sábado, 24 de abril de 2021

In memoriam do doutor D. José Carro Otero

En Lugo, no ano 2013 co profesor Carro Otero
Recibo hoxe a triste noticia do falecemento do profesor Don José Carro Otero, catedrático de Medicina e Cirurxía na Universidade de Santiago e especialista en anatomía antropolóxica. 

Actualmente presidía a Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia.

Pero ademais era un gran ilustrado galego, coñecedor da nosa historia e cultura, do patrimonio natural e artístico, especialmente da Catedral de Santiago. Foi un excelente orador, prolífico conferenciante e estaba dotado dunha gran bonhomía. 

Tiven ocasión de coñecerlle, de escoitarlle moitas veces e mesmo de compartir con él, o 4 de outubro de 2013 en Lugo, a participación nunha Xornada organizada pola Asociación de Balnearios de Galicia baixo o lema "Balnearios: Turismo sénior e envellecemento activo". 

Nesta xornada o doutor José Carro Otero, impresionounos coa súa brillante oratoria, loubou as bondades da cura balnearia e fixo a laudatio do Imserso, que neste acto era distinguido coa  Medalla de Balnearios de Galicia polo seu Programa de Termalismo Social, que cumpría 25 anos. 

Defendeu aquelo de máis balneario e menos hospital, con base nas propiedades terapéuticas das augas mineiro-medicinais para procesos crónicos nos ámbitos reumatolóxico e respiratorio, especialmente. Pero non só pola bondade das augas, senón  tamén polos aspectos psicosociais que rodean unha estancia e cura termal.

Sinto moito o seu falecemento, e transmito o pésame á súa familia e amigos. Descanse en paz.