viernes, 16 de abril de 2021

A Xunta licita por 133,5 millóns de euros, un 15% máis, os contratos que garantirán a conservación ordinaria e a vialidade invernal en 5.380 quilómetros de estradas autonómicas nos vindeiros 4 anos

Coñecemos hoxe – pola lectura da web -  que Xunta licita por 133,5 millóns de euros, un 15% máis, os contratos que garantirán a conservación ordinaria e a vialidade invernal en 5.380 quilómetros de estradas autonómicas nos vindeiros 4 anos.

“A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co xefe da área de Construción, Explotación e Seguridade Viaria da Axencia Galega de Infraestruturas, Daniel Núñez, presentou estes contratos que redundarán na seguridade viaria e no mantemento do emprego a través da promoción da obra pública.

De forma previa, Vázquez Mourelle mantivo un encontro de traballo co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e cos presidentes das asociacións provinciais para trasladarlles o contido destes contratos.

Vázquez Mourelle remarcou que o obxectivo é manter a rede viaria autonómica nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios.

A ampla extensión da rede viaria autonómica fai necesario establecer 7 áreas diferenciadas para a mellor organización do traballo: as provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra, contan con dúas áreas cada unha, norte e sur; e unha única área na provincia de Ourense.

Explicou que o programa de conservación ordinaria permite unha vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible.

No marco destas actuacións, puxo como exemplo a reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe das estradas ou o repintado da estrada e dos elementos que as conforman.

Engadiu os traballos de roza periódicos para o control da vexetación e garantir unha boa visibilidade, así como as melloras de firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade.

Sinalou que os contratos tamén blindan a atención das emerxencias que se poidan producir na rede de estradas da Xunta. Así, realízanse limpezas de aceites na calzada, retíranse animais mortos ou árbores caídas ou sinalízanse incidentes que condicionen o tráfico.

Ethel Vázquez fixo fincapé no programa de vialidade invernal, que todos os anos se activa en novembro e se prolonga ata abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa.

A conselleira destacou á disposición dun equipo de 262 profesionais que contan con máis de 100 vehículos e de 445 máquinas, entre pesadas e lixeiras.

Explicou, ademais, que os contratos van permitir realizar rozas ao longo de case 65.000 quilómetros de estradas autonómicas, incrementando nun 33% as limpezas e rozas manuais para o control da vexetación nas marxes das estradas, fronte a outros métodos como os herbicidas. Isto supón un incremento das partidas que se reflicte no importe de licitación dos contratos e dar cumprimento a un acordo do Parlamento galego.

Ademais, renovaranse os sinais verticais en preto de 7.000 km da rede viaria autonómica e as marcas viarias en máis de 17.000 km, o que na práctica significa repintar toda a rede de estradas da Xunta.

Ethel Vázquez puntualizou que os contratos permitirán subrogar ao persoal que viña desenvolvendo estas tarefas, garantindo un posto de traballo estable a 262 persoas, que conservan a antigüidade.

Tamén salientou a aposta polas novas tecnoloxías con innovacións na auscultación, que permiten comprobar o estado, a adherencia ou a regularidade superficial do firme.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destes 7 contratos aos que as empresas terán de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de maio.

Conservación extraordinaria

Na súa intervención, a titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén salientou o esforzo da Xunta por dotar a comunidade de infraestruturas libres de peaxe, aumentando nun 70% as vías de altas prestacións con 220 novos km para que 8 de cada 10 galegos vivan a menos de 15 minutos dunha vía destas características.”