Avanzan as obras do aparcadoiro subterráneo da intermodal


Como queda constancia neste blog, visito con frecuencia a estación Ourense-Empalme para ver a evolución das obras de construción do aparcadoiro subterráneo da intermodal.

Hoxe a primeira hora  da mañá estiven, e fixen estas fotos, que acreditan que os traballos están bastante adiantados.

Lembro unha vez máis que en marzo de 2019 o Consello de Administración de Adif Alta Velocidade aprobou a adxudicación á empresa Acciona, por importe de 5.491.603,69 euros (IVE incluído), a construción deste aparcadoiro na estación intermodal de Ourense.

A súa construción responde ao Convenio Marco de Colaboración subscrito o 22 de xuño de 2016 - na etapa de goberno do Partido Popular- entre o Ministerio de Fomento,  Adif-AV, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, para o desenvolvemento da futura estación intermodal na cidade e a súa contorna urbana.

O Goberno galego achega preto do 65% do financiamento.

Situado baixo a área de aparcadoiro da actual praza da estación, terá unha superficie total de 8.645 metros cadrados distribuídos en dous andares en que se repartirán as 302 prazas e xunto á nova estación de autobuses, garantindo o efectivo intercambio modal para os usuarios.

O soto 1 albergará 145 prazas e o soto 2 inclúe 157. Do total de prazas reservaranse cinco en cada soto para persoas con mobilidade reducida.

Este aparcadoiro subterráneo dará servizo ao complexo intermodal pero tamén ao barrio da Ponte, onde abundan os edificios sen garaxe e falta un espazo de estacionamento de estas características e capacidade.




Con la tecnología de Blogger.