viernes, 23 de julio de 2021

Feijóo pide un PPdeG aberto 24 horas e centrado no que importa para que o éxito das autonómicas se traslade a todos os concellos

 

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu un partido aberto as 24 horas do día e comprometido exclusivamente coas necesidades dos galegos para que o éxito das eleccións autonómicas se traslade a todos os concellos.

Deste modo se expresaba no primeiro Comité de Dirección dos populares galegos tralo 17º Congreso autonómico, onde resaltou que a súa formación non ten outro horizonte nin outra motivación que traballar polo que á xente lle importa, engadindo que nin un só dos seus problemas pode ser ignorado, senón que hai que dar a cara para resolvelos.

 UNHA POLÍTICA DIFERENTE Á QUE SE VE NESTES TEMPOS

O líder do PPdeG admitiu que o seu partido non practica a política do resto de formacións. Nese senso, lamentou que, mentres toda España está preocupada pola pandemia e polas súas consecuencias, o Goberno central só se ocupe de avaliar canta tenreira comemos ou de falar de “Franco, da matria ou de niñes”.

Segundo salientou, a súa organización naceu para construír e mellorar a sociedade na que vivimos, por iso incidiu en que “a cada preocupación nun lugar respondamos cunha visita, a cada pregunta cunha chamada, a cada inquedanza cunha resposta empática e sensible, e a cada problema cunha proposta”.

O presidente destacou que o PP é máis necesario que nunca en España, onde hai unha política con máis inestabilidade, irresponsabilidade e egocentrismo que nunca, ademais de estar permanentemente suxeita ao independendismo polas constantes demandas dos socios de Pedro Sánchez.

Pero, como subliñou, o Partido Popular tamén é necesario nos concellos, xa que, por moito que nos municipios o PSOE trate de evitar falar en exceso de Sánchez e o BNG procure falar pouco de independencia, son os mesmos malia disfrazarse para parecer algo distinto.

“Somos o primeiro partido de Galicia grazas a unha política seria e responsable, e podemos ser o primeiro partido nos concellos con esa política tamén”, dixo apuntando que non son “salvadores de ninguén” senón “servidores do pobo”. Sobre isto, explicou que aos populares lles interesa o mesmo que aos cidadáns: que a economía volva crecer, que o paro descenda, que a formación e a política estean á altura, que haxa servizos públicos que funcionen e que se poidan manter hoxe e no futuro, e que se xeren oportunidades para a xuventude.

Feijóo manifestou que a súa organización está centrada nas persoas, polo que nunca se vai esquecer dos seus. Así, fronte aos nacionalistas galegos, que miran con envexa aos independentistas cataláns, recalcou que o PPdeG mira con orgullo aos galegos: un pobo que está afrontando unha pandemia dificilísima con gran responsabilidade e coraxe, e sen ter que envexar nada a ninguén.

Ademais, fixo fincapé na importancia de escoitar, debater, propoñer e seguir esforzándose, avogando por continuar ao carón dos veciños: “Pouco falar de nós e moito falar da xente, pouco figurar e moito peitear o territorio, menos foto de atril e máis proximidade, pouca sede e moita rúa”.

A primeira reunión do Comité supuxo o debut neste órgano para varias persoas. Cinco dos seis novos vicesecretarios estreáronse nel (todos salvo José Manuel Rey, que xa fora membro na súa condición de presidente local de Ferrol). Ademais dos membros natos fixados nos estatutos do partido (presidente, secretario xeral, presidentes provinciais, vicesecretarios, presidente do Parlamento e voceiro parlamentarios), hoxe incorporáronse outras cinco persoas por decisión do propio presidente. Son os coordinadores de Organización, Alberto Pazos; de Comunicación, Mar Sánchez; de Estudos e formación, Álvaro Pérez; de  Interparlamentaria, Marta González; así como a directora xeral do Gabinete do presidente, Marta Varela.

Eles, xunto ao presidente de NNXX, Adrián Pardo, que será convocado ás reunións nas que se aborden temas de xuventude, conforman un Comité de dirección reducido, composto por 20 persoas, preto da metade dos que había antes do 17 Congreso.