É a primeira longametraxe da produtora galega Portocabo e ópera prima do director Toño López, unha comedia de enredo que relata as peripecias delituosas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun disparatado plan.
O
elenco artístico está integrado, como actores principais, por Xosé Antonio
Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey, xunto coas actrices Eva
Fernández, Iolanda Muíños, e María Vázquez. A Deputación de Ourense colabora
neste proxecto cinematográfico xunto coa Axencia Galega das Industrias
Culturais (Agadic), RTVE, Televisión de Galicia e a denominación de orixe
Ribeiro.
Ten como
escenario a cidade de Ourense e diversos lugares da provincia, ofrecendo ao
equipo de rodaxe localizacións ideais para un traballo no que conviven o rural
e o urbano, o moderno e o tradicional, ademais da súa gran vida social e
cultural. Con este traballo, realizado integramente en galego, Portocabo
escolleu de novo Ourense como plató para as súas producións, como así fixo coa
serie Vidago Palace emitida na TVG, na RTP e na plataforma HBO.
Esta
comedia galega narra as peripecias de Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado
Sabonis (Xosé A. Touriñán), que acaban de meter a pata nun dos seus negocios e
necesitan moito diñeiro. Sabonis atopa a solución ao problema secuestrando a
Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os
enganou e deixou tirados. Pero Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu
cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen idea un novo plan co que Eduardo e
Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para
fracasar, pero como diría Sabonis, “malo será”.
Gustoume moito a longametraxe, é unha comedia moi divertida, cun guión moi logrado. Os actores son magníficos e está moi ben dirixida. Ademais que fóra en versión orixinal en galego e que transcorra a acción na provincia de Ourense e noutras localizacións da provincia preferentemente na comarca do Ribeiro, faia mais atractiva.
Seguro que terá moita aceptación entre o público nas salas comerciais, grazas á alianza con Fílmax, xa que acadará unha distribución sen precedentes para unha película galega pois a partir do 9 de abril proxectaranse 100 copias do filme noutras tantas salas de toda España.