Hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou que "o Pazo Provincial converterase nun gran hotel balneario de referencia en toda Europa e o punto de partida dunha nova etapa de dinamización económica, pero tamén para o posicionamento de Ourense no ámbito termal internacional". No patio interior da Deputación, onde durante os últimos meses se estivo a realizar unha captación termal protexida, Baltar deu a coñecer o informe que certifica que "baixo esta edificación existe auga mineromedicinal e caudal suficiente para poñer en marcha a instalación termal que proxectamos".
Os resultados destes traballos, explicou, "indican a existencia dun acuífero termal cun caudal de 3 litros por segundo, a unha temperatura de 41,6 graos e a 172 metros de profundidade, cun contido en sales minerais e PH propio das augas termais de Ourense". O informe mesmo engade que o gradiente térmico quintuplica os valores propios desta área termal, obtendo ata 14 graos de temperatura máis por cada cen metros que se profunden.