se traduciu en mellores tarifas e aforros para as familias, achegando o transporte público gratuíto para os menores de 21 anos de toda Galicia, empregando a tarxeta Xente Nova.

Salientou que a día de hoxe, 4.064 mozos da provincia viaxan de balde por toda Galicia nalgunha das 3.300 liñas de transporte público en autobús da Xunta, e deles, 2.700 mozos da comarca de Ourense.

Puxo como exemplo a unha familia dun rapaz de Ourense que se despraza todos os días a estudar a Santiago, pois aforra 2.700 euros ao ano no transporte da Xunta, nos 9 meses de curso, empregando a Xente Nova. No caso de que ese rapaz se desprace desde Verín todos os días para estudar en Ourense, o aforro é de case 1.800 euros ao ano.

A tarxeta Xente Nova está operativa na provincia de Ourense desde o pasado xuño, pero desde o 21 de maio estendeuse aos 313 concellos de Galicia. Neste sentido, a conselleira indicou que a extensión da cobertura territorial supuxo un incremento na distribución de dispositivos, xa que desde maio se entregaron 1.150 na provincia.