A Xunta presenta unha proposta de bonificacións para a AP-9 que inclúe a volta gratis e un desconto adicional do 25% na ida para os usuarios que vaian e volvan nun intervalo de 24 horas

 

Nesta semana, a Xunta presentou unha proposta de bonificacións para a AP-9 que inclúe a gratuidade da viaxe de volta, cunha bonificación adicional dun 25% na ida cando os usuarios vaian e volvan nun intervalo de 24 horas.

O Consello da Xunta abordou o xoves a proposta formulada polo Executivo autonómico para aplicar as bonificacións das peaxes recollidas nos Orzamentos Xerais do Estado, por importe de 50 millóns de euros, da forma máis xusta e útil para os galegos e evitando o incremento de beneficios para a concesionaria.

Máis concretamente, a proposta da Xunta prima as bonificacións aos usuarios recorrentes, coa gratuidade da viaxe de retorno para aqueles vehículos lixeiros que usen o sistema de telepeaxe, con independencia do día da semana que sexa.

A medida está pensada para beneficiar aos usuarios recorrentes, tendo en conta tamén a aqueles traballadores que teñan quenda de noite, como por exemplo o colectivo sanitario, xa que empezan e rematan a xornada laboral en días distintos. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, estímase que o 6,1% dos empregados traballan en horario nocturno máis da metade dos días laborables, polo que poderán ser potenciais beneficiarios desta medida proposta pola Xunta.

Tamén tendo en conta maiores beneficios aos usuarios recorrentes da AP-9, a Xunta propón unha bonificación adicional na ida do 25% para os vehículos lixeiros con telepeaxe que volvan nun intervalo de 24 horas, salvo en domingos e festivos.

Ademais, co obxectivo de mellorar a competitividade do sector do transporte de mercadorías por estrada, fomentar o uso da autoestrada fronte ás vías convencionais e reforzar a seguridade viaria, o Goberno galego propón bonificar o 60% na ida e na volta para todas as categorías de vehículos pesados (pesados I e II).

Prevese que esta medida axudaría a desconxestionar os itinerarios alternativos gratuítos, diminuíndo a accidentalidade e xerando, ao mesmo tempo, aforro á administración titular desas vías convencionais, xa que se reducirían os custos asociados á conservación de estradas.

A proposta formulada pola Xunta para as peaxes da AP-9 recolle maiores descontos aos usuarios recorrentes e para os transportistas de mercadorías por estrada, pero tamén prevé bonificacións en horario nocturno, para as familias numerosas e para os vehículos menos contaminantes.

A proposta bonificacións para as peaxes da AP-9 da Xunta parte dun mellor coñecemento da realidade territorial de Galicia e baséase en formular alternativas máis xustas e beneficiosas para os galegos, evitando que a aplicación das bonificacións nas tarifas supoña un incremento da rendibilidade para a concesionaria da autoestrada.

No establecemento das bonificacións o Goberno galego tivo especialmente en conta as vantaxes para os distintos colectivos e o aproveitamento máximo do potencial que supón a AP-9 para captar tráfico de estradas convencionais saturadas e cunha alta sinistralidade, xa que é unha vía que conecta as principais cidades galegas (Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo) clave, tanto para a mobilidade na Comunidade como para a competitividade do tecido produtivo.

Nas estimacións do custo que suporían para a administración estatal as diferentes bonificacións que se aplicarían na AP-9, a Xunta considerou os 50 millóns de euros previstos nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, estimando a perda de ingresos para a concesionaria polas bonificacións que se establezan, o incremento de ingresos que produciría o tráfico inducido e o incremento do custo de conservación.

Á marxe das bonificacións sobre as peaxes da AP-9, cómpre tamén que o Goberno de España cumpra os compromisos asumidos en relación á autoestrada, liberando a peaxe de Redondela, pendente desde 2018, e deixando sen efecto as subas extraordinarias das peaxes, que o Consello Consultivo de Galicia ditaminou nulas de pleno dereito.

 

 

Con la tecnología de Blogger.