jueves, 3 de junio de 2021

O aparcadoiro da intermodal de Ourense estará en servizo en xullo para completar a 1ª fase da estación, na que resta aínda a execución da área ferroviaria


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade,
Ethel Vázquez, sinalou hoxe que a Xunta agarda que o aparcadoiro da intermodal de Ourense estea en servizo en xullo para completar a 1ª fase da estación, na que resta aínda a execución da área ferroviaria.

Nunha nota de prensa informan que “Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou as obras do aparcadoiro, que está a executar ADIF, cun investimento de 6,7 M€, e cuxo custo é financiado maioritariamente con fondos propios da Xunta, preto de 4 M€, que representan o 67 %. ADIF-AV aporta o 33 %.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade indicou que, a pesar do atraso sobre as previsións iniciais, e aínda que restan algunhas semanas de traballo, o novo aparcadoiro subterráneo está na súa recta final. Concretou que á falta de elementos como, por exemplo a delimitación e o pintado das prazas ou traballos de sinalización, está previsto que as obras finalicen este mesmo mes de xuño e se organice a súa posta en servizo en xullo.

A conselleira expresou a súa confianza en que así sexa e lembrou que, ademais de para dar servizo á estación intermodal, o aparcadoiro debe estar á disposición dos veciños do barrio da Ponte, que precisa de novos espazos de estacionamento.

O acceso rodado ao novo aparcadoiro subterráneo, con preto de 9.000 m², unha lonxitude de 130 metros -algo máis que un campo de fútbol- distribuídos en 2 andares e cun total de 300 prazas soterradas, realizarase desde a rúa Eulogio Gómez Franqueira. Contará, ademais, con 3 accesos peonís: para uso dos usuarios da terminal de autobuses; para os usuarios do ferrocarril e un terceiro acceso para uso preferente da cidade, para facilitar a entrada directamente aos veciños deste barrio.

Ethel Vázquez indicou que a Xunta solicitou reunión da comisión de seguimento para aclarar as condicións nas que se explotará esta infraestrutura, na que solicitará que se poñan á disposición dos veciños do barrio da Ponte o maior número de prazas posible de xeito gratuíto ou cun prezo meramente simbólico.

Tal e como lembrou, a posta en servizo deste aparcadoiro é a peza que falta para completar a 1ª fase da estación intermodal de Ourense, xa que a nova terminal de autobuses está en servizo desde hai 4 meses, desde o pasado 6 de febreiro

A conselleira subliñou que a Xunta cumpre coa cidade de Ourense investindo un total de 9 M€ na estación intermodal, e o Goberno de España debe cumprir coa parte da reforma ferroviaria. Nese sentido, insistiu na necesidade de convocar a comisión de seguimento para que o Ministerio de Transportes informe sobre as súas previsións de actuación na estación, unha vez aprobado o estudo informativo da reforma ferroviaria.

Puxo de manifesto esta infraestrutura da aposta da Xunta polo transporte público, evidenciada tamén na renovación e modernización levada a cabo en todas as liñas de autobús interurbano, e no compromiso da extensión da tarxeta Xente Nova a toda Galicia desde o 21 de maio.

Destacou, aquí, como desde xuño do ano pasado xa se beneficiaban desta medida os menores de 21 anos de toda a provincia de Ourense, e agora os máis de 3.000 mozos da provincia que teñen esta tarxeta Xente Nova poden viaxar gratis polos 313 concellos no bus da Xunta.”