martes, 13 de abril de 2021

Feijóo incide en que a candidatura galega aos Next Generation conta con 354 proxectos "viables, solventes e non políticos" e pide ao Goberno obxectividade e concorrencia competitiva no reparto

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe no foro Wake up, Spain!, organizado por El Español, Invertia e D+I, que a candidatura de Galicia aos fondos europeos Next Generation conta con proxectos “viables, solventes e non políticos”, baseados nos sectores estratéxicos da nosa economía.

Deste xeito, volveu pedir ao Goberno central obxectividade, concorrencia competitiva e transparencia para que se presentan á Unión Europea os mellores proxectos, “porque iso é o que beneficia á economía e o que xera emprego”, aseverou.

Durante o simposio, Feijóo tivo a oportunidade de expoñer as claves da candidatura galega, formada por 354 proxectos, máis do 70% público-privados, que poderían mobilizar un investimento de case 20.000 millóns de euros; e do Polo para a Transformación de Galicia, formado por oito iniciativas das que catro, polas súas características, teñen como obxectivo xerar un efecto tractor na economía da Comunidade. Ao respecto, destacou especialmente a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira e de residuos celulósicos, así como un centro para a economía circular orientado á valorización de residuos.

O responsable do Goberno galego aproveitou o acto para trasladar de novo a necesidade dunha transición enerxética xusta e non abrupta. “Temos que xestionar a transición, porque a nosa enerxía ten que ser competitiva e para iso, o prezo do megavatio ten que ser razoable”, abundou. Ademais de destacar a aposta de Galicia pola industria aeroespacial.

Ao respecto, salientou o papel dos avións non tripulados en servizos como a vixilancia contraincendios, na cartografía ou na loita contra o furtivismo.

Por outra banda, no tocante ao sector naval, Feijóo referiuse á situación que atravesa Navantia-Ferrol, incidindo na necesidade de carga de traballo e na súa transformación cara ao estaleiro 4.0, para poder competir nos mercados internacionais por novos proxectos.

Ademais do compromiso cun mapa de universidades cada vez máis competitivas e adaptadas á realidade actual, a través dunha estratexia de especialización dos campus, Feijóo resaltou tamén a aposta da Comunidade pola Formación Profesional, que conta xa con máis alumnos que en Bacharelato.

Por último, e en relación á Galicia rural, o presidente do Executivo galego recordou que gobernar Galicia supón considerar que o 97% da súa superficie é rural. “E o obxectivo é dotar de servizos, para atraer economía”, afirmou, destacando, no eido económico, o programa de impostos cero no rural ou a posta en marcha dos polígonos agrarios.

En materia social, puxo en valor servizos como as casas do maior, Xantar na Casa, o Servizo de Axuda no Fogar ou as casas niño.