O Grupo Popular demanda ao Goberno de España que concrete os criterios que rexerán a concesión e xestión dos fondos Next Generation

 

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, demandou hoxe no Parlamento que o Goberno de España “resolva as incertezas e saibamos pronto cales son os criterios que rexerán para a concesión e xestión dos fondos europeos Next Generation”. 

Pedro Puy informou que o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Emprego e Innovación comparecerá este mércores no Parlamento galego para informar dos proxectos galegos aos fondos Next Generation, que facilitarán “reactivar a economía e acelerar os cambios que xa están en marcha, realizando investimentos para adaptarse ás novas realidades dos mercados”.

PARTICIPACIÓN ACTIVA NA PROPOSTA GALEGA

Neste sentido, lembrou o traballo desenvolvido tanto no Parlamento, a través da aprobación da proposición de lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica ou da Comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia; como desde o propio Goberno galego, buscando o consenso a través do diálogo social e escoitando as achegas do Comité de expertos económicos.

“Desde o primeiro momento, a Xunta buscou a participación activa no deseño da proposta aos fondos europeos do tecido produtivo galego, a través da organización de foros sectoriais, como o forestal, o sector biotecnolóxico, o de mar-industria ou de mobilidade sostible; pero tamén do sector público galego, a través da Comisión Next Generation Galicia”, explicou.

Froito deste traballo, o portavoz popular sinalou que existen máis de 350 proxectos avaliados pola Xunta, a maioría de iniciativa pública e que suporían un investimento en Galicia de 20.000 millóns de euros. “Estes proxectos deben ser unha panca para a transformación do tecido empresarial galego, no que teñen un maior peso as pequenas e medianas empresas e, polo tanto, deben ser as principais beneficiarias destes fondos”, sinalou.

Pedro Puy explicou que estes proxectos “teñen unha orientación cara ao que consideramos máis importante: a economía circular e a transición enerxética; a mobilidade sustentable; a innovación, a industria 4.0 e as TICs; a cadea mar-industria; e a sanidade, os modos de vida saudable e a nova economía dos coidados”.

Así mesmo, destacou o Polo para a transformación de Galicia, “que agrupa a oito iniciativas, entre as que destacan a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira e residuos celulósicos, a posta en marcha dun centro para o impulso da economía circular orientado á valorización de residuos; a produción de hidróxeno verde e o desenvolvemento de 1.000 novos MW de enerxía eólica e solar”. Estas dúas últimas propostas facilitarán o autoabastecemento enerxético da fábrica de fibras téxtiles e do centro de economía circular.


Con la tecnología de Blogger.