Onte coñecemos que A Xunta de Galicia e o Goberno central veñen de acordar conxuntamente o aprazamento estratéxico do último paso na presentación da candidatura do paisaxe cultural da Ribeira Sacra ao Comité do Patrimonio Mundial.
Informa a Xunta na web que “trátase
dunha decisión conxunta e consensuada que permitirá fornecer aínda máis
candidatura atendendo ás avaliacións e os informes de Icomos, organismo asesor
da Unesco no trámite de avaliación das candidaturas. Así o anunciaron o
conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o
embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, tras unha reunión
mantida en París.
Ao remate do encontro, o responsable de Cultura da
Xunta de Galicia explicou que esta decisión “é unha oportunidade para
fortalecer e seguir mellorando aspectos que nos permitan acreditar con toda a
forza os valores excepcionais da Ribeira Sacra” para impulsar, aínda con máis
garantías, a súa inclusión na lista de Patrimonio Mundial. “Acadar o máximo
recoñecemento da Unesco é -precisou- un proceso esixente, polo que os técnicos
do Ministerio e da Consellería de Cultura continuarán traballando conxuntamente
para estar na fase final no prazo de tempo máis breve posible”.
Criterios cada vez máis esixentes para España
“Non podemos estar máis orgullosos do traballo feito e
dos grandes fitos que conseguimos nun tempo récord”, afirmou Román Rodríguez
antes de engadir que cómpre ter en conta que o Comité da Unesco “está
endurecendo as súas medidas e é cada vez máis estrito e rigoroso dando
prioridade aos países con menos bens declarados”. Neste senso, lembrou que
España é un dos tres países con máis bens recoñecidos pola Unesco, só por
detrás de Italia e China. “Dos 48 bens cos que conta España, 13 foron
declarados na última década, o que acredita a solvente traxectoria do equipo
técnico que traballa tamén na candidatura da Ribeira Sacra”, sostivo.
Tanto o conselleiro de Cultura como o embaixador de
España ante a Unesco coincidiron en que Galicia “avanza na boa dirección” e que
o procedemento de avaliación se viu afectado pola situación sanitaria ao
acumularse as candidaturas do ano pasado logo de que Unesco non reunise ao seu
Comité do Patrimonio Mundial.
Prosseco, en Italia, xa o fixo en 2019
A este respecto, expuxeron que a decisión estratéxica
de pospoñer o último paso da candidatura é un trámite “normal e habitual nas
candidaturas que compiten por ser declaradas Patrimonio da Humanidade”.
Concretamente, nos últimos anos optaron por esta mesma vía candidaturas
españolas como o Priorat de Tarragona e a Menorca Talayótica, ou outras a nivel
internacional como Prosseco en Italia, que conseguiu o máximo recoñecemento da
Unesco en 2019 tras aprazar un ano a súa presentación.
Antes de rematar, Román Rodríguez agradeceu a implicación do Ministerio de Cultura e o labor dos técnicos autonómicos e estatais que traballan nesta candidatura e animounos a seguir traballando “para consolidar o gran potencial deste territorio que conta cun gran futuro e que é hoxe máis coñecido que nunca”. “O noso horizonte continúa sendo o mesmo: que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio Mundial. Estou seguro de que estamos preto de conseguilo e por iso desde a Xunta non só manteremos os investimentos previstos, senón que os incrementaremos para continuar poñendo en valor e garantindo a protección do conxunto deste territorio”, declarou.
Continuidade dos investimentos da Xunta
Así, o Goberno galego continuará avanzando de xeito
paralelo á candidatura no Plan Ribeira Sacra, vixente ata 2023. Trátase dunha
ambiciosa folla de ruta dotada con 34 millóns de euros que inclúe 35 accións de
diversos departamentos da Xunta de Galicia vencellados coa ordenación do
territorio, a conservación do patrimonio e dos valores naturais, o
desenvolvemento sustentable, a educación ou a xestión do turismo.”