A poboación galega aumentou no ano 2019 un 0,08% pero o peso relativo con respecto á poboación total de España está a diminuír

 

Onte o Instituto Galego de Estatística (IGE) presentou un interesante informe que día que a análise dunha poboación require a elaboración de indicadores demográficos de xeito continuo, para establecer comparacións temporais, que ademais permitan facer comparacións a nivel territorial.

Cada ano o IGE presenta un conxunto de indicadores demográficos para Galicia, por sexo e ata o nivel municipal, que achegan información acerca da estrutura da poboación, da fecundidade, mortalidade e nupcialidade.

Hoxe cito nesta entrada algúns dos indicadores:

A poboación galega aumentou no ano 2019 un 0,08%, segundo as cifras de poboación obtidas da operación estatística Cifras poboacionais de referencia, rachando así unha serie de taxas de variación interanuais negativas experimentadas nos últimos anos. 

A evolución por provincias non foi homoxénea: as provincias da Coruña e Pontevedra experimentan crecemento da poboación no último ano, pero non así Lugo e Ourense, onde a poboación diminúe no último ano un 0,43%, e un 0,32%, respectivamente.

Aínda que en 2019 a Comunidade Autónoma galega experimente un repunte demográfico, o peso relativo da súa poboación con respecto á poboación total de España está a diminuír. Se no ano 2010 a poboación galega representaba o 5,96% da poboación española, no ano 2020 esta porcentaxe diminúe ata o 5,71%.

En canto á distribución da poboación de Galicia por provincias, Lugo e Ourense continúan a perder representatividade mentres que A Coruña e Pontevedra aumentan o seu peso no total galego.

 

https://www.ige.eu/estatico/html/gl/OperacionsEstruturais/PDF/Resumo_resultados_Indicadores_demograficos_2019_2020.pdf

Con la tecnología de Blogger.