O pasado martes o Pleno do Parlamento galego aprobou o ditame da Comisión de estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia ante a crise da Covid-19, que inclúe a distribución dun fondo de consenso de 115 millóns de euros e 506 medidas de actuación. Sen dúbida unha excelente noticia.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy salientou que poñen as bases para “a recuperación da pandemia e crear emprego de calidade para os mozos" e considerou “paradóxico que o BNG non se opuxera ao 72 por cento das propostas e o PSdeG ao 100 por cento na votación por separado do ditame, pero finalmente votaran en contra do ditame na votación en conxunto”.
Na súa intervención, Puy salientou o traballo desenvolvido nesta Comisión de estudo creada hai nove meses, pola que pasaron máis de 50 comparecentes e se analizaron máis de 150 informes realizados por entidades públicas e privadas. “Realizamos un informe final coa mesma responsabilidade coa que os traballadores da sanidade, os servizos sociais, os servizos básicos públicos e privados e os funcionarios fixeron o seu labor nestes meses de pandemia”, sinalou.
Porén, lamentou que “ante a pandemia hai quen viu a posibilidade de acadar utopías organizativas e reformas absolutas da nosa sociedade”, pero salientou que “dimos unha resposta civilizada, solidaria e baseada en recuperar a saúde pública como primeiro paso para poder recuperar social e economicamente unha sociedade afectada pola pandemia”.
Pedro Puy lembrou que “conseguimos acadar consensos para a constitución desta Comisión de estudo e saudamos que houbera acordos”, aínda que amosou a súa preocupación polo reparto dos fondos europeos a cargo do Goberno de España.
TRANSACCIÓNS
O portavoz popular referiuse en concreto ao fondo de consenso aprobado, no que se recollen apoios para os sectores máis impactados pola crise económica (42,7 millóns de euros); para avanzar na transición ecolóxica e dixital (26,5 millóns de euros); para impulsar a innovación e a investigación (14,8 millóns de euros); e para garantir unha recuperación cohesionada socialmente (31 millóns de euros).
“Pero, logo de escoitar ás entidades locais, decidimos que os concellos galegos xestionen 27,5 millóns de euros deste fondo de consenso, o que supón un 24 por cento do mesmo”, salientou.
Para rematar, Pedro Puy lembrou que o Grupo Popular ofreceu 104 propostas de transacción sobre os textos dos grupos da oposición, das que aceptaron 46. Neste sentido, lamentou que tanto BNG e PSdeG “se limitaran a analizar as emendas de transacción formuladas polo Grupo Popular, sen facer propostas alternativas, a excepción de dous casos por parte do BNG”.
Deste xeito, e logo de salientar que o BNG non se opuxo a 365 das 506 propostas do ditame e o PSdeG non votou en contra de ningunha, Puy sinalou que os grupos da oposición rexeitaron apoiar actuacións que se recollen no ditame como que non se incremente a presión fiscal, o control do gasto público, o impulso do diálogo social, a simplificación normativa, as bonificacións para a adquisición de solo industrial, a axenda galega de transición xusta, o Pacto de Estado por Ferrol, o Pacto Social pola Vivenda ou o reforzo dos recursos humanos do Sergas.