Onte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse co comité de expertos económicos de Galicia para abordar a situación dos proxectos tractores para reactivar a economía tras a pandemia da covid-19. Durante a xuntanza, coincidiron na urxencia de garantir o desenvolvemento dos proxectos tractores en tempo e forma, eliminando barreiras e dotándoos de maior axilidade.
Nesa liña, o comité valorou a Lei de reactivación
económica de Galicia como un instrumento absolutamente necesario para a
axilización administrativa e o fomento da actividade económica privada. E
incidiu no liderado da Xunta na consecución dun amplo consenso político,
económico e social como respaldo imprescindible para o éxito da iniciativa.
Deste xeito, os expertos económicos valoran como unha
decisión correcta a estratexia de reforzamento do Igape e avogan por convertelo
nun punto de conexión e coordinación dos proxectos detectados pola propia
Administración ou presentados desde a iniciativa privada.
Durante a xuntanza tamén se abordou a posibilidade de
poñer en marcha un mecanismo para impulsar os proxectos tractores a través da
colaboración público-privada. Sería unha sociedade de carácter privado con
participación pública relevante pero minoritaria; capaz de involucrar a socios
privados de referencia e de interactuar con institucións públicas autonómicas,
nacionais e europeas, así como con axentes económicos privados; e cumprindo cos
requirimentos para que os diferentes proxectos tractores poidan constituírse
como Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica
(PERTE).
En todo caso, a creación deste mecanismo non limitará a capacidade da Xunta para habilitar outros instrumentos de financiamento ou participación accionarial en proxectos tractores que se consideren esenciais para o tecido empresarial galego, con independencia de que teñan acceso ou non aos fondos europeos.
Entre as funcións que tería este novo instrumento estarían: validar a estratexia integrada no seu conxunto, e de cada un dos proxectos tractores; impulsar, no momento inicial, o desenvolvemento dos diferentes proxectos tractores garantindo unha visión integrada; garantir a xestión coordinada a curto prazo; dinamizar as accións para a captación de fondos; asegurar a xeración e captura de sinerxías; garantir a incorporación de mellores prácticas no desenvolvemento doutros proxectos estratéxicos de similares características en países europeos ou procurar a participación das iniciativas das pemes galegas.