Ao chegar á nova estación de Otero de Sanabria, observo na vía esquerda o flamante novo tren de moi alta Velocidade de Talgo Avril.
Durante o día está parado nesta estación e en horario nocturno realiza as probas na liña de Zamora a Ourense, en orde á súa homologación e posta en servizo por parte de Renfe.
Os ensaios están destinados a comprobar o comportamento de todos os elementos do tren, en especial o sistema de rodadura, en condicións de operación progresivamente máis complexas e ata chegar á velocidade necesaria para homologalo tecnicamente por encima de 360 quilómetros hora. Os coches levan lastre para imitar no posible o peso dos viaxeiros en condicións de operación normais.
Trátase dun tren de gran capacidade, con 521 asentos, dos cales 416 dispoñeranse en clase turista que leva tres asentos ao carón e dous a outro e 105 en preferente, cunha composición como a actual, de dúas e dúas.
Talgo eleva mesmo a 581 as prazas máximas que pode levar este tren. Todos os asentos son orientables no sentido da marcha e dispoñen de pantallas leds accesibles. O tren ten gran espazo para equipaxes de ata 206 litros por praza, con posibilidade de colocar maletas debaixo dos asentos
Renfe adquiriu 30 unidades cun custo total de 1.495 millóns de euros, que inclúen tamén o mantemento durante 30 anos.
Dos 30 trens, a metade están dotadas dun sistema de cambio automático de cambio de vía, polo que poderían circular na liña, por exemplo de Madrid-Zamora-Galicia a 330 quilómetros hora en lugar dos 250 quilómetros hora actuais.
O feito de que sexan trens capaces de circular por vía de ancho internacional e ibérico faios ideais para trazados como o de Madrid Galicia, xa que a alta velocidade ata Ourense será en ancho internacional e a partir de aí en ancho ibérico.