sábado, 3 de julio de 2021

Feijóo destaca apoio da Xunta ao sector dos salóns de peiteado e outros tratamentos de beleza.

Hoxe o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o apoio da Xunta ao sector dos salóns de peiteado e outros tratamentos de beleza que nos últimos meses sumaron 6 millóns de euros en axudas impulsadas polo Goberno autonómico, fundamentalmente a través dos dous plans de rescate postos en marcha para axudar aos sectores económicos máis prexudicados pola covid-19, así como a través do Bono Comercio, o Cheque Dixitalización e o Plan Reactiva de comercio seguro, entre outras liñas de axudas.

Durante unha xuntanza cos responsables en Galicia da plataforma de Imagen Personal Creer en Nosotros, na que estivo acompañado pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, Feijóo mostroulle á plataforma o apoio do Goberno galego á petición de rebaixar un 10% o IVE para esta actividade económica, unha demanda do propio sector a nivel nacional e que a Xunta apoia por ser un sector especialmente castigado pola pandemia.

Ademais, o presidente da Xunta salientou que o Goberno galego comparte o criterio de permitir o acceso ás axudas a todo o tecido empresarial galego, como é o sector relacionado cos salóns de peiteado, barbería e estética. Así se fixo no primeiro e segundo plans de rescate, financiados con fondos propios da comunidade autónoma, nos que se atenderon 2.136 solicitudes de axudas procedentes do sector dos salóns de peiteado, case o 90% das recibidas, por un importe de 5,3 millóns de euros.

En canto ao terceiro plan de rescate, actualmente en prazo de presentación de solicitudes, a Xunta decidiu estender igualmente os apoios a todas as actividades económicas e non só á relación de CNAEs do real decreto estatal que regula ditas axudas, na que non aparecían os salóns de peiteado. O máximo responsable da Xunta de Galicia sinalou que as únicas condicións para recibir o diñeiro consisten en acreditar unha baixada de facturación en 2020 con respecto a 2019 do 40% ou máis, e presentar unha declaración responsable do cumprimento destes criterios.

Feijóo, ademais, apuntou que ata o próximo 14 de xullo aínda poden solicitarse as axudas do terceiro Plan de rescate, lembrando que a Administración autonómica está a axilizar e a simplificar o procedemento a pesares das cargas burocráticas impostas polo Estado no Real Decreto-Lei.

A Xunta -sinalou o presidente autonómico- está ao carón dos autónomos e empresas e o ten demostrado coa posta a disposición de 587 millóns de euros en tempo récord para axudarlles a manter a súa actividade económica fronte á pandemia.